ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 50/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA SUFRAGAR OS GASTOS DE ORGANIZACIÓN INTERNA E FUNCIONAMENTO DAS ENTIDADES ASOCIATIVAS DE TRABALLADORES AUTÓNOMOS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 1 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Neste contexto, esta orde establece axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 15 de xuño de 2010 e tendo en conta o ditame 30/10, emitido polo Consello con data 30 de abril de 2010, obsérvase que foron tidas en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo contén poucas modificacións respecto do ditaminado para o 2010, destacándose os seguintes aspectos:

Establécese que aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unión de asociacións que presentasen unha solicitude de subvención non poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde (artigo 4º).

Elimínase a posibilidade de pro rateo da subvención no caso de insuficiencia orzamentaria para atender á totalidade das solicitudes (artigo 6º).

Introdúcese a posibilidade de presentar unha declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, no lugar das certificacións que establece o artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (artigo 10º).

A principal modificación deste proxecto normativo introdúcese nos criterios de valoración (artigo 13º). Establécese un novo criterio sobre convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, valorado con ata 10 puntos. Tamén varían as puntuacións, pasando a máxima de 160 puntos a 140 puntos e a mínima de 80 puntos a 70 puntos. Ademais, engádese a obriga de presentar unha documentación específica para acreditar os méritos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.



O día 23 de decembro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dezaoito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 50/10





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de decembro de 2010, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son conceptualmente dunha excesiva flexibilidade e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñemos que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións cooperativas.

Segunda.

Este Comité valora a mellora no uso da linguaxe en materia de xénero, aínda que segue utilizándose o masculino xenérico, por exemplo, na exposición de motivos e no artigo 13º.

Terceira.

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega, corrixindo varios erros ortográficos existentes (exercizo, indubitada, acreedores) e as enumeracións nas que se utiliza a letra j (nos artigos 5º e 11º) e a k (no artigo 11º), letras que non son propias do alfabeto galego, considerando que deben substituírse polas seguintes que correspondan.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. – Exposición de motivos.
No segundo parágrafo da exposición de motivos establécese que “o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental ...”.

Este Comité considera que o traballo autónomo non é un sector, polo que debería substituirse a expresión referida pola de “o traballo autónomo ten unha importancia fundamental ....”.

Segunda. – Exposición de motivos.
No terceiro parágrafo da exposición de motivos establécese que as axudas se concederán en réxime de concorrencia competitiva.

Este Comité considera que tamén debería constar neste parágrafo que as subvencións tramitaranse nos termos establecidos no artigo 19º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tal e como dispón o apartado 2 do artigo 12º do proxecto normativo.

Terceira. – Exposición de motivos.
Obsérvase unha contradición no quinto parágrafo da exposición de motivos xa que por unha banda establécese que existe crédito suficiente e no último punto disponse que a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Este Comité propón que se modifique a redacción, puidendo substituirse por outra similar á establecida no artigo 21º do proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de  axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, que se transcribe a continuación:
“Artigo 21º. Financiamento.
A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 12.03.324A 481.0 (proxecto 2011 00610) cunha contía inicial de 616.935 euros da Dirección Xeral de Relacións Laborais”.

Igualmente, respecto da referencia ao proxecto de Lei de orzamentos para o ano 2011 feita neste parágrafo e na disposición adicional cuarta, este Comité advirte que se debería ter en conta a data da publicación do proxecto de orde que se ditamina posto que nese momento podería estar xa aprobada a referida Lei de orzamentos.

Cuarta.- Artigo 4º. Requisitos das entidades beneficiarias.
No apartado 1.a) deste artigo establécese que as entidades solicitantes, para ser beneficiarias, deberán ter personalidade xurídica propia e independente e estar legalmente constituídas.

Este Comité considera innecesario esixir ás entidades beneficiarias que estén legalmente constituídas, posto que está implícito se teñen personalidade xurídica.

Quinta.- Artigo 4º. Requisitos das entidades beneficiarias.
No apartado 1.d) deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias “ter sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñer dunha oficina ou delegación permanente nela”.

Este Comité considera que, en coherencia co disposto no apartado 1º do artigo 3º, debería eliminarse a expresión “ou delegación”, sendo o requisito o de “dispoñer dunha oficina permanente na Comunidade Autónoma”.

Sexta. – Artigo 5º. Gastos subvencionables.
O apartado 1 deste artigo establece que serán subvencionables os gastos realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de outubro de 2011.

Este Comité considera que, para os efectos de subvencionar un exercicio completo, o período debería ser o comprendido entre o 1 de novembro de 2010 e o 31 de outubro de 2011.

Sétima. Artigo 6º.- Contía das subvencións.
No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 40.000 €.

Este Comité propón que a redacción deste apartado sexa a que figura na Orde do exercicio anterior (Orde de 1 de xuño de 2010), que establecía a posibilidade de pro rateo do importe do crédito existente.

Oitava. Artigo 6º.- Contía das subvencións.
No apartado 3.b) deste artigo indícase que para as solicitudes que non obteñan a puntuación máxima adxudicarase unha contía en proporción á súa puntuación.




Este Comité considera que,  co fin de evitar a discrecionalidade, debería especificarse como vai ser ese reparto proporcional necesario para puntuar as solicitudes ou establecer o baremo que se aplicaría ás entidades solicitantes cando non se obteña a puntuación máxima.

Novena.- Artigo 11º. Documentación.
No apartado 1 establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da documentación que se indica.

Este Comité solicita que se admita tamén a copia cotexada. Igual consideración formúlase respecto dos artigos 13º.4  e 15º.

Décima.- Artigo 11º. Documentación.
No apartado 1.d) esíxese memoria das actividades realizadas e as previstas para o exercicio de 2011.

Este Comité propón que se esixan tamén as últimas contas anuais aprobadas, tal e como se establecía na orde do exercicio anterior.

Undécima.- Artigo 11º. Documentación.
No apartado 1.e) deste artigo esíxese copia do “orzamento aprobado de ingresos e gastos do exercizo de 2010”.

Este Comité considera que debería dicir “orzamento aprobado de ingresos e gastos do exercicio de 2011”. Igual consideración formúlase respecto do apartado 1.c) do artigo 13º.



Duodécima.- Artigo 13º. Criterios de valoración.
Tendo en conta que no artigo 11º.1.d) esíxese que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados aos seus asociados, este Comité propón que se engada como criterio de valoración o que establecía o apartado 1.d) da orde do exercicio anterior : “d) Actividades realizadas no exercicio 2010 e servizos que prestan aos seus asociados: Ata 15 puntos”.

Décimo terceira.- Artigo 13º. Criterios de valoración.
No apartado 1.g) deste artigo valóranse os convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos.

Este Comité considera que se deberían valorar tamén os acordos ou convenios que asinasen coas organizacións empresariais e sindicais máis representantivas de Galicia.

Décimo cuarta.- Artigo 13º. Criterios de valoración.
No apartado 1.i) deste artigo valórase o emprego e promoción da lingua galega na documentación.

Este Comité considera que o que se ten que valorar é o emprego da lingua galega na documentación e a súa promoción nas actividades da entidade.

Décimo quinta.- Artigo 14º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera este prazo moi longo e propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, a contar desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva.

Décimo sexta.- Artigo 17º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que deben figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Décimo sétima.- Artigo 20º. Devolución voluntaria da subvención.
No primeiro parágrafo deste artigo faise referencia a unha conta de Caixa Galicia.

Tendo en conta que a referida entidade financeira xa non existe, este Comité propón que se substitúa pola que corresponda.

Décimo oitava.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.