ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA PROMOVER A AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL DAS PERSOAS COTITULARES OU TITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES


O día 20 de xaneiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Lei 18/2007, de 4 de xullo, procede á integración dos traballadores e traballadoras por conta propia do Réxime Especial Agrario no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2008. Créase, dentro deste réxime, un Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios que establece unha redución durante cinco anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas de 40 ou menos anos de idade que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que esta se atope dada de alta nos citados réxime e sistema especial.

Por outra banda, cómpre recordar as previsións contidas na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia relativas ao establecemento de políticas activas de emprego que teñan en conta de xeito prioritario a situación das mulleres no medio rural.

Neste contexto normativo, nesta orde establécese a regulación do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e á súa convocatoria para o ano 2011, dando continuidade aos incentivos e melloras introducidos neste programa desde o ano 2006.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 15 de xuño de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de abril de 2010 (Ditame 24/10), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Esta orde elimina como persoas beneficiarias a aquelas que obtiveron axuda nas convocatorias de anos anteriores (2006, 2007, 2008 e 2009), establecéndose como requisito para acceder á condición de persoa beneficiaria que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos 6 meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial (artigo 2º), incorporación que se ten que producir a partir do 17 de xullo de 2010 e ata o 30 de xuño de 2011.

Obsérvase finalmente unha minoración do crédito orzamentario consignado, que pasa de 500.000 € na orde de 2010 a 296.137,14 € no proxecto de orde para o 2011 (Disposición adicional sexta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, sete disposicións adicionais, e dúas derradeiras.

O día 3 de febreiro de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezanove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha específica manifestada pola organización sindical UGT-Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II).




DITAME 6/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xaneiro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de febreiro de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que deberíase garantir, mediante as oportunas medidas de coordinación interadministrativa, que todas as persoas que se benefician da bonificación estatal sexan informadas, no momento de facer os trámites ante a Seguridade Social, das posibilidades que teñan de acollerse ao programa de incentivos regulado neste proxecto normativo.

Segunda.

Este Comité valora positivamente que o proxecto normativo continúe considerando beneficiarias do programa as mulleres de 41 a 45 anos (sempre que cumpran os requisitos que se sinalan no artigo 2º, apartado 4), estendendo as axudas establecidas na orde correspondente ao exercicio de 2006 para as menores de 41 anos de idade, que aplicaba mimeticamente a norma estatal (disposición adicional 49ª da Lei 30/2005, de Orzamentos Xerais do Estado para 2006).

Non obstante, considerando que en Galicia existe un importante colectivo de mulleres maiores de 45 anos que deberían ser obxectivamente beneficiarias destas axudas, proponse, para favorecer a finalidade social desta norma, estender o seu ámbito, establecendo un incentivo para as persoas maiores de 45 anos, de contía igual ao previsto no artigo 3º, apartado 2, deste proxecto de orde, dado que estas en ningún caso poden acollerse ás axudas establecidas a nivel estatal.

Este Comité avaliaría positivamente que neste camiño se incrementase anualmente, por exemplo, en 5 anos, a idade límite para acollerse aos incentivos regulados nesta orde.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité suxire que debería incluírse na exposición de motivos a mención á normativa de aplicación, especialmente, pola súa relevancia para os efectos desta orde, o Real Decreto 297/2009, do 6 de marzo, sobre titularidade compartida nas explotacións agrarias e a Orde ARM/2763/2009, do 5 de outubro, pola que se regula o rexistro de titularidade compartida de explotacións agrarias.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité suxire corrixir o primeiro parágrafo deste artigo e que se establezan como beneficiarias deste programa as persoas adicadas ou incorporadas á actividade agraria (só figura as persoas incorporadas).

Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería suprimirse a letra d) do apartado 1 deste artigo, xa que podería darse o caso de que persoas menores de 40 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.

Cuarta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería engadirse un novo apartado no punto primeiro deste artigo (despois da letra c) que recolla especificamente a condición de titularidade compartida establecida no RD 297/2009.

Quinta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Nos apartados 1.a), 2.a) e 3.a) esíxese que a incorporación das persoas beneficiarias ao réxime especial de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para persoas traballadoras por conta propia agrarios, se produza a partir do 17 de xullo de 2010 e ata o 30 de xuño de 2011.

