ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO PARA O EXERCICIO DE 2011

I. ANTECEDENTES

O día 20 de xaneiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2011 e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras ocupadas a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

Tamén establécese que constitúen principios xerais da formación dirixida a persoas traballadoras ocupadas: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores e traballadoras no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas que teñan como finalidade tanto a mellora das competencias e cualificacións, como a actuación e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas, calquera que sexa o sector ou rama de actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2010, publicado no DOG o día 12 de maio de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 24 de marzo de 2010 (Ditame 18/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase que os colectivos beneficiarios destas axudas son as empresas e agrupacións de empresas pertencentes prioritariamente aos sectores naval e automoción, estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia, e subsidiariamente aos sectores construción, téxtil, transportes, alimentación, madeira, agro-pesqueiro, introducíndose unha nova aplicación orzamentaria ao proxecto cunha dotación de 2.500.000€ (exposición de motivos).

Establécense os criterios de gradación dos posibles incumprimentos de obrigas e reintegro (artigo 9º) e engádese un novo artigo no que se posibilita a devolución voluntaria da subvención (artigo 10º).

Para a obtención de ata o 65% do total do orzamento de gastos en concepto de anticipo establécese que as entidades lucrativas deberán constituír garantía a favor da Consellería de Traballo e Benestar, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, estando, pola contra, as entidades non lucrativas exentas da constitución de dita garantía (artigo 11º).

O prazo de resolución dos expedientes pasa de tres a seis meses (artigo 21º), indicándose que en caso de empate terán prioridade as entidades que obtiveran maior puntuación na capacidade acreditada para impartir a acción formativa, e se persiste o empate, as entidades que obtiveran maior puntuación en relación aos contidos das accións formativas (artigo 20º). As accións formativas deberán ter un mínimo de 8 e un máximo de 25 alumnos e alumnas (artigo 13º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2011” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 2 de febreiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo I); unha consideración xeral manifestada polos sindicatos UGT-Galicia e SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo II); unha consideración xeral e sete específicas manifestadas pola CEG (Anexo III); dúas consideracións específicas manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo IV); e unha consideración específica manifestada polo sindicato SN de CC.OO. de Galicia (Anexo V).





DITAME 4/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xaneiro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de febreiro de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que detéctase algún caso de utilización do masculino xenérico (artigo 5º “Destinatarios das accións formativas”) e que o emprego das barras “o/a” (art. 5º.2) non é a solución máis axeitada, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda

Nos artigos 8º, 11º e 15º do proxecto normativo establécese a utilización da aplicación SIFO para determinadas partes do proceso.

Este Comité considera que deberíase xestionar todo o proceso mediante a referida aplicación SIFO.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que a posibilidade de concorrencia á citada orde de aquelas entidades que teñan a natureza de corporacións de dereito público, como as cámaras de comercio, industria e navegación ou os colexios profesionais, non é procedente neste tipo de convocatorias.

O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego e que establece os seus principios, cita especificamente como un dos principios reitores:

e) a vinculación do sistema co diálogo social e a negociación colectiva sectorial.
f) a participación dos interlocutores sociais.

En conclusión, as corporacións de dereito público non están recoñecidas como interlocutores sociais nin teñen lexitimidade ningunha para participar na negociación colectiva, polo que a súa participación nos programas de accións de formación para persoas ocupadas financiados polo FSE non é procedente.

Igual consideración formúlase respecto á referencia ás corporacións públicas na exposición de motivos e no artigo 5º.1.


Segunda.- Artigo 5º. Destinatarios (sic) das accións formativas.
Este Comité suxire que se debería substituír a expresión “...que tiveran algunha relación laboral coa empresa beneficiaria desde xaneiro de 2010,...” pola de “...que tivera algunha relación laboral coa empresa beneficiaria nos últimos doce meses,...”, coa finalidade de non depender da data de publicación desta orde.

