ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 16 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar, principalmente, o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o 4 de maio de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de marzo de 2010, obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na exposición de motivos do proxecto indícase que esta convocatoria tramítase anticipadamente ao existir crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011. O crédito asignado para estas axudas redúcese en case un millón de euros para esta convocatoria (disposición adicional quinta).

Defínese como mozo e moza desempregado/a como as persoas desempregadas de 30 ou menos anos de idade no momento da contratación (artigo 4º).

Polo que se refire ás modalidades de axuda, elimínase, na subvencións á creación directa de emprego estable, a posibilidade de que a empresa poida solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por tempo completo, no caso de que a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo (artigo 6º). Tamén se elimina, na subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, a especificidade de que esta axuda sexa concedida por unha soa vez (artigo 7º). Finalmente, no apoio á función xerencial, establécese que poderán solicitar esta axuda as empresas que iniciaran a súa actividade a partir do 1 de xullo de 2009 (artigo 8º).

Na documentación específica que se ten que presentar coa solicitude solicítase listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo VII) na subvención ao apoio á función gerencial, financeira e para o inicio e porta en marcha da actividade (artigo 14º).

Finalmente, introdúcese como causa de exclusión o feito de que as empresas desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (artigo 19º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, cinco disposicións adicionais, e dúas derradeiras.


O día 10 de xaneiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catorce consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), tres consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo III).










DITAME 2/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xaneiro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “beneficiarios” nos artigos 3º.1 e 17º.4) e o uso das barras (por exemplo: artigos 3º.1, 4º.4 e 20º.3, último ítem), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.
No parágrafo cuarto figura unha referencia ao proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011 e tamén na disposición adicional quinta, considerando este Comité que ten que ser substituída pola Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.


Segunda.- Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
Obsérvase que neste proxecto suprimíuse un apartado respecto da Orde do exercicio de 2010 (apartado 3), propoñendo este Comité que se volva a incluir o que nel se dispoñía: “Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibíu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade”.

Terceira.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Cuarta.-  Artigo 9º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011 ou, de ser o caso, no establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.

Quinta.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Sexta.- Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír, entre os gastos subvencionables descritos no parágrafo segundo do apartado 2 deste artigo, os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Sétima.- Artigo 12º. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de xuño de 2011.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.



Oitava.- Artigo 14º. Documentación.
No apartado 1 deste artigo establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou da fotocopia compulsada da documentación que se relaciona.

Este Comité considera que debería admitirse a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Novena.- Artigo 16º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera o prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décima.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo indícase que o importe das subvencións ou axudas non poderá ser tal que en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 80% do custo da actividade.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

A mesma consideración maniféstase respecto ao artigo 21º.



Undécima.- Artigo 19º. Exclusións.
No apartado a) deste artigo establécese que exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

Este Comité considera que debería constar o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Duodécima.- Artigo 19º. Exclusións.
Este Comité propón a modificación da exclusión establecida no apartado b) deste artigo, considerando que debería vincularse a actividade anterior con outra do mesmo sector, suxerindo a seguinte redacción:

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivese de alta na Seguridade Social como traballadoras autónomas ou traballadores autónomos en actividade vinculada ao mesmo sector.

Décimo terceira.- Artigo 23º. Devolución voluntaria da subvención.
No primeiro parágrafo deste artigo faise referencia a unha conta de Caixa Galicia.

Tendo en conta que a referida entidade financeira xa non existe, este Comité propón que se substitúa pola que corresponda.

Décimo cuarta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 5º.1 a) e 6º, unha subvención á creación directa de emprego estable.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 5º.1 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).



Segunda.
O proxecto normativo regula, no seu artigo 6º, a subvención á creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e no seu apartado 4 alude á contratación indefinida de persoas traballadoras por conta allea.

Sen prexuízo do manifestado na consideración anterior, as organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia  consideramos que a referencia ten que ser feita á contratación indefinida ordinaria.  

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4º. Definicións.
O apartado 3 deste artigo establece que para os efectos das axudas a IEBTS terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Eliminouse como colectivo beneficiario as persoas traballadoras autónomas que, figurando inscritas como demandantes de emprego no SPE no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, reducíndose deste xeito o colectivo beneficiario en relación con convocatorias anteriores.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta, e, subsidiariamente, propón manter a redacción que se establecía en convocatorias anteriores ampliada aos traballadores por conta allea.
Segunda. - Artigo 5º. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que debería incluirse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

Terceira. - Artigo 19º. Exclusións.
O apartado a) deste artigo exclúe dos beneficios do programa establecido na orde aos empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas, en que participasen persoas ou entidades que pola súa vez sexan promotoras da empresa solicitante.

A CEG considera necesaria unha concreción da “participación”, entendendo que debera referirse o precepto a empresas e entidades que desempeñasen o control nas empresas ou grupos de empresas nos que traballase a persoa desempregada.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 4 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 7º. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, cun máximo de 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 5 deste artigo, debendo indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social da persoa contratada.