ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 46/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2011, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COS ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

I. ANTECEDENTES


O día 1 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2011, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Segundo se establece na exposición de motivos do proxecto de orde, a política de colaboración con organismos públicos, universidades e institucións sen ánimo de lucro posibilita e contribúe o desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que favorece a creación de emprego.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal ofrécese ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 22 de marzo de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 27 de xaneiro de 2010, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 2/10.

As principais novidades do proxecto normativo son:

Neste proxecto normativo vemos a sensible diminución do crédito asignado a estes programas, reducíndose de once a sete aplicacións orzamentarias as asignadas ao financiamento das axudas (artigo 2º).

Nesta convocatoria para o 2011, obsérvase a introdución dunha serie de requisitos e condicionantes que tratan de obxectivar máis a tramitación e concesión das axudas. Así, introdúcense uns requisitos obxectivos, a partir de cuxo cumprimento se presume que as entidades solicitantes dispoñen da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos (artigo 3º). Igualmente se establecen uns topes máximos de prazas a conceder ás entidades en función do seu ámbito territorial de actuación (artigo 13º) e elimínase a puntuación mínima esixible para poder optar á obtención das subvencións (artigos 13º e 18º).

Tamén destacable, en relación aos axentes de emprego e unidades de apoio, é a introducción dun criterio de valoración que prioriza as solicitudes daquelas entidades que estean dispostas a financiar unha porcentaxe dos custos de contratación. compartindo así coa Consellería de Traballo e Benestar o custo da súa contratación (artigo 18º). Finalmente mencionar que para o exercicio de 2011 se prevé a posibilidade de solicitar axudas para a prórroga da contratación dos axentes contratados en 2010 (artigo 21º).

Con respecto á xustificación e aboamento das subvencións, establécese distinción entre as subvencións para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, para axentes de emprego e/ou unidades de apoio e para incentivos á mobilidade xeográfica (artigo 7º).

Introdúcese así mesmo a obriga de realizar visitas de seguimento e control sobre o terreo (artigo 9º).




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2011, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e catro artigos, oito disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 15 de decembro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións xerais e dezasete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





DITAME 46/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2011, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité valora positivamente a utilización do galego na redacción do proxecto normativo, agás pequenos erros como a utilización de “servicio” en lugar de “servizo” no artigo 19º.1.

Por outra parte, aínda que se observa tamén unha mellora cara a unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, persisten algunhas incorreccións puntuais relativas ao uso do masculino xenérico e a utilización das barras (artigos 5º, 8º), tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Con respecto á dirección da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar que aparece nos artigos 4º.1, 7º, 8º.2 terceiro ítem e 8º.3, este Comité pon de manifesto que se observa incoherencia lingüística, dado que aparecen indistintamente termos en castelán e en galego, polo que consideramos que os que figuran en castelán deben ser traducidos ao idioma propio de Galicia.

Terceira.
Este Comité considera que debería modificarse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” por “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa derivada da mesma.

Cuarta.
Este Comité considera que, a pesar do lixeiro aumento dos créditos con respecto á orde do ano pasado para o financiamento dos programas regulados neste proxecto normativo, resúltanos este incremento insuficiente se temos en conta o gran incremento dos créditos destinados ao programa de cooperación coas entidades locais e mais tendo en conta que ambas ordes tramitábanse conxuntamente en exercicios anteriores.

Quinta.
Este Comité observa a existencia de erros de numeración nos epígrafes de diversos artigos (6º, 13º e 14º).

Sexta.
Nos artigos 5º, 7º e 8º do proxecto normativo solicítase copia compulsada de diferente documentación que se ten que achegar coas solicitudes.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Sétima.
Este Comité considera que débese publicar esta orde cunha maior antelación con respecto á data de publicación da orde do ano 2010 (22 de marzo de 2010) para poder cumprir os requisitos que nela se establecen


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. - Artigo 5º. Documentación.
No apartado II (Documentación específica), epígrafe b), segundo ítem, establécese a obriga de presentar certificación do secretario da entidade que indique a disposición de financiamento para custear unha parte dos custos de contratación.

Este Comité solicita a eliminación deste ítem, polo menos para as entidades sen ánimo de lucro, dado que se unha entidade non ten capacidade económica para costear unha parte dos custos de contratación, implicaría renunciar á subvención e por outra parte, en realidade, xa existe unha cofinanciación dado que os cartos que fixan os módulos non acadan os custos salariais reais efectivamente soportados e custos indirectos (subministros, material administrativo, etc.) dado que nesta convocatoria é un criterio de preferencia como establece o artigo 18º.

Esta consideración pódese facer igualmente estensible ao artigo 18º.1 c).

Segunda. - Artigo 6º. Procedemento, competencia e resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva (apartado 1), este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 5 deste artigo deberíase contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non desde o día de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Terceira. - Artigo 8º. Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias establécese a de identificar en conta contable separada todos os ingresos e os gastos referidos a operacións afectadas pola subvención.

