ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 16 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento se tenderá ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e se prestará especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 28 de abril de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de marzo de 2010, obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Como novidade máis salientable, establécese que o procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, sendo o órgano competente para emitir o informe de avaliación a comisión de avaliación, composta pola persoa titular da xefatura do Servizo de Promoción do Emprego do respectivo departamento territorial, que actuará como presidente/a, e dous vogais, técnicos ou técnicas do dito servizo, actuando un deles como secretario ou secretaria, os cales avaliarán as solicitudes segundo as normas de prelación establecidas na orde (artigo 14º). Con respecto a isto, na disposición adicional cuarta establécese o importe do crédito asignada para estas axudas e subvención, indicándose a partida que corresponde repartir a cada departamento territorial.

Elimínase a definición de persoa responsable dunha familia monoparental (artigo 3º) e redúcese o prazo de presentación de solicitudes para as distintas subvencións de dous meses a un mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional (Capítulo II).

Establécese de forma expresa a obriga de presentar as solicitudes de axudas e subvencións debidamente asinadas pola persoa solicitante ou polo seu representante legal debidamente acreditado no expediente, non sendo consideradas como admisibles aquelas solicitudes que non cumpran este requisito (artigo 11º) e na documentación específica para as solicitudes da subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia e da subvención financeira, introdúcese a obriga de presentar a tarxeta de ITV no suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais (artigo 13º).

Por outra parte, o prazo para presentar a documentación xustificativa para o pagamento será o establecido na resolución de concesión, que non poderá ser superior a 15 días hábiles, ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011, excepcionalmente prorrogado noutros 15 días hábiles (antes era un mes), de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas (artigo 18º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 10 de xaneiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada por UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I); unha consideración específica manifestada pola CIG (Anexo II) e oito consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III).




DITAME 1/11







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xaneiro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:







CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “desempregados” no artigo 4º.2.A, “solicitante” e “traballador” no artigo 9º.4, “presidente” no artigo 14º.4 e “beneficiarios” no artigo 14º.5.A.-Segundo) e o uso das barras (por exemplo: artigos 3º.IV e V, 5º.1 e 2 ), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
No apartado 2 do artigo 3º e no apartado 1 do artigo 13º, así como no artigo 17º, establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.


Terceira.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega, corrixindo varios erros ortográficos existentes (por exemplo, “selecionarase” no lugar de seleccionarase, como aparece no artigo 14º.5.A.-Segundo e “asitencia” no lugar de asistencia, como aparece no artigo 14º.5.A.-Sexto).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No penúltimo parágrafo da exposición de motivos e na disposición adicional cuarta indícase que para o financiamento das axudas existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011.

Este Comité considera que, como os orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011 xa está aprobados polo Parlamento e publicados no DOG con data do 30 de decembro de 2010, a referencia ao proxecto de lei ten que ser substituída pola Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1.a) deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queren mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Terceira.-  Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo aos socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance dos termos “autónomos colaboradores” para os efectos desta orde.

Cuarta.- Artigo 3º.- Definicións.
Na orde do exercicio anterior, no número VI do apartado 1 deste artigo definíase o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, facendo unha referencia ao salario mínimo interprofesional.

Este Comité solicita a inclusión de novo desta definición no proxecto normativo e, así mesmo, tendo en conta que para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras, este Comité considera que debería clarificarse neste apartado se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.



Quinta.- Artigo 5º. Subvención financeira.
No terceiro parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os préstamos deben estar formalizados entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011.

Este Comité considera que o disposto neste parágrafo entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (desde o 1 de xullo de 2010 ata o 30 de xuño de 2011), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo ou autónoma posterior a esa data, pero si a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial, polo que se propón a modificación desta disposición.

Sexta.- Artigo 5º. Subvención financeira.
No apartado 2.D deste artigo establécese que a subvención financeira terá como límite máximo “7.500 euros para emigrantes retornados/as e traballadores ou traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración, e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego”.

Este Comité considera que debería substituírse o e indicado por unha coma, como aparece no apartado 2.D do artigo 4º deste proxecto.

