ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS E DE EMPREGO (I+E+E), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 4 de febreiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo e Benestar dentro dos programas de incentivos de apoio ao autoemprego, mediante o programa das “Iniciativas Emprendedoras e de Emprego” (I+E+E), apoia especialmente a aquelas empresas que se implanten nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego de mozos e mulleres en desemprego, incrementándose o importe das axudas cando estas iniciativas teñan o seu domicilio social e centro de traballo nun concello rural galego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG do 18 de maio de 2010 e o Ditame 20/10, emitido polo Consello con data 26 de marzo de 2010, obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Como novidades, na regulación do obxecto desta orde recollido no primeiro parágrafo do artigo 1º, elimínase a referencia a que as iniciativas emprendedoras deberían estar promovidas por persoas desempregadas.

Engádense como entidades beneficiarias as empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego dende o 1 de xaneiro de 2010 (artigo 3º).

Nos colectivos considerados en risco ou situación de exclusión social (artigo 4º) substitúese a referencia ás “mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución” por “persoas que abandonaran o exercicio da prostitución” e, inclúense nun apartado distinto do anterior as “persoas transexuais”.

O prazo de presentación das solicitudes para a subvención á xeración de emprego estable (artigo 6º) así como para a subvención financeira (artigo 7º) será dun mes desde a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou desde o inicio da actividade, respectivamente.

Na documentación específica (artigo 15º) que debe acompañar ás solicitudes de axudas á xeración de emprego estable, incorpórase, no suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, a tarxeta de ITV, e, no caso da subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, o DNI do cónxuxe.

Obsérvase unha diminución xeneralizada dos importes dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Disposición Adicional Cuarta).

Substitúese o termo “derradeiras” en referencia ás disposicións por “finais”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e seis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas finais.

O día 16 de febreiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e doce específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma;  unha xeral e unha específica manifestadas pola CIG (Anexo I); unha específica manifestada polas tres organizacións sindicais (Anexo II); dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III); unha específica manifestada pola CEG (Anexo IV) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (Anexo V).







DITAME 8/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de febreiro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de febreiro de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Única.-

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “mozos” na exposición de motivos e  artigos 1º, 4º, 6º) e o uso das barras nos artigos 3º e 4º, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
No apartado 1 deste artigo suprímese a referencia a que as iniciativas emprendedoras deberían estar promovidas por persoas desempregadas.


Este Comité considera que eliminando esta alusión se desvirtuaría o carácter da orde, como consta na exposición de motivos “o programa das “Iniciativas Emprendedoras e de Emprego” (I+E+E) apoia especialmente a aquelas empresas que se implanten nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego de mozos e mulleres en desemprego”, pois o que se pretende é o fomento destas iniciativas polas persoas desempregadas.  

Segunda.- Artigo 4º. Definicións.
No parágrafo segundo do apartado a) deste artigo, establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como persoa demandante de emprego, na data da alta na Seguridade Social, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que deberíase establecer no texto do artigo quen realiza a comprobación cando a inscrición é realizada nun servizo público de emprego distinto ao da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.- Artigo 4º. Definicións.
Na letra i) deste artigo establécese que persoas terán a consideración de desempregadas de longa duración.

Este Comité considera que debería substituírse na última liña a expresión “se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos” pola de “se fosen maiores de 24 e menores de 45 anos”, para evitar a exclusión das persoas de 25 anos.


Cuarta.- Artigo 4º. Definicións.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 15º, letra j.

Quinta.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Sexta.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 2 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que debería manterse a establecida na orde do ano 2009 de 6 puntos co límite de 1 punto.



Sétima.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 4 deste artigo indícase que a solicitude desta subvención deberá presentarse no mes seguinte ao inicio da actividade.

Este Comité propón que o prazo debería ser de tres meses, tal e como se establecía na orde do ano 2009.

Oitava.- Artigo 13º. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de xuño de 2011.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Novena.- Artigo 15º. Documentación.
O apartado 3.d) deste artigo esixe acompañar á solicitude o orzamento dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles aos que se vai destinar a subvención.

Na orde do exercicio de 2009, o referido apartado esixía ademais indicar as fontes de financiamento, considerando este Comité que debería establecerse tamén neste proxecto normativo a esixencia de indicar que gastos necesarios se destinarán á subvención e cales son as fontes de financiamento.



Décima.- Artigo 17º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Décimo primeira.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo, ao igual que no artigo 21º, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Décimo segunda.- Artigo 23º. Exclusións.
No apartado 1.a) deste artigo establécese que se exclúen dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

Este Comité considera que debería constar no artigo que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

A Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.





CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O apartado 2 deste artigo establece que cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.














ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo, no seu apartado 2, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dáse o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.








ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O último parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia propoñen que non se incentiven os contratos a tempo parcial, por entender que antes de calquera promoción do traballo a tempo parcial é necesario mellorar a súa regulación, de tal maneira que se favoreza unha maior protección dos dereitos e intereses das traballadoras e dos traballadores.

Tendo en conta que non se coñece aínda o proxecto definitivo da orde de incentivos á contratación e, polo tanto, descoñecemos os colectivos beneficiarios, esta consideración emítese sen prexuizo das posibles modificacións que resulten do referido proxecto.


Segunda.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O apartado 4 deste artigo establece que poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de xullo de 2010 e ata o 30 de xuño de 2011.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que debería esixirse que os postos de traballo estables que se creen sexan sempre para persoas desempregadas dos colectivos subvencionables, debendo figurar no texto da orde os seguintes:

 Persoas desempregadas de longa duración.
 Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.
 Persoas desempregadas de máis de 45 anos.
 Mozas e mozos.
 Vítimas de violencia de xénero.
 Persoas con discapacidade.
 Persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social.
 Mulleres.









ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 7º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.




ANEXO V


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Disposición Adicional Cuarta.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia non poden compartir a importante minoración do orzamento adicado ás subvencións reguladas nesta orde, que supón un recorte de, aproximadamente, o 72,5% respecto ao exercicio anterior.