ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DE AXUDAS EN MATERIA DE TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA, COFINANCIADAS PARCIALMENTE POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE CONVOCAN PARA O EXERCICIO 2011.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de febreiro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen, modifican e refunden as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

En desenvolvemento do título II da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a Consellería de Traballo publicou o Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, a consecución da inserción laboral en clave de igualdade laboral convértese nunha das claves para facer efectivo o principio de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, xa que este é un dos ámbitos en onde, ata o de agora, foi máis visible a desigualdade. Así, esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 30 de xuño de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 7 de abril de 2010 (Ditame 23/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidades, os seguintes aspectos:

Obsérvase no artigo 4º unha diminución xeneralizada dos importes dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, que se distribúe nas distintas liñas de actuación, dispoñendo o propio artigo que, no caso de non presentarse ningunha solicitude nas liñas II ou III, ou o número das efectuadas fose escaso, a Consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dalgunha destas liñas. Con respecto ás axudas relativas a liña I, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.


Para ser beneficiarias das axudas da liña I, as empresas deberán contar cun mínimo de 8 persoas traballadoras, no momento da presentación da solicitude (artigo 5º).

Realizarase un control exhaustivo da formación a impartir, respecto aos gastos subvencionables da liña I, pola asistencia a cursos de formación en materia de igualdade (artigo 6º).

O plan de igualdade que se elabore debe contar cuns contidos mínimos recollidos no apartado 2 do referido artigo 6º. Finalizada a súa elaboración, os beneficiarios terán que solicitar a certificación da súa implantación ante o Servizo de Igualdade Laboral. A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá recabar informe a este servizo aos efectos de determinar si as actividades a realizar  poden ser subvencionables.

Con respecto á contía das axudas, en ningún caso, o importe total por empresa beneficiaria das axudas da liña I poderá superar os 3.600 euros (artigo 7º).

Para os efectos dos requisitos para seren beneficiarias das axudas da liña II (artigo  8º), a Orde do 25 de novembro de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar publicou unha relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

As empresas beneficiarias das axudas da liña III xustificarán o cumprimento dos requisitos esixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia (artigo 12º).

Engádese na documentación xenérica que debe acompañar á solicitude das axudas (artigo 15º), a obrigatoriedade de presentar a declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas sometidas ao réxime de mínimis nos últimos tres anos.

Unha vez confeccionado o plan de igualdade, no suposto das axudas da liña I, será remitido á Dirección Xeral de Relacións Laborais (artigo 15º).

Incorpórase nova documentación de carácter específico no caso das solicitudes de distintas axudas da liña I e III (artigo 15º).

En relación á valoración das solicitudes presentadas, engádense, aos criterios establecidos na orde do exercicio anterior, a valoración do número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria das subvencións e da proposta formativa concertada pola empresa para o seu persoal e en materia de igualdade (artigo 19º). Ao mesmo tempo, neste proxecto normativo suprímese o criterio de valoración polo número de centros de traballo que se beneficiarán das subvencións.

Para proceder ao pagamento (artigo 21º) establécese a obriga de achegar, ademais da documentación xenérica relacionada, a declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas sometidas ao réxime de mínimis nos últimos tres anos. No suposto das axudas relativas ás liñas I e III, engádese á relación anterior nova documentación de carácter específico.




Nas obrigas das entidades beneficiarias (artigo 23º), incorpórase o deber de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Para levar a cabo un correcto control anual do desenvolvemento do plan de igualdade, as empresas achegarán a certificación da implantación do plan, expedida polo Servizo de Igualdade Laboral da Consellería de Traballo e Benestar (artigo 26º).

No caso de seren empresas beneficiarias das axudas da liña III, achegarán resolución do organismo competente da Consellería de Traballo e Benestar sobre a concesión da autorización de apertura das instalacións obxecto do investimento, sempre que fora necesario o dito requisito (artigo 26º).

Engádese un novo artigo a este proxecto normativo relativo ás axudas baixo condicións de mínimis (artigo 27º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.