Terceira.- Artigo 8º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no apartado 9 deste artigo debería de suprimirse a expresión “...reciban a mesma formación...”, sendo suficiente que se vele porque todos os alumnos e alumnas dunha acción formativa reciban o mesmo número de horas.

Cuarta.- Artigo 11º. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado B. 1a) deste artigo establécese a posibilidade dun anticipo de ata o 65 por 100 do total do orzamento de gastos do convenio.
Este Comité solicita o incremento ata o 80 por 100, ao igual que se establece en ordes similares reguladoras de axudas á formación.

Quinta.- Artigo 13º. Accións formativas.
No apartado 4 deste artigo establécese a obrigatoriedade da realización dos módulos de igualdade en todas as accións formativas, cunha duración de cinco horas nas accións de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nas accións de duración superior a cincuenta horas.

Este Comité considera que o número de horas dos módulos de formación para a igualdade debería gardar coherencia no conxunto das accións formativas subvencionadas pola Xunta de Galicia.


Sexta.- Artigo 15º. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 1 indícase que a formación será gratuíta en todo caso para a totalidade do alumnado das accións formativas incluídas nesta orde. Este Comité considera que a expresión “será gratuíta” non é acertada polo que suxire unha nova redacción para este apartado: “A formación non suporá custo económico para a totalidade do alumnado das accións formativas incluídas nesta orde”.

Sétima.- Artigo 17º. Solicitudes.
Obsérvase que na enumeración da documentación que debe acompañar á solicitude falta a letra ñ,  existente na lingua galega e aparecen as letras j e k, que non son propias desta lingua, debéndose substituír polas que correspondan.

Oitava.- Artigo 17º. Solicitudes.
Polo que se refire ao apartado k) (sic), no segundo ítem onde indica que a memoria-proxecto deberá contar cunha xustificación documental da experiencia da entidade solicitante na impartición de accións formativas de semellante natureza, este Comité considera que isto non é posible aplicalo ás empresas que van solicitar as axudas desta orde por primeira vez.

Novena.- Artigo 21º. Resolución.
No apartado 2 deste artigo establécese que a resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde.

Este Comité considera que este prazo excesivo, propoñendo se resolva, como se establecía anteriormente, no prazo de tres meses,  contados desde o día seguinte ao do peche do prazo de presentación de solicitudes.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CIG.

A CIG non comparte (ao igoal que xa manifestou nos ditames 18/10 e 5/09 deste Consello, relativos aos exercizos anteriores) o introducido na exposición de motivos, no artigo 3º, no artigo 5º e no artigo 17º, no que atinxe a que o feito de restrinxir o acceso a este tipo de axudas a empresas, agrupacións de empresas e corporacións de dereito público de sectores estratéxicos, poida contribuir a mellorar a situación de crise na que estamos mergullados. Ao contrario, entendemos que esa filosofía conduce  a que o obxecto real do plan: a mellora das competencias, da cualifiación e da especialización das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, fique absolutamente difuminado e, mesmo, pervertido ao poderse inducir implicitamente que estas axudas procuran paliar a situación económica de certas empresas, no canto de mellorar a formación das persoas traballadoras.

Por outro lado, tampouco coincidimos coa exposición de motivos, entre outras cuestións, en relación coas seguintes:

a)     A situación de crise é tan xeralizada que dirixir as axudas a certos sectores estratéxicos, non é mais que encamiñalas a todos os sectores da actividade produtiva, por canto a maioria están en situación de crise, segundo se deduce dos datos que o proprio goberno galego publica.
b)     A restrición do acceso das centrais sindicais resulta directamente contraditoria e discriminatoria en relación co obxecto social das axudas. Non semella razonable pretender que unha empresa teña un carácter máis social que unha organización sindical. Ao contrario, unha empresa carece por definición dun fin altruista e o seu carácter social só podería deducirse, en todo caso, da xeración de riqueza que achegue ao conxunto da sociedade; achega na que xogan un rol esencial os seus proprios traballadores e traballadoras.
c)     A restrición do acceso ás centrais sindicais, ao noso xuízo, tornaría nula a Orde da convocatoria, ao impedir que unha parte dos que teñen encomendada a misión constitucional da negociación colectiva e, formando parte dela a formación, ficasen impedidos administrativamente para desenvolver os fins constitucionais que lles son propios.

