ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE NA EMPRESA ORDINARIA, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E DO PROGRAMA DE EMPREGO CON APOIO, COMO MEDIDA DE FOMENTO DO EMPREGO DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES


O día 4 de febreiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo fondo social europeo, e do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta nova orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

No programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria increméntanse os importes das axudas pola contratación indefinida, coa finalidade de favorecer especialmente o emprego das mulleres con discapacidade, das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral, das persoas con discapacidade nas pequenas empresas e naquelas con centros de traballo no rural galego.

Así mesmo, esta orde incorpora incentivos complementarios que melloran na Comunidade Autónoma de Galicia os establecidos con carácter xeral na regulación estatal neste programa. Coa finalidade de promover a posta en marcha de proxectos de emprego con apoio subvenciónanse actuacións complementarias como son a prospección laboral e o período de formación da persoa apoiada previa a súa contratación na empresa.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da Orde publicada no DOG o día 30 de abril de 2010 e o ditame emitido polo Consello con data 3 de marzo de 2010, obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no ditame 6/10.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións:

Modifícase o prazo de presentación de solicitudes de axudas á contratación sendo este ata o último día do mes seguinte á data en que inicie a relación laboral  ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de xuño de 2011 (artigo 6º2.a)). Varía, así mesmo, o prazo de inicio das contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo, así como o de presentación destas solicitudes (letra c) do apartado 2 do artigo 6º), e o prazo do inicio do proxecto de emprego con apoio (artigo 6º.3).

Por outro lado, obsérvase unha diminución xeneralizada dos importes das aplicacións orzamentarias correspondentes ao Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, ás subvencións aos promotores de proxectos de emprego con apoio e ás subvencións para o fomento de novos proxectos de emprego con apoio.

Ao abeiro da orde de convocatoria para o ano 2011 a data de inicio para as contratacións subvencionadas será o 1 de xullo de 2010 (Anexo A - Primeira.3).

Na regulación da subvención para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de equipamentos de protección persoal, elimínase a posibilidade de que a axuda, se non é solicitada pola empresa, puidera ser solicitada pola propia persoa traballadora (Anexo A - Oitava).
En relación á concorrencia de axudas á contratación con outras axudas públicas para a mesma finalidade, non poderán superar o 60% do custo salarial referido, nesta orde, a tres anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona (Anexo A – Décimo primeira).

No referente ás persoas destinatarias finais do programa de emprego con apoio suprímese a indicación que, no suposto de contratación a tempo parcial, a xornada de traballo sexa polo menos de 50% da xornada dun traballador a tempo completo (Anexo B – Cuarta.2).

Por outra banda, sinálase que as subvencións para o fomento de novos proxectos de emprego con apoio serán dun máximo de 2.000 euros por mensualidade e prospector, e tamén terá por obxecto financiar os custos de desprazamento de ata dous prospectores ou prospectoras de emprego con apoio por entidade. Estes prospectores terán dedicación exclusiva e poderán ser ou estar contratados polas asociacións integradas nas federacións ou confederacións de asociacións de persoas con discapacidade; eliminándose o incremento nunha contía de 375 euros por persoa prospectora e mes para financiar os custos de desprazamento (Anexo B – Décima).

Na documentación específica para a subvención aos promotores de proxectos de emprego con apoio inclúense os contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade (Anexo B – Décimo primeira.2.c)), e os contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores e preparadoras laborais (Anexo B – Décimo primeira.2.e)).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo fondo social europeo, e do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaseis artigos, nove disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.


O día 11 de febreiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais unánimes e quince consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo II).




DITAME 7/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo fondo social europeo, e do programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de febreiro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de febreiro de 2011 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “beneficiario”, “empregadores” e “traballador” ao longo do Anexo A e B) e o uso das barras ao longo do Anexo A, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda.

Este Comité non pode compartir a importante minoración do orzamento adicado á integración laboral das persoas con discapacidade, que supón un recorte de, aproximadamente, o 28% respecto ao exercicio anterior.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité non comparte a eliminación dos parágrafos referidos á obriga legal da cota de reserva a favor das persoas con discapacidade, así como a referencia á normativa reguladora desta cota.

Segunda.- Artigo 6º. Solicitudes e prazos.
No apartado 4 deste artigo faise referencia á páxina web da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Este Comité considera que debería figurar o enlace completo ás solicitudes e aos anexos que aparecen na páxina web.

