ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 48/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 1 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socias traballadoras ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal, potenciando singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento de novas iniciativas e fomentando, especificamente, o acceso á condición de persoas socias traballadoras para incentivar a plena integración na empresa cooperativa. Así mesmo, establécense axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 24 de xuño de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de abril de 2010 (Ditame 27/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Regúlanse, en seccións diferenciadas, as bases reguladoras dos programas de fomento de emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo (Sección 1ª) e a convocatoria de axudas para o ano 2011 (Sección 2ª), especificándose no apartado 5 do artigo 1º que as bases reguladoras teñen vixencia ata o ano 2013, inclusive.

Poderanse incentivar programas de actividades con carácter plurianual (artigo 1º.3).

Poderanse acoller ás subvencións as persoas desempregadas, as demandantes de mellora de emprego, así como as asalariadas das cooperativas e sociedades laborais (artigo 2º.1.d).

A distribución inicial de créditos fixarase en cada convocatoria de axudas para cada un dos cinco programas recollidos no artigo 1º (artigo 3º.1), sendo o orzamento total para o ano 2011 de 2.975.000 €, que inclúe dúas anualidades (2011 e 2012), cos seguintes importes totais: Programa I:  600.000 €; Programa II: 800.000 €; Programa III: 500.000 €; Programa IV: 450.000 € e Programa V:  325.000 € (artigo 19º).

O prazo xeral de presentación de solicitudes non será inferior a un mes (artigo 4º.3), establecéndose para esta convocatoria o prazo de un mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG (artigo 17º).

As solicitudes detallarán a planificación das actividades, axustando os orzamentos ás dúas anualidades posibles, tendo en conta que serán elixibles as accións que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro do ano en que se efectúe a convocatoria das axudas e o 31 de maio do ano seguinte (artigo 4º.5), establecéndose que, en caso de empate a puntos de baremación entre as solicitudes, priorizaranse aquelas que teñan rexistro de entrada con anterioridade (artigo 5º).

As resolucións de concesión da subvención plurianual señalarán a distribución das contías por anualidades, atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada e os condicionantes orzamentarios (artigo 7º.3).
O pagamento efectuarase de forma nominativa e polos importes anuais que correspondan e os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamento a conta (artigo 8º.6).

As axudas para o fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora previstas no programa IV resultarán compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único (artigo 10º.8), quedando obrigadas as persoas beneficiarias a manter esta condición na mesma fórmula empresarial de economía social á que se incorporan por un período mínimo de 5 anos, salvo causas de forza maior (artigo 11º.e).

As persoas beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme á anualización establecida na resolución de concesión, sendo a data máxima de xustificación a do 31 de outubro de 2011 para a primeira anualidade e a do 31 de maio de 2012 para a segunda (artigo 18º).

Obsérvase un erro na numeración do artigo 19º.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dous capítulos, vinte artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos cinco programas de axudas.


O día 17 de decembro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración previa, catro consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas, de carácter non unánime, sobre a valoración da norma manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 48/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de decembro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN PREVIA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Tendo en conta que non se coñece aínda o proxecto definitivo da orde de incentivos á contratación e, polo tanto, este Comité descoñece os colectivos beneficiarios, o presente ditame emítese sen prexuizo das posibles modificacións que resulten do referido proxecto.



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera necesario que se recolla no proxecto normativo, en relación ao Programa V, o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro Xeral de Subvencións, que di literalmente: “as persoas membros asociadas da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte do plan de formación en nome e por conta desta terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias”.

Segunda.

Este Comité Delegado considera que para respectar a diferencia de xénero se debería facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, o uso reiterado das barras presente en todo o texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Terceira.

Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de erros; por exemplo, no título da Sección 1ª figura “Primera”, cando o correcto é “Primeira”; no último parágrafo do apartado 6 do artigo 8º figura “Fondo Social Eropeo”, sendo o correcto “Europeo”.
Cuarta.

No ditame 7/09, este Comité consideraba positiva a diferenciación do programa de fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo e, aínda tendo en conta que no programa V deste proxecto normativo se fai mención á actividade preventiva, consideramos que debería manterse a regulación de forma singular do programa VII (fomento da prevención de riscos laborais no cooperativismo).

No mesmo sentido, consideramos que debería manterse a regulación específica do programa VI (apoio ás cooperativas que prestan servizos de natureza social e á comunidade), que neste proxecto normativo se inclúe no programa III.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 4º. Solicitudes, prazo e documentación.
Dispón o apartado 2 deste artigo que as solicitudes deberán presentarse acompañadas da copia compulsada do DNI do solicitante.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.


Segunda.- Artigo 7º.- Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Terceira.- Artigo 19º. Financiamento e normativa reguladora.
Este Comité considera que as políticas de apoio ao cooperativismo son incompatibles coa diminución do orzamento que se ven producindo desde o ano 2009.

Cuarta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Quinta.- Base Primeira.- Programa I.
No apartado 2.1. desta disposición aparece a letra j. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que propón a súa substitución pola que corresponda.



.
ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 8º. Xustificación e pagamento.
O segundo parágrafo do apartado 6 deste artigo esixe a constitución dunha garantía cando se tramite un pagamento á conta, sempre que a axuda sexa superior a 18.000 €.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que na tramitación do pagamento a conta no sexa necesario aportar ningún tipo de garantía”.

Segunda.- Base Primeira. Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
O apartado 2.1.j), ítem 11, refírese, dentro dos colectivos beneficiarios, a persoas traballadoras desempregadas por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos Traballadores.

A Confederación de Empresarios de Galicia non comprende o motivo de non incluír nesta disposición ás persoas traballadoras desempregadas por mor da causa prevista no apartado a) do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores (ineptitude anterior descoñecida).