II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, vintesete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 7 de marzo de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:
• 1 consideración xeral e 7 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 1 consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo II)
• 1 consideración específica manifestada polo SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo III)
• 2 consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV)
• 1 consideración específica manifestada pola CEG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo V) e
• 1 consideración específica manifestada pola CEG, UGT-Galicia e CIG (Anexo VI).




DITAME 11/11




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de marzo de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
Este Comité reitera as consideracións feitas nos Ditames 27/06, 5/08, 14/08, 15/08 e 33/08, todos eles relativos á mesma materia e perfectamente aplicables á orde que se somete a ditame, que se poden consultar na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).

Segunda.-
No Capítulo IV, relativo ás Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, regúlase, no artigo 13º, a contía das axudas.

Este Comité entende que non pode compararse o custo da creación ou habilitación dunha sala de repouso ou lactación, coa habilitación de servizos de comedor e gardería, para o cal considéranse insuficientes as contías máximas por entidade beneficiaria que figuran no referido artigo 13º: 20.000 € para o caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas e 40.000 € cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No penúltimo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que o número máximo de convocatorias nas que se poderán solicitar estas axudas será de oito, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade superase os oito anos.

Este Comité considera excesiva a cifra de 8 anos para o desenvolvemento dun Plan de Igualdade. Un Plan non debería superar os 4 anos entre a súa posta en marcha e a súa finalización, sen prexuízo de que algunha das medidas –por exemplo, aquelas que supoñan cambios arquitectónicos nas infraestruturas da empresa en cuestión- necesite dun abano algo máis amplo de tempo para o seu remate, pero nunca estendéndose máis aló de 6 anos.

Segunda.- Artigo 10º. Contía das axudas.
Este Comité valora positivamente o incremento do compromiso de contratación feminina con respecto ao borrador do ano pasado, aínda que se considera insuficiente e debería facerse un esforzo por aumentalo, polo menos nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras. Tamén consideramos que o mínimo de contratación en cifras debería ser maior, tanto nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras como nas de máis de 50.



Terceira.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No apartado 2.1 deste artigo esíxese acompañar á solicitude “copia compulsada do documento TC2 da empresa solicitante, referido ao mes inmediatamente anterior á presentación da solicitude e documento xustificativo do seu pagamento. No caso de non poder achegar o TC2 de dito mes, achegarán o relativo ao último mes que teñan pagado”.

O disposto neste apartado é de imposible cumprimento xa que o pagamento dos documentos TC2 realízase ao mes seguinte, polo que este Comité propón que se substitúa pola seguinte redacción: “Copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 da empresa solicitante relativos ao segundo mes inmediatamente anterior á presentación da solicitude e documento xustificativo do seu pagamento”, eliminándose o disposto no último punto.

Cuarta.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No apartado 2.1 deste artigo, nos ítems 3, 4 e 8, e no apartado 2.2, nos ítems 5 e 7, solicítase copia compulsada de varios documentos na documentación xenérica. Este Comité considera que deberíase admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Quinta.- Artigo 20º. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese que “o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes.”



En aras dunha mellor claridade do texto da orde, este Comité propón que se substitúa pola seguinte redacción: “O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses, a contar dende o peche do prazo de presentación das solicitudes.”

Sexta.- Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade. Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Sétima.- Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 31 de outubro da documentación que se relaciona. Esta Comité entende que este prazo de presentación resulta de difícil ou imposible cumprimento.

Por outra banda, este mesmo apartado recolle a posibilidade da presentación da documentación nunha data posterior ao 31 de outubro, establecida na resolución de concesión. As organizacións sindicais e empresarial consideran que esa nova posibilidade na resolución e non no texto da orde introduce matices de discrecionalidade.

Oitava.- Artigo 23º. Obrigas das beneficiarias.
Na letra f) deste artigo establécese a obriga de adoptar as medidas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deberían especificarse no artigo as medidas concretas de difusión a adoptar.


Novena.- Disposición Adicional Segunda.
Este Comité considera que se debería substituír a referencia á “conselleira de Traballo e Benestar”, establecida nesta Disposición Adicional, pola expresión “persoa titular da consellería de Traballo e Benestar”.








ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases de elaboración do mesmo, carecendo de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Tendo en conta isto, consideramos preciso que un requisito para solicitar as axudas ás empresas para a implantación de plans de igualdade sexa asinar un acordo ou compromiso polas partes, que deberá ser incluído na documentación solicitada.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e cremos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan.

Finalmente, entendemos que debería ser de obrigado cumprimento pola empresa trasladar á representación sindical a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas, en calquera das tres liñas de subvención.

Consideracións específicas:

Primeira.-
O proxecto normativo sometido a ditame denomínase “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2011”.

Os sindicatos UGT-Galicia, CC.OO. de Galicia e CIG consideran que o título da orde debería especificar que estas axudas se dirixirán soamente ás pemes con domicilio social en Galicia.

Por outra banda, as organizacións sindicais consideran que deberían eliminarse do artigo 7º as alusións aos centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para determinar os importes das subvencións.

Segunda.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
Respecto das empresas ás que non lles será de aplicación a Liña I de axudas, ademais das que teñan unha obriga legal de implantar plans de igualdade, debería de excluírse tamén ás que teñan esta obriga por un convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Os plans de igualdade que se subvencionan deberían de ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Terceira.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No apartado 1.a) deste artigo consideráse gasto subvencionable a realización dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia consideramos necesario que esta diagnose a realicen os departamentos de recursos humanos das empresas solicitantes, asesoradas, se procede, por unha consultora privada, pero nunca debe tratarse dun traballo realizado exclusivamente pola consultora, polo que debería eliminarse a posibilidade de subvencionar o 100% dos custos nestes casos, como así se contempla no artigo 7º deste proxecto normativo.

Cuarta.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
Consideramos que poderíase puntuar positivamente a aquelas empresas que, en lugar de contratar a unha consultora privada para elaborar o Plan de igualdade, contraten a unha persoa experta durante o tempo que dure a elaboración e posta en marcha dese Plan.

Tamén poderíase puntuar positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial posto ao seu servizo para o desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.



Quinta.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
En liña co anterior e tendo en conta o disposto no apartado 1.d) deste artigo, que contempla como gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.

Sexta.- Artigo 7º. Contía das axudas.
Con respecto á Liña I, apartado d), que establece que a contía da axuda acadará ata o 10% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade, consideramos que debe esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente, de acordo co manifestado no último parágrafo da consideración cuarta deste anexo ao ditame, referida anteriormente.

Sétima.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No apartado 2, punto 2, liña I, 4º ítem, punto 5, que esixe acompañar unha relación dos traballos semellantes realizados pola empresa nos tres anos anteriores, consideramos que a relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que estea provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO CIG:

No capítulo II, relativo ás Axudas para a implantación de plans de igualdade, manifestamos, unha vez máis, a nosa desconformidade coa política de subvencións ás empresas para a elaboración destes plans, xa que ese podería converterse no seu principal obxectivo: beneficiarse dunha axuda económica, sen que os plans sexan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA

Artigo 10º.- Contía das axudas.
No relativo ao compromiso de contratación feminina, recollido no artigo 10º, consideramos que debería ser maior e suxerimos a elaboración dunha listaxe segundo un baremo, que podería establecerse na orde ou incorporarse ao Plan de igualdade, en función do número de persoas traballadoras das empresas, desde 1 a 250.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
A CEG considera que a Liña I de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.

Segunda.- Artigo 12º. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como actividade subvencionable a adaptación do centro de traballo para poder realizar teletraballo.


ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 4º.- Financiamento.
As organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia lamentan a progresiva diminución do importe no financiamento destas axudas, pasando a ser neste exercicio 2011 arredor do 53% do orzamento do exercicio anterior.

















ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 5º.- Beneficiarias.
Tendo en conta a memoria explicativa deste proxecto normativo remitida a este Comité, as organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debería xustificarse o criterio polo que se establece a obrigatoriedade de que as empresas, para ser beneficiarias destas axudas, conten cun mínimo de 8 persoas traballadoras, recollido no apartado 2 deste artigo.