ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 49/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS AOS CONCELLOS E OUTRAS ENTIDADES LOCAIS DE GALICIA PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E FOMENTO DO COOPERATIVISMO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 9 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, seccionando aquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 14 de xuño de 2010 e tendo en conta o ditame 16/10, emitido polo Consello con data 22 de marzo de 2010, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Regúlanse, en seccións diferenciadas, as bases reguladoras das axudas de promoción e fomento do cooperativismo (Sección 1ª) e a convocatoria de axudas para o ano 2011 (Sección 2ª).

Co obxecto de facilitar a programación e correcta execución das accións subvencionadas, poderanse incentivar programas de actividades con carácter plurianual (artigo 1º.2).

Poderán ser beneficiarios os concellos de Galicia que realicen as actividades obxecto de subvención no período comprendido entre o 1 de xaneiro do ano no que se efectúe a convocatoria das axudas e o 15 de maio do ano seguinte (artigo 2º.1).

Modifícase a avaliación por incluír na solicitude a proposta de creación ou mantemento dunha oficina de fomento cooperativo, que pasa de 50 a 80 puntos, desglosándose en tramos de 20 puntos polos feitos relacionados no artigo (artigo 7º.2.10).

Modifícase o financiamento das axudas, establecéndose un crédito de 250.000 € para a primeira anualidade e 150.000 € para a segunda (artigo 18º), mentres que no exercicio pasado o crédito foi de 365.644 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG (artigo 15º).

As solicitudes detallarán a planificación das actividades, axustando os orzamentos ás dúas anualidades posibles, tendo en conta que serán elixibles as accións que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro do ano en que se efectúe a convocatoria das axudas e o 31 de maio do ano seguinte (artigo 4º.5), establecéndose que, en caso de empate a puntos de baremación entre as solicitudes, priorizaranse aquelas que teñan rexistro de entrada con anterioridade (artigo 5º).

O pagamento efectuarase polos importes anuais que correspondan e os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamento a conta, debéndose xustificar o investimento conforme á anualización establecida na resolución de concesión, sendo a data máxima de xustificación a do 31 de outubro de 2011 para a primeira anualidade e a do 31 de maio de 2012 para a segunda (artigo 9º.5).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dezanove artigos, unha única disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.


O día 17 de decembro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma e catro consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 49/10




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de decembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten, en materia de xénero, algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “técnicos asesores” no artigo 3º.3) e o uso das barras (por exemplo: artigos 4º.2 e 6º.2 e 4), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda.

Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de erros; por exemplo, no título da Sección Segunda figura “Convocatiria”, cando o correcto é “Convocatoria”.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. Artigo 3º.- Obxecto e contía das subvencións.
No apartado 2 deste artigo establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité considera que neste apartado debería constar expresamente que se procurará a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademais das asociacións de cooperativas.

Segunda. Artigo 6º.- Avaliación de solicitudes.

Este Comité considera que debería establecerse -no parágrafo 2 do apartado 2 deste artigo- que dos resultados do exame dos expedientes pola comisión de avaliación darase conta ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Terceira. Artigo 7º.- Criterios de avaliación.

Este Comité considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 7º (apartado 2) e o disposto no apartado 1 do artigo 3º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.


Cuarta. – Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvención aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían estenderse non só aos concellos, senón tamén a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.