ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TÉCNICOS LOCAIS DE EMPREGO NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE E AS ENTIDADES LOCAIS A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regulan as axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito de colaboración da referida Consellería e as entidades locais a través dos programas de cooperación e se procede a súa convocatoria, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, con rexistro de entrada en data do 31 de xullo de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de agosto de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER NON UNÁNIME, que se reproducen de seguido:

ANEXO I
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE  DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG) E MAILA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)


Primeira.- Cómpre reiterar, como ten feito este Comité Delegado respecto doutras normas remitidas por esa Consellería a dictame, a solicitude de que todas aquelas disposicións encadradas dentro das denominadas “políticas activas de emprego” cumpran co trámite previo de análise e debate no seo do Comité Autonómico de Emprego, pois neste caso, coma noutros anteriores, tal disposición vense incumprindo sistematicamente.

SegundaArtigo 6. Solicitudes.

No parágrafo terceiro deste artigo fíxase como último día hábil para presenta-las solicitudes de axuda que establece o borrador de Orde, o 4 de outubro do ano 2002.

Tendo en conta a previsión das datas nas que se publicará a futura Orde, o prazo que se concede ó efecto redúcese considerablemente.
Por esta razón, a PROPOSTA que se presenta é que se amplíe o referido prazo de presentación de solicitudes, reiterando ó mesmo tempo, como xa se ten feito en dictames emitidos recentemente, que as Ordes desa Consellería que establezan axudas ou subvencións sometidas, loxicamente, a prazos de presentación de solicitudes, se publiquen a comezos do exercicio económico, para así poder concederlle ós administrados unhas amplitudes de prazo maiores.

Terceira. Artigo 9.1º. Resolución

Este precepto establece o prazo de seis meses como máximo para dicta-la correspondente resolución das axudas, o cal se considera excesivo e se avoga para que se estableza en 3 meses.

Cuarta. Asemade, respecto deste mesmo precepto (Artigo 9), e dentro da fase de resolución das axudas, consideraríase aconsellable unifica-las Ordes que emite a Consellería de Familia e Promoción do Emprego en materia de contratación de técnicos de emprego (enténdase axentes de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...) co fin de simplificar administrativamente todo o entramado normativo existente na materia.
Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito en que, por exemplo, na Orde de 18 de marzo de 2002, sobre “Axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distinta da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro...”, establece criterios diferentes respecto desta que estamos a dictaminar, no apartado de asignación de contías.

Quinta. Artigo 12.1.a) Obrigas das entidades beneficiarias

Como obriga das entidades beneficiarias das axudas disponse que poñan a disposición dos técnicos locais de emprego equipos informáticos precisos (incluído lector de CD-Rom) así como acceso a Internet e correo electrónico.

A efectos da técnica lexislativa, PROPONSE que quizais sería máis ilustrativo, indica-las características técnicas dos equipos informáticos que deben poñerse a disposición daqueles, indicando a súa capacidade, prestacións, etc.

ANEXO II
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)


                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                 Primeira. Artigo 3.3º. Selección e contratación dos técnicos locais de emprego.

Esta Confederación empresarial considera que debe primarse a experiencia profesional con carácter prioritario diante da titulación, no momento da selección e da contratación, respecto do listado de requisitos que establece este artigo no seu parágrafo terceiro. Ademais disto, menciónanse titulacións que non permiten levar a cabo un correcto asesoramento técnico (especialmente art. 3.3º. a).
En todo caso, o lóxico sería priorizar aquelas titulacións, así como masters e postgraos, que teñan relación co ámbito da xestión empresarial (empresariais, económicas, ...)

Segunda. Artigo 3.5º. Selección e contratación dos técnicos locais de emprego.

Establécese neste parágrafo que no caso en que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato no prazo máximo de 15 días, na forma que establece o parágrafo cuarto deste mesmo artigo.
Esta disposición presenta unha pregunta inmediata: ¿ábrese un novo proceso de selección ou ben, téñense en conta outras persoas da lista dos preseleccionados?

A PROPOSTA que se suxire para resolver esta dúbida, é que se acuda, en todo caso á lista de preseleccionados, non deixando deste xeito a libre albedrío da entidade local a presentación de candidatos sen máis.

Terceira. Artigo 4.2º. Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

Nesta disposición establécese que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego “poderá” comproba-la idoneidade dos mencionados procesos de adaptación para garanti-la actualización permanente dos técnicos locais de emprego.

PROPONSE que ese control sexa obrigatorio en todo caso.

Cuarta. Artigo 5. Contía e duración da subvención.

Polo que atinxe á contía da axuda PROPONSE a seguinte redacción: “... as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de ...”

Quinta. Artigo 5.4º. Contía e duración da subvención.

Este parágrafo do artigo 5 establece a posibilidade de acudir á contratación indefinida do técnico local de emprego por parte da entidade local, unha vez transcorridos cinco anos, caso no que percibirá en concepto de subvención o financiamento da cantidade equivalente ó 30% dos custos laborais totais.

Esta contía do 30% dos custos laborais totais é superior á establecida noutros programas de axudas para a contratación indefinida, polo que poderíamos concluír, a priori, que a entidade local pode esperar a que o axente local de emprego leve seis anos prestando os seus servicios como tal, para converte-lo seu contrato en indefinido, cando si se ampara noutra liña de axuda á contratación indefinida existente, podería efectuar esa conversión con anterioridade.
O efecto que se pode conseguir con esta disposición é o de retrae-la contratación indefinida inicial do axente local de emprego, nin tampouco se lle esixe ás entidades locais, como ocorre noutros casos, o posuír unha determinada taxa de estabilidade no emprego.
Por estas razóns, a PROPOSTA que se fai, é a de supresión deste parágrafo cuarto.

ANEXO III
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)


Única. Artigo 5. Contía e duración da subvención

No parágrafo primeiro deste precepto, incisos a), b) e c), establécense os límites máximos da subvención concedida para financiamento dos custos laborais totais dos técnicos locais de emprego, en función, cada un deles, da titulación que aqueles posúan.
As cantidades consignadas neste parágrafo son semellantes ás establecidas pola Orde homónima desta, correspondente ó ano 2001, a pesares de que na Exposición de Motivos da norma que nos ocupa, asígnase a cantidade de 4.883.097 euros para financia-las axudas correspondentes ó ano 2002, montante que supera a presupostada para o exercicio anterior.

A PROPOSTA que se inxire do anterior, é que se incrementen estes límites máximos de axudas establecidos no artigo 5.1º, en función da partida ou partidas orzamentarias reservadas para esta liña de axudas.