ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DAS SUBVENCIÓNS PARA FOMENTAR A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL (RSE) NAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS, NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2011.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de febreiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para fomentar a responsabilidade social empresarial (RSE) nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos: “A  Responsabilidade Social Empresarial (RSE) é un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual, que sen dúbida é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade, e contribúe á mellora da calidade e competitividade das empresas, sendo así que as administracións públicas deben impulsar e dinamizar deste concepto nas empresas e nas institucións.
Pero a realidade da situación actual é que este concepto atópase aínda en fase de desenvolvemento  e consolidación nas empresas, polo que precisa do seu fomento e desenvolvemento.”

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 31 de maio de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 18 de marzo de 2010 (Ditame 13/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

No artigo 2º desagréganse as actividades subvencionables en tres liñas de actuación.

Nas condicións que deben reunir as beneficiarias destas axudas (artigo 3º), suprímese o requisito no que se establecía que as empresas tiñan que contar cun número de persoas traballadoras igual ou superior a 5.


Obsérvase unha diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 4º), que se distribúe, neste exercicio, nas distintas liñas de actuación, dispoñendo o propio artigo que, no caso de non presentarse ningunha solicitude nalgunha das liñas, ou non se esgotara o crédito dalgunha delas, o sobrante destinarase a incrementar o crédito das outras.

A contía das axudas previstas consistirá no 100% dos gastos debidamente xustificados, co límite por beneficiaria de 5.000 euros, 2.000 euros e 2.000 euros para a liña I, II e III, respectivamente (artigo 5º).

Aos efectos do prazo de presentación de solicitudes (artigo 7º), establécese qué se entende como último día do prazo.

En relación coa documentación xenérica que debe acompañar á solicitude (artigo 7º), engádese a declaración do representante da empresa dos centros de traballo dos que dispón a empresa. Así mesmo, substitúese, na relación do cadro de persoal, a certificación do máximo responsable da empresa pola declaración do representante da mesma. No referente á memoria detallada, elimínanse os requisitos que debía conter o proxecto para o que se solicitaba a subvención, dispoñendo no seu lugar que se explique o desenvolvemento da actividade que se vai a realizar e os custos da mesma.

Por outra banda, xunto ca referida documentación xenérica, incorpórase un novo apartado a este artigo 7º, no que se establece unha relación da documentación específica en función das diferentes liñas de actuación.



Suprímense do artigos 7º e 12º da orde anterior os parágrafos relativos aos consentimentos e autorizacións que implican a presentación das solicitudes das subvencións, incluíndose estes contidos no artigo 8º do novo proxecto normativo.

Con respecto aos criterios de avaliación (artigo 11º), elimínanse os relativos aos elementos innovadores e a adecuación do orzamento en función do proxecto presentado; así mesmo, a valoración outorgada aos criterios da taxa de estabilidade do cadro de persoal e ao ámbito de repercusión social das actuacións, pasa a ser dun máximo de 25 puntos.

No referente á avaliación no caso da liña I, ademais dos criterios xerais, establécense dous de carácter específico para este tipo de actuacións.

No suposto de empate na puntuación obtida, establecerase como criterio de desempate a orde establecida nos criterios de valoración que se sinalan no referido artigo 11º.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se presente esta, outorgarase ao beneficiario un novo prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando se aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación concederáselle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de xustificación ou a non corrección comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigo 13º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para fomentar a responsabilidade social empresarial (RSE) nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 25 de febreiro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial: unha consideración xeral e unha específica das organizacións sindicais (anexo I); tres específicas da Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II); unha xeral e unha específica da CIG (anexo III) e tres específicas de UGT-Galicia (anexo IV).








DITAME 9/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para fomentar a responsabilidade social empresarial (RSE) nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de febreiro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Sinálase nalgúns artigos do texto da orde (por exemplo, o 7º.3) que a documentación se aportará en orixinal ou copia compulsada. Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.
No apartado 3 deste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité considera que deberían substituirse polas seguintes que correspondan.

Segunda. - Artigo 7º. Solicitudes, prazo e documentación.
No apartado 3,  letra j (sic), deste artigo esíxese acompañar á solicitude “copia compulsada dos documentos TC2 da empresa solicitante, referidos ao mes inmediatamente anterior á presentación da solicitude e documento xustificativo do seu pagamento. No caso de non poder achegar o TC2 de dito mes, achegarán o relativo ao último mes que teñan pagado”.

O disposto neste apartado é de imposible cumprimento xa que o pagamento dos documentos TC2 realízase ao mes seguinte, polo que este Comité propón que se substitúa pola seguinte redacción: “Copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 da empresa solicitante relativos ao segundo mes inmediatamente anterior á presentación da solicitude e documento xustificativo do seu pagamento”, eliminándose o disposto no último punto.

Terceira- Artigo 10º. Avaliación das solicitudes
No apartado 2 deste artigo utilízase, para respectar o xénero, o emprego das barras “un/ha xefe/a de sección”.



