ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 47/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES


O día 1 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais.
Obsérvase neste proxecto normativo, como novidade máis salientable, a introdución, aos efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre as distintas entidades locais que poidan participar nesta convocatoria, duns topes máximo e mínimo no importe total a obter nesta convocatoria, asignándose a cada entidade local solicitante, una axuda mínima equivalente ao resultado de sumar a contía máxima subvencionable por unha contratación á contía equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do seu número  de habitantes e de conformidade cuns tramos predeterminados.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 1 de marzo de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 27 de xaneiro de 2010, obsérvase que se tiveron en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 1/10.

As principais novidades do proxecto normativo son:

Aos efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar nesta convocatoria, establécese uns límites mínimo e máximo no importe total a obter na convocatoria por cada un deles (artigo 2º).

Introdúcese tamén a obriga de realizar visitas de seguimento e control sobre o terreo (artigo 10º), así como a necesidade de dispoñer dun código de conta de cotización específico, único e exclusivo para todas as persoas traballadoras contratadas con cargo a esta orde (artigo 9º).

En canto aos criterios para a selección dos proxectos, introdúcese como preferente os que consistan no establecemento de oficinas municipais de información xuvenil, mediante a contratación de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos para realizar as funcións de información, animación ou dinamización xuvenil, cunha valoración de ata 10 puntos e establécese que o órgano instrutor poderá modificar á baixa o número máximo de persoas traballadoras a subvencionar, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións a levar a cabo polos traballadores e o número de persoas e colectivos beneficiarios, en cada caso concreto (artigo 12º).

As persoas traballadoras que se contraten deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e estar dispoñibles para o emprego, requisitos que deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social, debendo ser a entidade beneficiaria da subvención a responsable de garantir que no momento do inicio da relación laboral, o demandante estea inscrito na oficina de emprego como desempregado (artigo 13º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 15 de decembro de 2010 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




DITAME 47/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria par ao ano 2011”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de decembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité valora positivamente a utilización do galego na redacción do proxecto normativo e unha mellora cara a unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, con todo, persisten algunhas incorreccións puntuais relativas ao uso do masculino xenérico e a utilización das barras (artigo 9º), tendo en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda.

Con respecto á dirección da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar que aparece nos artigos 4º.1, 7º.1 f), 9º.2 b), 9º.3 e 9º.4, este Comité pon de manifesto que non se observa unha unificación lingüística, dado que aparecen indistintamente termos en castelán e en galego, polo que consideramos que os que figuran en castelán deben traducirse ao idioma propio de Galicia.

Terceira.

Este Comité considera que debería modificarse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” por “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa derivada da mesma.

Cuarta.

Este Comité observa que o incremento no financiamento desta orde é de case un 50% con respecto ao da orde do 2010. Cabería deducir que o mencionado incremento ten algo que ver coa vindeira convocatoria de eleccións municipais, máis, se o comparamos co establecido na orde pola que se establecen os programas par ao mesmo fin, xestionados por órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, na que o incremento é moito menor.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
Nos apartados 1 e 2 deste artigo obsérvase un fallo de concordancia dado que o texto se refire a “créditos consignados nas aplicacións”, cando neste proxecto normativos só hai unha aplicación orzamentaria, polo que deberían redactarse en singular.

Segunda.- Artigo 2º. Financiamento.
Respecto do apartado 4 deste artigo, este Comité considera que contradí o establecido no apartado 3 respecto do reparto provincial de créditos, dado que a axuda se prevé directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado e inversamente coa evolución da poboación no citado período.

Así, este Comité considera que deben revisarse os tramos establecidos en función do número de habitantes, xa que se considera que non se está a producir un reparto proporcional, beneficiando claramente aos concellos máis pequenos (que supoñen o 80% do total dos concellos de Galicia) sen ter en conta que case o 50% da poboación galega se agrupa nas sete grandes cidades, sendo ademais, o número de persoas paradas (que é criterio de referencia) maior no caso destas últimas.

Por outra banda, solicitamos que se clarifique o cálculo da axuda mínima disposta xa que no proxecto non consta a contía máxima disposta por unha contratación, senón a contía máxima disposta para cada concello.

Terceira.- Artigo 5º. Documentación.
No apartado 1.a) deste artigo, establécese a obriga de presentar fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Esta consideración pódese facer estensible ao artigo 9º.2 c).

Cuarta.- Artigo 6º. Procedemento, competencia e resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva (apartado 1), este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 5 deste artigo deberíase contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non desde o día de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Quinta. - Artigo 9º. Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.
No apartado 1.g) establécese a obriga de dispoñer dun código de conta de cotización da Seguridade Social, único e exclusivo para todas as persoas traballadoras contratadas con cargo a esta orde.

Este Comité solicita a eliminación deste punto e o mantemento da posibilidade de seguir empregando o número patronal único que ten a entidade, dado que non entende a obriga deste requisito xa que provocará un incremento do traballo administrativo da entidade e do custo de asesoría derivado de tal modificación. Ademais, a normativa non posibilita, para un suposto como a contratación de axentes de emprego, solicitar un código de conta de cotización secundario, xa que a Seguridade Social regula os supostos específicos e concretos para cotizar mediante a conta de cotización exclusiva.

A mesma consideración é estensible ao artigo 14º.3.

Sexta. - Artigo 9º. Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.
No apartado 2. c) deste artigo solicítase a presentación do resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Este modelo normalizado ten un prazo de presentación que se estende entre o 2 e o 20 de xaneiro do ano seguinte, polo que este Comité considera que non é viable, nalgúns casos, a presentación deste documento no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo como se require na orde.

Sétima. - Artigo 11º. Contía.
O apartado 3 establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Oitava. - Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos.
No apartado 2 aparecen as letras j. e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

Novena. - Artigo 13º. Selección dos traballadores e das traballadoras.
No punto 5 deste artigo defínense as responsabilidades familiares como “...ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos, persoas maiores incapacitadas ou menores acollidos/as”.

Este Comité considera que debería modificarse esta redacción da seguinte forma: “... ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores discapacitados, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento”.

Décima. - Artigo 14º. Contratación dos traballadores e traballadoras.
Neste artigo detéctase un erro na numeración dos puntos, dado que tralo punto 6 aparece outra vez o 4 en lugar do 7.



Decimo primeira. – Disposición adicional sexta.
No texto desta disposición establécese que poderá utilizarse a vinculación nominal para a selección dos integrantes dos Grupos Municipais de Intervención.

Este Comité considera que deberían figurar na citada disposición as causas que motivan a excepción da regra xeral, tal e como se xustifica no artigo 13º.6 para os outros colectivos exceptuados.

Así mesmo, obsérvase unha incongruencia na denominación utilizada nesta disposición e a empregada no artigo 11º.2 polo que consideramos deberíase unificar.