Terceira.-
Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses, agás as de concorrencia competitiva (Anexo B) nas que se debería establecer un prazo de tres meses desde o último día de presentación de solicitudes.


Cuarta.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 13º, faise referencia á obtención concorrente de axudas ou subvencións “outogardas por entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Quinta.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Sexta.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base novena do Anexo A e na décimo primeira do Anexo B, utilízanse nas clasificacións as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Sétima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.

Oitava.- Anexo A. Novena. Solicitudes e documentación.
Este Comité ven insistindo, na práctica totalidade dos ditames, en que a documentación a presentar para as diversas solicitudes poda ser, ademais de en orixinal ou en copia compulsada, en copia debidamente cotexada.

En consecuencia, valórase positivamente que neste proxecto normativo se admita esta posibilidade, suxerindo que se estenda o exemplo.

Igual consideración formúlase respecto do Anexo B, Base Décimo primeira.

Novena.- Anexo A. Décima. Xustificación do pagamento.
No apartado 2 desta base establécese que a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de que o citado informe poda ser emitido tamén pola persoa delegada de prevención ou polo Comité de Seguridade e Saúde na empresa, de ser o caso.



Décima.– Anexo B. Sexta. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.

A letra f) do apartado 1 desta base dispón que no proxecto de emprego con apoio deberá constar “o nomeamento, por parte da empresa que vai contratar aos traballadores con discapacidade, entre o seu persoal, da figura do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores laborais, e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa”.

Tendo en conta os labores a desempeñar pola figura da persoa coordinadora, este Comité suxire que se esixa como requisito necesario a posesión dunha titulación universitaria da rama social.

Décimo primeira- Anexo B. Oitava. Preparadores laborais.
O apartado 1 desta base establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores laborais, os cales deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de preparador ou preparadora laboral son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Décimo segunda- Anexo B. Novena. Subvencións aos promotores de proxectos de emprego con apoio.
O apartado 6 desta base establece que “No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 da base quinta, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderá concederse unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía de 2.500 euros por entidade, ou a parte proporcional que corresponda por períodos inferiores ao ano no que se presten os apoios”.

Este Comité considera excesivamente ríxido este apartado, polo que se propón que se abone o gasto real xustificado ou que se arbitre outro procedemento máis flexible que permita adecuar o importe da subvención á previsión de gasto real.

A mesma consideración formúlase respecto do segundo parágrafo da base décima.

Décimo terceira.- Anexo B. Décima. Subvencións para o fomento de novos proxectos de emprego con apoio.
O apartado 4 desta base establece que “Os prospectores ou prospectoras de emprego con apoio e os preparadores ou preparadoras laborais que presten o apoio no período de formación práctica na empresa previa á contratación deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería establecer na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de prospector ou prospectora laboral son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Décimo cuarta.- Anexo B. Décimo primeira. Documentación.
Na relación da documentación específica, que figura no apartado 2 deste anexo, para a subvención ás persoas promotoras de proxectos de emprego con apoio aparece repetida a letra f.

Décimo quinta.- Anexo B. Décimo terceira. Pagamento e xustificación.
No apartado 3, letra a) desta base, esíxese a presentación dos recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia que acrediten o seu pagamento.

Este Comité considera que, ademais da transferencia bancaria, se deberían ter en conta os demais medios legais existentes para o pagamento dos salarios.

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta orde ten como obxectivo compensar a diminución que, teoricamente, soporta o empresariado na súa produción e rendibilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendibilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela diminución de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: preferencia dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité non consideran unha medida de mellora o fomento da contratación temporal, xa que non se está a fomentar unha verdadeira integración estable das persoas pertencentes aos colectivos sinalados, funcionando máis como un programa de formación ou prácticas, cunha periodicidade anual.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A. Sexta. Subvención pola contratación temporal.
No apartado 1, parágrafo 2º desta base, establécese que a duración inicial mínima da contratación temporal é de 12 meses.

A organización empresarial que integra este Comité considera que a duración mínima do contrato de duración determinada debería ser de 6 meses, ao igual que o disposto na base cuarta do Anexo B.

Segunda.- Anexo B. Cuarta. Persoas destinatarias finais.
A CEG non comparte a eliminación, no apartado 2 desta base, do disposto na Orde do exercicio anterior respecto á duración da xornada de traballo, polo que propón que se recupere o referido apartado, que dicía textualmente: “No suposto de contratación a tempo parcial, a xornada de traballo será polo menos do 50% da xornada dun traballador a tempo completo comparable”.