ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL NO MARCO DOS SERVIZOS DE AXUSTE PERSOAL E SOCIAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES


O día 16 de decembro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego e as subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego. Estes incentivos compleméntanse cos previstos na orde que regula os programas de incentivos para o fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da Orde publicada no DOG o día 3 de maio de 2010 e o ditame emitido polo Consello con data 3 de marzo de 2010, obsérvase que non foron aceptadas ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no ditame 5/10.

O novo proxecto normativo non contén modificacións significativas con respecto á orde do ano anterior. Pódese destacar:

Elimínanse as excepcionalidades que se establecían para a presentación de solicitudes, custos subvencionables e pagamento para aqueles centros especiais de emprego que constituísen unha unidade de apoio á actividade profesional (artigo 6º, artigo 11º e Anexo B, base sétima).

Auméntase do 80% ao 90% a porcentaxe da subvención concedida que se pode outorgar como pagamento anticipado (artigo 11º), eliminándose unha aplicación orzamentaria para o programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego. As contías recollidas neste proxecto constitúen o importe global para o financiamento desta orde; e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e integración laboral das persoas con discapacidade, incluídas no programa orzamentario 322C (Disposición adicional sexta).

Con respecto ao importe da subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean en alta na Seguridade Social, establécense novas regras para determinar o mencionado importe (Anexo A, base cuarta).

Finalmente, solicítase como documentación específica para as subvención do custo salarial, as relacións nominais do persoal traballador con discapacidade polo que se solicita o pagamento fraccionado e a contía solicitada, correspondente ás mensualidades de outubro, novembro e decembro de 2010 (Anexo A, base quinta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.


O día 13 de xaneiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral unánime e dez consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG.





DITAME 3/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de decembro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xaneiro de 2011 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Ao longo de todo o proxecto normativo, e especialmente no Anexo A, establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da documentación indicada.

Este Comité considera que debería admitirse tamén a copia cotexada.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Segunda.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 14º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia con outras subvencións.... ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais...”.
Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debería substituírse por “estatal ou estatais”.

Terceira.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité considera que debería especificarse expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Cuarta.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base novena do Anexo B, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.



Sexta - Anexo A. Terceira. Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.
O apartado 2.a) desta base define os colectivos en risco de exclusión social que poden ser contratados para completar co cadro de persoal nos centros especiais de emprego, figurando no sexto ítem o de “Mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral e transexuais ou en proceso de reasignación sexual”.

Este Comité considera que os dous colectivos referidos deberían figurar en ítems separados, pois se trata de situacións persoais dispares que non teñen que compartir necesariamente trazos en común.

Sétima - Anexo A. Quinta. Solicitudes e documentación.
No apartado 4, letra d) e no apartado 7, letra c), desta base, esíxese a presentación do “balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios”.

Este Comité quere sinalar a escasa claridade deste precepto, posto que  os “balances provisionais para os dous próximos exercicios” son estados contables de exercicios futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.

Se coa expresión “balance de situación” o proxecto normativo estase a referir ao orzamento, así debería mencionarse expresamente nestas disposicións.


Oitava - Anexo A. Sexta. Pagamento e xustificación.
No apartado 2, letra b) desta base, esíxese a presentación dos recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia que acrediten o seu pagamento.

Este Comité considera que, ademáis da transferencia bancaria, deberían terse en conta os demáis medios legais existentes para o pagamento dos salarios.

Igual consideración formúlase respecto do disposto na base quinta, apartado 5.e) deste mesmo anexo.

Novena.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior.

Este Comité considera que deberían esixirse titulacións da rama social para acceder á categoría de persoal técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Décima.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, compostas por persoas profesionais técnicas e por persoas encargadas de apoio á produción.

Este Comité considera que debería regularse con maior concreción a figura de “persoas encargadas de apoio á produción”.

ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.