En anteriores convocatorias podía ser beneficiaria das axudas calquera persoa incorporada desde o 1 de xaneiro de 2006. Considérase que este proxecto normativo exclúe ás persoas incorporadas con anterioridade ao 1 de outubro de 2009 que non se beneficiaron das axudas en convocatorias anteriores, polo que este Comité propón manter o prazo do 1 de xaneiro de 2006 establecido nas ordes precedentes.



Sexta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 3.c) deste artigo establece que deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria, de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.

Este Comité considera que se debería eliminar este parágrafo dado que nas ordes anteriores non se esixía ningunha condición.

Sétima.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 4 deste artigo establece que será requisito para poder acceder á condición de beneficiario das axudas desta orde que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos 6 meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial.

Este Comité considera que deberíase manter a redacción que figuraba na orde do exercicio de 2010 (apartado 5), no que se establecía como requisito que as persoas beneficiarias estiveran incluídas no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.




Oitava.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No proxecto normativo que se ditamina obsérvase que se eliminaron como persoas beneficiarias deste programa as que foron beneficiarias en calquera das convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008 e 2009, suposto que estaba previsto no apartado 4 do artigo 2º da orde de 2010.

Este Comité considera que deberíase xustificar a eliminación deste suposto, dado que sempre existiu unha continuidade en todos os anos desde que en 2006 comezaron estas axudas.

Novena.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de xuño de 2011.

Este Comité considera que para promover a afiliación á Seguridade Social deberíase ampliar o prazo ata o 30 de setembro de 2011.

Décima.- Artigo 6º. Documentación.
Dispón este artigo que as solicitudes deberán presentarse acompañadas de orixinal ou copia compulsada da documentación que se especifica.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

A mesma consideración formúlase respecto do artigo 9º.


Decimo primeira.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
Este artigo, no seu apartado 3, establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o prazo de seis meses excesivamente longo.

Decimo segunda.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo establécese que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debería substituírse por “estatal ou estatais”.

A mesma consideración formúlase para o artigo 12º.

Décimo terceira.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Esta proxecto normativo establece para a nosa comunidade un compromiso de permanencia de alta na seguridade social que este Comité entende como mecanismo de control e, dada a situación actual, non parece oportuna a súa introdución, máxime se se ten en conta que non existe tal referencia na normativa estatal de aplicación e na maioría das ordes das respectivas comunidades autónomas.

Décimo cuarta.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que deberían figurar explicitamente as medidas de difusión mencionadas no apartado g) deste artigo.

Décimo quinta.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería figurar expresamente no apartado i) deste artigo cales son as restantes obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo sexta.- Artigo 13º. Revogación e reintegro.
Este Comité considera igualmente que neste artigo deberían figurar expresamente os casos e os termos previstos para a revogación e reintegro no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo sétima.- Disposición Adicional Quinta.
Este Comité solicita que se revise a redacción desta disposición á vista do disposto no RD 297/2009 e na Orde ARM/2763/2009.

Décimo oitava.- Disposición Adicional Sexta.
Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 296.137,14 euros, para o exercicio de 2011.

Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité considera que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario, tendo en conta ademais o que resulta dos datos de execución do exercicio anterior (442 solicitudes, 346 aprobadas): co orzamento actual só poderían beneficiarse destas axudas 98 solicitudes.

En todo caso, este Comité considera que se debería incrementar o crédito orzamentario, que levaba co mesmo importe bastantes exercicios e que agora redúcese case á metade.

Neste sentido, reitérase a proposta, manifestada na consideración xeral segunda, de ampliar o ámbito das axudas ás persoas maiores de 45 anos.

Décimo novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Artigo 3º. Axuda.

Dado que as axudas reguladas nesta orde teñen carácter extraordinario e esixen un compromiso de permanencia de alta na Seguridade Social de tres anos, para a publicación definitiva da orde débese ter en conta que os 3.000€ superarían a axuda equivalente á bonificación autonómica do 20% e do 50% das cotas establecidas para aboar os pagamentos á Seguridade Social neste trienio.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 15º. Devolución voluntaria da subvención.

En base ao establecido na exposición de motivos desta orde polo que se entende o disposto nesta regulamentación como un programa de incentivos para promover a afiliación á seguridade social, e sen menoscabo do disposto na Lei de subvencións de Galicia, resulta paradoxal, dada a especificidade desta liña de axudas, que se prevea nun artigo a posible devolución voluntaria desta subvención, propoñendo a súa eliminación, xa que entendemos que é un aspecto recollido xa na normativa autonómica de referencia.