Este Comité cre necesario que se especifique que gastos deben de asentarse na devandita conta, se so os que son subvencionables ou todos aqueles que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.

Cuarta. - Artigo 8º. Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.
No apartado 1.g) establécese a obriga de dispoñer dun código de conta de cotización da Seguridade Social específico e único para todas as persoas traballadoras contratadas con cargo a esta orde.

Este Comité solicita a eliminación deste punto e o mantemento da posibilidade de seguir empregando o número patronal único que ten a entidade, dado que non entende a obriga deste requisito xa que provocará un incremento do traballo administrativo da entidade e do custo de asesoría derivado de tal modificación. Ademais, a normativa non posibilita, para un suposto como a contratación de axentes de emprego, solicitar un código de conta de cotización secundario, xa que a Seguridade Social regula os supostos específicos e concretos para cotizar mediante a conta de cotización exclusiva.

A mesma consideración é estensible aos artigos 15º.3 e 20º.3.

Quinta. - Artigo 8º. Obrigas dos/as benefeciarios/as. Revogación.
No último ítem do apartado 2 deste artigo solicítase a presentación do resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Este modelo normalizado ten un prazo de presentación que se estende entre o 2 e o 20 de xaneiro do ano seguinte, polo que este Comité considera que non é viable, nalgúns casos, a presentación deste documento no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo como se require na orde.

Sexta. - Artigo 11º. Contía.
En canto aos conceptos subvencionables, este Comité considera que debería incluírse a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) e os incentivos e pluses extrasalariais, pois forman parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade, e non se trata dun custo de carácter voluntario. A maiores, hai que ter en conta que noutros programas si teñen o carácter subvencionable.

Sétima. - Artigo 13º. Criterios de valoración de solicitudes.
No apartado 1.e) deste artigo establécese unha avaliación de ata 3 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Este Comité considera que debe ser de ata 5 puntos, ao igual que nos programas de cooperación coas entidades locais e como establecía a orde do ano 2009.



Oitava. - Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón cambiar esta frase dado que consideramos que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. Así, o texto quedaría “... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Consecuentemente, o punto 2 deste artigo tamén sufriría unha modificación na redacción e quedaría como segue: “2. Conforme o establecido no apartado anterior, as persoas traballadoras que...”.

Igual consideración é estensible para o artigo 19º.

Novena. - Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período superior a 6 meses, con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debe manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Décima. - Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No último parágrafo do punto 4 deste artigo defínense as responsabilidades familiares como “... ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos, persoas maiores incapacitadas ou menores acollidos/as”.

Este Comité considera que debería modificarse esta redacción da seguinte forma: “... ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores discapacitados, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento”.

Decimo primeira.- Artigo 17º. Contía.
O apartado 2 deste artigo, ao igual que o apartado 2 do artigo 11º, utilizan a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debe eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 11º.3 sexa realmente o que se aplica.

Decimo segunda.- Artigo 17º. Contía.
En coerencia co establecido na consideración específica unánime primeira deste ditame, este Comité considera que se debe eliminar o segundo parágrafo do punto 2 deste artigo dado que non estamos de acordo en que as entidades beneficiarias poidan optar por financiar unha parte dos custos totais.


Decimo terceira.- Artigo 18º. Criterios de valoración.
No apartado 1.h) deste artigo establécese unha avaliación de ata 3 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Este Comité considera que debe ser de ata 5 puntos, ao igual que nos programas de cooperación coas entidades locais e como establecía a orde do ano 2009.

Decimo cuarta.- Artigo 20º. Contratación.
No apartado 1 deste artigo establécese que axentes de emprego e unidades de apoio serán contratados a tempo completo pola entidade beneficiaria, mediante a modalidade contractual máis adecuada, non establecéndose a posibilidade de contratación a tempo parcial.

Este Comité considera que debería permitirse a contratación a tempo parcial.

Decimo quinta.- Artigo 20º. Contratación.
Na frase final do apartado 1 deste artigo establécese que non poderá admitirse ningún contrato celebrado con posterioridade ao 30 de setembro de 2010.

Este Comité considera que hai un erro na data referida e que esta debe ser o 30 de setembro de 2011.




Decimo sexta. - Artigo 23º. Avaliación das actividades levadas a cabo polos axentes de emprego.
Este artigo refírese ao establecemento dun sistema telemático para que os datos e información sobre os servizos e actuación nos que os axentes de emprego tomen parte podan avaliarse en tempo real.

Este Comité considera que o referido sistema telemático debe mellorarse e adaptarse convenientemente ao traballo realizado por axentes de emprego, para que poidan subministrar a información en tempo real ou, de non ser posible esa adaptación, eliminar a obriga de facilitar a información en tempo real.

Decimo sétima. - Anexo V.
Este Comité suxire que se debería engadir un Anexo V para a comunicación da prórroga de axentes de emprego e unidades de apoio, tal e como aparecía na orde de 2009.