ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DAS PERSOAS TRABALLADORAS, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011.

I. ANTECEDENTES


O día 21 de febreiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo indica a exposición de motivos, no deseño da política de incentivos á contratación para o ano 2011 tense presente o contexto económico financeiro marcado pola recesión económica. Para paliar os efectos desta crise nas empresas galegas, dinamizando o mercado de traballo e perseguindo unha mellora da calidade do emprego e das relacións laborais en Galicia, regúlanse nesta orde os incentivos á contratación por conta allea, actuando en tres direccións: subvencionando a contratación indefinida de determinados colectivos de persoas desempregadas con dificultades de inserción laboral, a transformación de contratos temporais en indefinidos, e a contratación temporal dirixida a lograr a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras en risco de exclusión social e para conciliar a vida persoal e laboral.

A diversidade de circunstancias persoais que concorren nas persoas traballadoras desempregadas esixen dunha maior sistematización para estructurar os programas de apoio á contratación co obxecto de que de axusten a aqueles que padecen de forma máis acusada as dificultades para incorporarse ao mercado laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 7 de maio de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de abril de 2010 (Ditame 25/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Nas persoas beneficiarias (artigo 3º) engádese a referencia ás Unións Temporais de Empresas, que deberán cumprir cos mesmos requisitos que as sociedades civís e as comunidades de bens. Así mesmo, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos esixidos para acceder ás axudas.

Polo que se refire á competencia (artigo 4º) para coñecer e resolver as solicitudes de axudas, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego cando a solicitude se realice pola contratación de 10 ou máis persoas traballadoras.

O artigo 5º establece que as axudas previstas nos programas desta orde poderán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido. Establécese un prazo adicional de presentación, ata o 29 de abril de 2011, para as solicitudes polas contratacións realizadas entre o 1 de xullo de 2010 e a data da publicación desta orde.

Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita a subvención cause baixa na empresa en data anterior á resolución da concesión da axuda, estando obrigada a empresa a comunicar esta situación (artigo 7º).

Por outra banda, as axudas ás contratacións temporais quedan sometidas ao réxime de minimis, xunto coas das contratacións indefinidas e as transformacións de contratos temporais en indefinidos (artigo 15º).

Obsérvase unha diminución xeneralizada dos importes dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Disposición Adicional Cuarta).

No que se refire aos requisitos (Anexo A – Base Segunda) como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita a subvención, no caso de que nalgún dos 3 meses anteriores á contratación coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

Suprímese o requisito de que as contratacións deberán formalizarse por escrito.

Os dous parágrafos anteriores son aplicables con respecto do Anexo B, Base Segunda.

Nos incentivos á contratación indefinida inicial (Anexo A – Base Terceira) os incrementos para as contratacións realizadas por microempresas e as realizadas por estas para prestar servizos en centros de traballo radicados nun concello rural aplícanse, así mesmo, cando sexan realizadas con mulleres.

Nas exclusións dos beneficios (Anexo A – Base Cuarta) engádese, ás excepcións da finalización da relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato, a causa recollida no artigo 49º.1.g) do Estatuto dos traballadores.

Na relación da documentación que debe presentarse xunto coas solicitudes (Anexo A – Base Quinta) engádense, no seu caso, os documentos TC2 da mensualidade de contratación. No suposto de mozos ou mozas sen cualificación, declaración responsable asinada pola persoa representante da empresa e polo mozo ou moza. E no caso de que se trate dunha microempresa, o Anexo IX-A. Igualmente aplicable con respecto ao Anexo B – Base Quinta e ao Anexo C – Base Cuarta.

No referido á xustificación e pagamento (Anexos A  e B – Base Sexta e Anexo C ¬– Quinta), elimínase a obriga de presentar a última nómina aboada de cada persoa traballadora pola que se concedeu a subvención.

Nas obrigas das persoas beneficiarias (Anexos A e B – Base Sétima), suprímese o deber de manter, en cómputo anual, e durante 3 anos, o número total de persoas traballadoras no seu cadro de persoal desde a data da contratación.

Elimínase a posibilidade de que o incumprimento das obrigas e o reintegro das axudas sexan parciais cando se produzan as circunstancias recollidas no Anexo A – Base Oitava. Así mesmo, suprímese o apartado 2 que regulaba os incumprimentos totais.