Este Comité considera que o uso das barras non é a solución máis axeitada, suxerindo a utilización da expresión “persoa titular da xefatura de sección”, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Cuarta. - Artigo 11º. Criterios de avaliación.
Neste artigo relaciónanse os criterios a ter en conta para a valoración das solicitudes presentadas.

Este Comité considera que se deberían incluír novamente os criterios recollidos nos apartados 3 e 4 da orde do exercicio do 2010, referidos aos elementos innovadores do proxecto e á adecuación do orzamento en función do proxecto presentado, que se valoraban con 10 puntos cada un.

Quinta. - Artigo 11º. Criterios de avaliación.
No apartado 3º deste artigo valórase con 10 puntos a certificación acreditativa da existencia doutros sistemas de calidade ou excelencia, políticas de igualdade, ambientais ou de calquera outro eido en materia de RSE dentro da mesma empresa.

As organizacións sindicais e empresarial consideran que debería incluírse expresamente neste apartado a valoración da certificación de accións específicas en materia de prevención de riscos laborais, xunto coas que nel se relacionan.




Sexta.- Artigo 15º. Obrigas das beneficiarias.
Na letra f) deste artigo establécese a obriga de adoptar as medidas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deberían especificarse no artigo as medidas concretas de difusión a adoptar.



















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Consideración xeral.
As organizacións sindicais representadas no Consello consideran que, entre os requisitos e documentación que se esixen no artigo 7º para formalizar as peticións das subvencións, deberíase engadir a presentación do informe da representación legal  dos traballadores e das traballadoras na empresa.

Por outra parte, consideramos necesario que se notifique á representación sindical a concesión da axuda solicitada pola empresa, co obxecto de garantir a información á parte social e o seguemento da execución.

Consideración específica. - Artigo 11º. Criterios de avaliación.
A taxa de estabilidade superior ao 50%, que se esixe no criterio 1º deste artigo, considérase excesivamente baixa, dada a porcentaxe de precariedade contractual que existe, polo que se propón que este requisito se incremente substancialmente, sen que en ningún caso sexa inferior ao 75%.





ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Artigo 3º. Beneficiarias.
Esta organización suxire que se inclúan as entidades sen ánimo de lucro como entidades beneficiarias.

Segunda. Artigo 11º. Criterios de avaliación.
O criterio 1º está referido á “taxa de estabilidade do cadro de persoal nos doce meses anteriores á solicitude...., sempre que esta sexa superior ao 50%”. A CEG considera que debería suprimirse esta última frase dado que non ten en conta a taxa de estabilidade sectorial.

Terceira. Artigo 13º. Forma de pagamento e xustificación.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería establecerse no proxecto normativo a posibilidade de anticipos de ata un 65% da subvención e de pagamentos parciais de ata un 80%.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG:

Consideración xeral.
A CIG considera que a política de fomento da adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, que se persigue con esta Orde, ao centrarse en subvencións ás empresas, sen suficientes garantías e compromisos de previa negociación coa representación legal do persoal e de execución e seguemento do acordado, podería derivar en que o obxectivo das posibles beneficiarias sexa a simple obtención dunha axuda pública, pervertíndose deste xeito a finalidade da norma.
Por outro lado, temos que manifestar a nosa disconformidade coas subvencións indirectas a consultoras privadas que posibilita esta liña de axudas, polo que solicitamos que se abra unha nova vía de colaboración coa administración para a elaboración de estudos e diagnoses, así como para a proposta do plan, sen necesidade de recorrer a financiar nun 100% os custos da realización da actividade por parte dunha terceira empresa privada.

Consideración específica.
En relación co terceiro parágrafo da exposición de motivos, no que se alude a un futuro Plan Estratéxico Galego de RSE, esta organización sindical non entende a súa inclusión, posto que se trata dun posible futurible e non afecta, polo tanto, á norma que agora se vai promulgar.



ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS  ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR UGT-GALICIA:

Primeira. Artigo 1º.- Obxecto.
UGT-Galicia considera que debería engadirse no obxecto do actual proxecto normativo o que se establecía na Orde do exercicio de 2009 relativo á “incorporación de plans e medidas de responsabilidade social da empresa que promovan a estabilidade no emprego e a reinserción laboral na nosa comunidade”, que poderían ser desenvolvidos nas actuais liñas de subvencións.

Segunda. Artigo 2º.- Actuacións e gastos subvencionables.
Avogamos porque neste artigo se inclúan, dentro das liñas do proxecto, as subvencións ligadas a actividades para incorporar plans e medidas de RSE que promovan o emprego estable e a reinserción laboral, ante as situacións que así o demanden, así como medidas concretas emanadas de proxectos que xa foran elaborados ao abeiro da Orde do exercicio de 2009, co fin de fomentar a súa continuidade.

Terceira. Artigo 11º.-  Criterios de Avaliación.
Considérase que se debería engadir un novo apartado neste artigo, que estableza unha puntuación de, a lo menos, o 30% do total, para o fomento de medidas concretas en materia de RSE de nova implantación.