Entendemos, xa que logo, que deberían efectuarse as seguintes modificacións neste proxecto normativo:

1º.- A exposición de motivos, no que atinxe á filosofía restritiva que considera, erradamente, que só as empresas e corporacións de dereito público, poden ser beneficiarias das axudas da orde; de cara a evitar maos entendidos en relación co obxecto real da convocatoria: a cualificación profisional.

2º.- A exposición de motivos e os artigos 3º, 5º e 17º, no que atinxe á restrición que neles se contén, que impide ás organizacións sindicais participar na convocatoria e, consecuentemente, que se posibilite a participación das mesmas.

3º.- Que, ao estarmos diante de fondos destinados á formación para o emprego, parte indisociáble da negociación colectiva e da liberdade sindical, se formen dous grupos de solicitudes na convocatoria, dotados de orzamentos idénticos en relación co orzamento total aprobado (un grupo para as empresas e entidades patronais e outro grupo para as organizacións sindicais).

Finalmente, consideramos tamén de suma importancia a necesidade de incluír, na Orde ditaminada, suficientes garantías de participación da representación legal das persoas traballadoras nos procesos de seguimento e control das actividades formativas e dos seus resultados, así como de acceso ao conxunto da información relacionada coa xestión dos plans formativos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLOS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

A situación segue a ser crítica no emprego. Este feito obríganos a seguir apoiando normas e medidas excepcionais, aínda que con serias dúbidas. Este apoio non é incondicional.
1. Consideramos que a intervención dos axentes sociais debera ser maior, e non só un informe favorable da representación legal das persoas traballadoras.
2. A formación non debera mesturarse (como parece indicar a exposición de razóns da norma) coas demais medidas de apoio ás empresas para o mantemento do emprego; xa que, se o obxectivo é recualificar ás persoas traballadoras, incluír outros factores fai un fraco favor á consideración e ao prestixio da formación para o emprego.
3. As partidas económicas adicadas a este programa desaconsellan dirixirse a tantos sectores como a orde establece. Ao noso entender, o impacto podería ser máis eficaz (ante a escasa cuantía dos fondos previstos), primando a determinados sectores verdaderamente estratéxicos nos que a recualificación ten maiores posibilidades de contribuir ao mantemento e á creación de emprego e dirixir os esforzos cara a eles.
4. Por todo isto e tendo en conta que se trata de formación para o emprego destinada a persoas traballadoras ocupadas, consideramos que debería regularse, en canto a entidades beneficiarias se refire, polo Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA CEG:

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) consideramos que se debe valorar a posibilidade de ampliar os sectores, tras ter en conta a situación de crise xeneralizada, que se ben, nos seus inicios, afectou a determinados sectores claves para a nosa economía, agora se estende a todos.

Por iso, consideramos necesario facer unha valoración baseándonos nos datos de afiliación existentes ata a data da posible repercusión nos distintos sectores formulados.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADAS POLA CEG:

Primeira. - Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
Debería modificarse a redacción deste artigo, para evitar que exista unha priorización en favor de certos sectores que se consideran estratéxicos fronte a outros. Cómpre salientar que tampouco coincide a definición de sectores estratéxicos coa incluída no Plan estratéxico 2010-2014 (horizonte 2020) e que, no actual escenario de crise económica, todos os sectores económicos son acredores de ter á súa disposición a posibilidade de solicitar unhas axudas que teñen como finalidade “tanto a mellora das competencias e as cualificacións como a actualización e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas, calquera que sexa o sector ou rama da actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos” (artigo 2º).

Segunda. - Artigo 6º. Custos subvencionables.
Dentro dos custos subvencionables deberían incluírse os vinculados á constitución dos avais e das garantías requiridas (artigo 11º.B 1.a) para a execución dos fondos da citada orde.