Sétima.- Artigo 11º. Solicitudes e prazo.
No apartado 1 deste artigo indícase que non se considerarán admisibles aquelas solicitudes que non acheguen, debidamente asinados polo solicitante ou polo seu representante legal, os anexos I, III V e VI.

Este Comité considera que esta exclusión entra en contradición co establecido no artigo 14º.3 no que se establece que se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos.

Oitava.- Artigo 13º. Documentación.
Neste artigo establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da documentación que se indica.

Este Comité considera que debería admitirse tamén a copia cotexada. Igual consideración formúlase respecto do artigo 16º.

Novena.- Artigo 14º. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Este Comité observa que non existe concordancia co establecido no apartado 5.B. Primeiro deste artigo e no artigo 8º.2 (colectivos que teñen acceso á axuda excepcional), dado que o colectivo que figura no artigo 14º.B.Primeiro.7º non aparece incluído nos enumerados no artigo 8º.2. Por outra banda, os colectivos D, E e F do artigo 8º non aparecen na prelación do artigo 14º.5.

Este Comité aconsella, así mesmo, que se clarifique a redacción do contido deste apartado 5, dado que pode provocar numerosas dúbidas ás persoas solicitantes das axudas.



Décima.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Undécima.- Artigo 16º. Xustificación e pagamento.
Nos apartados 4 e 5 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse xa que supón unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Duodécima.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo e no artigo 19º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia coas concedidas.... ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Decimo terceira.- Artigo 23º. Devolución voluntaria da subvención.
No primeiro parágrafo deste artigo faise referencia a unha conta de Caixa Galicia.

Tendo en conta que a referida entidade financeira xa non existe, este Comité propón que se substitúa pola que corresponda.

Decimo cuarta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG.


Ao longo de todo o proxecto normativo establécese que a finalidade deste programa é promover e axudar a financiar proxectos empresariais que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais fomentando a creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que as axudas para o fomento da creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada deberían concederse soamente para a contratación indefinida ordinaria.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG.

Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que a subvención pola primeira contratación indefinida é compatible, se é o caso, coas bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social, non podendo, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que, en lugar do limite establecido no citado apartado, debería constar que a subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira. – Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, considerando que deben ser beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Segunda. Artigo 3º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. VII deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados .... agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Terceira. - Artigo 5º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, parágrafo segundo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Cuarta. - Artigo 6º. Subvención para asistencia técnica.
No apartado 2 deste artigo establécese que os servizos de asistencia técnica poderán ser prestados por asociacións de traballadores e traballadoras autónomas con carácter intersectorial. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que este servizo pode ser prestado por calquera tipo de entidade que se adique profesionalmente á devandita tarefa, diferente das asociacións intersectoriais, ou por calquera ente que poida non ter ánimo de lucro.

Por último, deben especificarse cales son as garantías de solvencia profesional que se establecen para as persoas xurídicas ou físicas.

Quinta. - Artigo 7º. Subvención para a formación.
Respecto ao apartado 2 deste artigo, A Confederación de Empresarios de Galicia reitera o manifestado na consideración anterior.

Sexta. - Artigo 13º. Documentación.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que deberían especificarse no texto da orde, cáles son as garantías de solvencia profesional que se esixen nas letras c) e d) do apartado 2 deste artigo.

Sétima.- Artigo 14º. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Neste artigo establécense as normas de prelación que rexerán a concesión das axudas ás solicitudes beneficiarias.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que para a valoración das solicitudes deberían terse en conta tamén outros requisitos, como o volume de emprego que se poida xerar por cada iniciativa e a viabilidade da iniciativa establecida a través dun plan de viabilidade.

Oitava.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.
A letra j) deste artigo esixe manter durante un período mínimo de dous  anos a forma xurídica elixida  pola que se concedeu a subvención.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que existe incoherencia entre esta obriga e a imposta no apartado a) deste mesmo artigo, que esixe a realización da actividade que fundamente a concesión da axuda durante tres anos como mínimo.