Non haberá limitación temporal cando se trate de transformacións de contratos formativos, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación (Anexo B – Base Primeira).

No caso de transformación de calquera modalidade de contrato temporal, cando non se trate de microempresas, engádese a posibilidade de que a contratación indefinida inicial realizada cunha persoa traballadora pertencente a un dos colectivos desfavorecidos recollidos no apartado 2.b) do Anexo B – Base Primeira, sexa a tempo completo ou parcial.

Engádense as persoas pertencentes ao colectivo sinalado no artigo 2º.1.e) para o suposto de incentivarse todas as transformacións, en todas as empresas, calquera que sexa a modalidade do contrato temporal.

Substitúese o requisito de que transcorreran menos de 24 meses desde a celebración inicial para incentivarse a transformación dos contratos temporais en indefinidos, pola obriga de que non transcorreran máis de 24 meses (Anexo B – Base Segunda).

De non ser posible unha nova transformación dun contrato temporal no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a vacante cubrirase cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa desempregada e inscrita no Servizo Público de Emprego que pertenza a algún dos colectivos desfavorecidos (Anexo B – Base Sétima).

Suprímese a referencia de que o incumprimento das obrigas sexa parcial e no caso de que a empresa beneficiaria incumpra de manter o número de persoas traballadoras fixas durante 3 anos, para o cálculo da contía a reintegrar terase en conta a contía mínima de subvención concedida á empresa por cada persoa traballadora subvencionada, sendo esta a contía que se aplicará por cada un dos empregos fixos diminuídos (Anexo B – Base Oitava). Así mesmo, suprímese o apartado 2 que regulaba os incumprimentos totais.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, catro disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e tres anexos.


O día 2 de marzo de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame trece específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I), polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), polas organizacións UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo III); polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo IV) e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo V).


DITAME 10/11



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de febreiro de 2011, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de marzo de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
Este Comité considera farragosa a redacción do apartado 4 deste artigo, propoñendo que se substitúa por outra que resulte intelixible.

Segunda.- Artigo 3º. Beneficiarios.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Terceira.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
No apartado 3 deste artigo fíxase o 30 de xuño de 2011 como remate do prazo para a presentación das solicitudes de axudas.

Este Comité suxire que, en vez dunha data concreta, se fixe un prazo axeitado, o máis amplo posible que permita a presentación de solicitudes ao longo de practicamente todo o exercicio.

Esta consideración reitérase para os prazos establecidos nos anexos.


Cuarta.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
No apartado 4 desta orde fíxase ata o 29 de abril de 2011 para presentar as solicitudes polas contratacións realizadas entre o 1 de xullo de 2010 e a data da publicación desta orde.

Este Comité considera que non deben figurar na orde datas límite pechadas, debendo establecerse un prazo adecuado, contado a partir da data da publicación oficial da orde.

Quinta.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.
No apartado 5 desta orde figura que as solicitudes e anexos están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que debería figurar o enlace completo ás solicitudes e aos anexos que aparecen na páxina web.

Sexta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de seis meses.  

Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de tres meses. Neste sentido, de acurtarse o prazo de resolución gañaríase un trimestre que permitiría ampliar o prazo de presentación de solicitudes, polo menos, ata o 30 de setembro de 2011.



Sétima.- Artigo 9º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Oitava.- Artigo 13º.- Devolución voluntaria da subvención.
No primeiro parágrafo deste artigo faise referencia a unha conta de Caixa Galicia.

Tendo en conta que a referida entidade financeira xa non existe, este Comité propón que se substitúa pola que corresponda.

Novena.- Artigo 15º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose no apartado e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecto este apartado dado que as “empresas en crise” non constitúen un sector.

Décima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.
Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións finais.

Décimo primeira.- Anexo A. Base Cuarta.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos incentivos as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo segunda.- Anexo A. Base Quinta.
Nesta disposición sinálase que a documentación que acompañará á solicitude se aportará en orixinal ou copia compulsada.

Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada. Igual consideración formúlase respecto dos anexos B (quinta) e C (cuarta).

