ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 51/10

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DAS ASOCIACIÓNS DE COOPERATIVAS E DE SOCIEDADES LABORAIS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES.

O día 9 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto normativo regula as axudas para o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, nomeadamente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 14 de xuño de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello (15/10) con data 22 de marzo de 2010, obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

As novidades principais que presenta este novo proxecto normativo son dúas: as bases destas axudas teñen unha vixencia ata o ano 2013 inclusive (artigo 1º) e introdúcese unha nova modalidade de fomento do emprendemento en rede, no que se subvencionarán as actividades de carácter informativo, formativo ou de asesoramento especialmente encamiñadas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede de centros de desenvolvemento (artigo 4º). A contía máxima da subvención para as actividades en rede é de 40.000 €, establecéndose neste proxecto límites subvencionables para distintos tipos de actividades (artigo 5º).

Para proceder ao pagamento da subvención deberase presentar unha solicitude de pagamento xunto coa documentación xustificativa antes da data que se fixe na resolución e se concrete para cada convocatoria (artigo 11º).

Na modalidade de actividades en rede establécese, como obriga das entidades beneficiarias, que deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do Programa Operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 e que todas as medidas de publicidade e información que deban executarse serán coherentes co establecido na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 (artigo 13º).

En virtude da vixencia destas bases ata o 2013 inclusive, este proxecto establece unha sección segunda na que se establecen as bases da convocatoria de axudas para o ano 2011, no que se establece que o período de execución das accións será o comprendido entre o 1 de novembro de 2010 e o 31 de outubro de 2011 (artigo 19º), a data máxima de xustificación das subvencións é o 10 de novembro de 2011 (artigo 20º) e o crédito do proxecto será de 616.935€, dos que 164.537€ son para a modalidade de actividades en rede (artigo 21º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, vinte e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 29 de decembro de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



DITAME 51/10



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de decembro de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero, o emprego das barras “o/a” non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización de expresións como: “persoa titular de...”, “persoa traballadora”, etc.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega e para corrixir erros ortográficos (por exemplo, no artigo 13º aparece a expresión Dirección xeral de Planificación e Fondas).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.- Artigo 1º. Finalidade.
No apartado 1 deste artigo establécese que esta orde ten por obxecto convocar as axudas para o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo.

Este Comité considera que a expresión “estruturas representativas do cooperativismo” é un concepto moi indeterminado, polo que suxire, para evitar confusión, que se substitúa pola expresión “asociacións de cooperativas”, que son as entidades beneficiarias segundo o artigo 3º.

Segunda.- Artigo 6º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2 deste artigo establécese que se debe acompañar á solicitude unha fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do NIF da entidade solicitante e no apartado 3 esíxese copia compulsada do DNI do solicitante.

Este Comité considera que se debería admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Terceira. – Artigo 9º. Criterios de avaliación.
Este Comité considera que aos criterios de valoración establecidos no apartado 2 deste artigo deberíanse engadir criterios específicos que valoren as cooperativas situadas en zonas rurais.

Cuarta.- Artigo 11º.- Forma de pagamento e xustificación.
O apartado 1 deste artigo establece que as axudas materializaranse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Este Comité non comprende os motivos polos que non procede o abono directo aos solicitantes da contía das axudas, considerando innecesaria a subscrición de convenios de colaboración.

Quinta.- Artigo 14º.- Subcontratación.
Este Comité considera que neste artigo deberían clarificarse os gastos que quedan fóra da subcontratación, considerando, por exemplo, que os gastos de actividades de asesoramento a emprendedores e público en xeral non deberían subcontratarse.

Sexta.- Artigo 21º.- Financiamento. Artigo 21º.- Tramitación anticipada.
Este Comité observa unha repetición na numeración do artigo 21º do proxecto normativo, que aparece duplicado.

Sétima. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.