Así mesmo, para os efectos de facer un seguimento das pagas, solicítase o xustificante de pagamento e, no caso de que este comprenda varias facturas, establécese a obriga de acompañar a totalidade das facturas e non só a relativa á acción formativa que se pretende xustificar. Esta esixencia é desproporcionada e, en todo caso, obriga ás entidades a desvelar información allea á xustificación que se presenta.

Terceira. - Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.
No artigo 7º.2 a) establécese que o módulo económico aplicable será como máximo de 13€. A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a redución experimentada por este módulo é excesiva, tendo en conta que na orde do exercicio anterior era de 20€. Por iso solicitamos que se incremente a mencionada contía.

Cuarta. – Artigo 11º. Pagamento e liquidación das subvencións.
No artigo 11º, B.1 d) establécese que, para poder optar á concesión de anticipos da subvención, a entidade beneficiaria ten que constituír unha garantía a favos da Consellería de Traballo e Benestar mediante seguro de caución. A CEG considera que deberíase eximir desta esixencia para poder optar aos anticipos.


Quinta. – Artigo 13º. Accións formativas.
No artigo 13º, en canto á duración mínima da acción formativa, solicitamos que esta se adapte ao que pode considerarse como “xornada de traballo diaria” (establecida no convenio), entendendo que desta forma permitiríase que as empresas puidesen realizar accións formativas cunha duración dunha xornada, evitando os atrancos produtivos que pode supoñer a necesidade de utilizar dúas. Esta posibilidade estaría admitida polo Decreto 395/2007 no art. 7.2, que sinala que a formación non será inferior a 6 horas lectivas.

Sexta. – Artigo 17º. Solicitudes.
No artigo 17.d) establécese unha preferencia para as empresas que non teñan aprobado ningún ERE ao abeiro do estipulado no artigo 47 do ET no último ano desde a publicación da Orde.

É contraditorio co obxectivo pretendido pola propia convocatoria que da preferencia a aqueles sectores afectados pola situación de crise económica, feito que nalgúns casos pode conlevar que a empresa teña solicitado o ERE polas causas establecidas no art. 47 do Estatuto dos Traballadores. Polo tanto, propoñemos  eliminar esta preferencia negativa, e subsidiariamente, de non aceptarse esta proposta, limitar o prazo a un mes.

Sétima. – Artigo 17º. Solicitudes.
Nas letras e) e f) deste artigo, solicítase a obrigatoriedade de presentar informe favorable da representación legal dos traballadores. O dito informe non debería ter carácter obrigatorio, e a súa aprobación non constitúe garantía ningunha da viabilidade das accións nin da súa necesidade. En todo caso, a representación legal dos traballadores poderá ser informada e consultada para a elaboración do citado plan.

Por outro lado, a norma non aclara se a necesidade do informe se circunscribe a empresas con expedientes de regulación de emprego aprobados ou é aplicable en todos os casos.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADAS POLOS SINDICATOS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.

Dada a natureza das accións formativas reguladas no proxecto normativo e a súa excepcionalidade, entendemos que se debería restrinxir a subcontratación e establecer as cautelas e restricións que o propio contido da orde aconsella.

Segunda. - Artigo 17º. Solicitudes.

No apartado 1.e) deste artigo establécese, como documentación a presentar coa solicitude, un informe favorable das accións formativas da representación legal das persoas traballadoras das empresas.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, ademais dun informe favorable previo á realización das accións formativas emitido pola representación legal das persoas traballadoras nas empresas, deberíase realizar  un seguimento e avaliación final das accións pola referida representación legal.

ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLO SINDICATO SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.

No apartado 7.2 b) establécese que as accións formativas terán sempre carácter presencial.

O SN de CC.OO. de Galicia considera que, na situación actual da formación para o emprego e coa tendencia cada vez maior de incluír outras modalidades de formación nas accións formativas, deberíase permitir a inclusión doutras modalidades de formación (teleformación, a distancia, etc), sempre cos debidos controis de asistencia e aproveitamento.