Décimo terceira.- Anexo A. Base Sexta.
No apartado 3 desta disposición alúdese á resolución declarativa de procedencia de reintegro”. Este Comité considera que debe dicir “resolución firme declarativa de procedencia de reintegro”.

Esta consideración reitérase para os apartados 3 da base sexta do Anexo B e base quinta do Anexo C.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
A CIG ven preconizando e manifestándose reiteradamente nos ditames deste Comité Delegado, sobre a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.

Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:


1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

A Orde que agora ditaminamos parece querer avanzar nun destes criterios, en concreto o de destinar as axudas a colectivos específicos. Sen embargo, este aparente avance queda moi mediatizado pola amplitude e diversidade de colectivos definidos no artigo 2, polo que practicamente outorga carácter xeral ás subvencións, e en consecuencia o posible efecto selectivo resulta claramente prexudicado.

Por outro lado, temos que avaliar negativamente que os relativos avances producidos en anos anteriores en canto ao establecemento de plans empresariais de estabilidade laboral e a esixencia dun determinado nivel de taxa de estabilidade para que a empresa poidese acceder a incentivos, resultaran eliminados para o exercicio de 2010 e séguese mantendo esta eliminación para o de 2011.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Exposición de motivos.
O cuarto parágrafo da exposición de motivos refírese a esta orde como resultado dos acordos asinados o 30 de xullo de 2010 na Mesa Xeral do Diálogo Social en Galicia.

A CIG considera que deberíase retirar o referido parágrafo pola súa absoluta falta de relación co contido dunha orde que, substancialmente, ven sendo reprodución doutras de exercicios anteriores.

Segunda.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Terceira.- Anexo A. Base Sétima.
Esta disposición obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de tres anos a computar desde a data de realización da contratación.

A CIG considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.




















ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Anexo A. Base Segunda. Requisitos.

O apartado 4 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.













ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA R S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Exposición de motivos.
No quinto parágrafo da exposición de motivos establécese que os programas de apoio á contratación deben axustarse a determinados colectivos que se citan.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia propoñen engadir o parágrafo eliminado neste proxecto normativo e que figuraba na orde do exercicio anterior, que dicía textualmente: “As axudas céntranse naqueles que non posúan cualificación profesional”.












ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Anexo A. Base Quinta.
No apartado 4 desta disposición esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.









ANEXO V

CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

CONSIDERACIÓN XERAL
En coherencia co plan de choque a nivel estatal que potencia a contratación a tempo parcial, a CEG propón que se establezan máis incentivos neste proxecto normativo para fomentar esta modalidade de contratación.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS
Primeira.- Anexos A e C. Base Primeira.
A CEG considera que os incentivos establecidos nos programas de fomento da contratación indefinida inicial e de fomento da contratación temporal deberían extenderse a todos os colectivos relacionados no apartado 1 do artigo 2º deste proxecto normativo.

Segunda.- Anexo B. Base Primeira.
No apartado 1, letra a) desta disposición establécese que serán subvencionables ao abeiro do programa “as transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalizasen desde o 1 de xullo de 2010 ata a data de publicación desta orde”.

Deberíase clarificar a redacción pois podería darse a interpretación que a data do 1 de xullo se refire á data de formalización do contrato temporal que se transforma e non á data de formalización da transformación. Neste senso propoñemos a seguinte redacción alternativa “as transformacións, que se formalizasen desde o 1 de xullo de 2010 e ata a data de publicación desta orde, de contratos temporais en indefinidos”.

Por outra parte, na letra b) do mesmo precepto establécese a subvención das transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalizasen desde a data de publicación desta orde e ata a data de finalización do prazo de solicitude, sempre que o contato temporal obxecto de transformación estivese vixente no momento de publicación desta.

Consideramos que para unha maior eficacia da medida debería modificarse a redacción para ampliar esta no senso de admitir as transformacións de contratos temporais celebrados con posterioridade á data de publicación da Orde, pois do contrario exclúese da posibilidade de incentivo aquelas transformacións de contratos de duración determinada que non estivesen vixentes no momento da publicación, situación que provocaría que habería que esperar á orde do vindeiro ano, para poder, no seu caso, acceder ao incentivo”.