ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DURANTE OS ANOS 2011 E 2012 DE PROGRAMAS INTEGRADOS PARA O EMPREGO.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de marzo de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2011 e 2012 de programas integrados para o emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia ao proxecto de orde que se está a ditaminar.
Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo e Benestar ven a articular neste proxecto normativo programas integrados para o emprego, dirixidos á mellora da ocupabilidade e a explorar novas alternativas de inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrais que combinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 29 de marzo de 2010, publicada no DOG o 8 de abril de 2010, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2009, obsérvase que foron tidas en conta moitas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 27/09.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Elimínase o artigo 2º e o seu contido intégrase no artigo 1º “Obxecto” dispoñendo este que os programas de emprego que se subvencionen establecerán obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral das persoas en situación de desemprego que neles participan.

Obsérvase unha diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º).

Os diferentes programas recóllense no artigo 3º, regulándose de maneira independente os programas integrados para persoas perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego das  admitidas ao programa da Renda Activa de Inserción e que subscribiran o compromiso de actividade ou que sexan perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia.

Por outra banda, en relación coa presentación de solicitudes (artigo 5º), establécese a exención das entidades incluídas no artigo 49º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, de achegar os xustificantes aos que se refire o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos efectos do prazo de presentación de solicitudes (artigo 5º), establécese qué se entende como último día do prazo.

En relación coa memoria explicativa do proxecto que debe acompañar á solicitude (artigo 6º), engádese, no aspecto referido ao número de participantes, que non será, con carácter xeral inferior a 100, salvo nos casos que non se alcance a porcentaxe de persoas perceptoras de prestacións por desemprego e, en ningún caso, será inferior a 60. Así mesmo, incorpórase a obriga de facer referencia á experiencia da entidade en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego.

Con respecto á concesión das subvencións engádese, como criterio de valoración (artigo 7º), a adecuación dos colectivos aos que vai dirixido o proxecto á estrutura poboacional e do paro rexistrado no ámbito territorial de actuación. Así mesmo, establécese no último punto deste artigo 7º que a valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 50 puntos.


No referente ao procedemento, competencia e resolución dos expedientes (artigo 8º), establécese que o órgano instrutor deles será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación, regulándose que aqueles expedientes dos que na primeira fase non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade con informe da Comisión de Valoración.

A concesión ou denegación das axudas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, por delegación da titular da Consellería de Traballo e Benestar, suprimíndose a referencia á sinatura de convenios de colaboración.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2011 e 2012 de programas integrados para o emprego” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.



O día 30 de marzo de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e once  consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexo, catro consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 12/11







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2011 e 2012 de programas integrados para o emprego”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de marzo de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de marzo de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:











CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.
Este Comité quere destacar a aceptación, por parte da Consellería, de varias das consideracións emitidas por este organismo no ditame 27/09, sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2010 e 2011 de programas integrados para o emprego, que foi publicada no DOG o 8 de abril de 2010.

Segunda.
Este Comité observa que a orde referida na consideración anterior, Orde do 29 de marzo de 2010, reguladora das subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2010 e 2011, se vai a solapar durante 2011 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2011 e 2012.

Terceira.
Este Comité propón unha nova revisión do texto dado que aínda hai erros na linguaxe en materia de xénero e na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra (artigo 8º, apartado 3, parágrafo segundo e apartado 4, disposición final primeira). Ademais, este Comité non considera acertada a solución da utilización das barras tendo en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan esta solución para os formularios.

.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
Este Comité non considera razoable que haxa un descenso, respecto ao financiamento no exercicio de 2010, de un total de 2.784.439 euros para as entidades sen ánimo de lucro, cando para as entidades locais hai un incremento de 1.117.315 euros.  

Segunda.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No epígrafe b) deste artigo establécese que o Servizo Público de Emprego seleccionará ás persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación aos programas e a entidade beneficiaria poderá participar no proceso de selección.

Este Comité considera que deberíanse especificar no artigo os termos da participación da entidade beneficiaria no proceso de selección.

Terceira.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No último parágrafo do epígrafe a) deste artigo e no segundo parágrafo do epígrafe b) establécese, respectivamente, que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35% das atendidas durante o desenvolvemento do programa, porcentaxe que se reduce ao 30% cando as persoas participantes sexan desempregadas previamente admitidas ao Programa de Renda Activa de Inserción ou perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia.

Este Comité considera que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para os programas da letra a) unha porcentaxe de inserción do 25% e para os programas da letra b) unha porcentaxe do 20%.

Cuarta.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1 deste artigo enuméranse documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións  particulares das persoas candidatas.

Quinta.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Sexta.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Tendo en conta  a natureza do programa, non se considera necesario puntuar o esforzo investidor que figura no punto 5 deste artigo.

Polo exposto, este Comité propón que se elimine este criterio.


Sétima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité considera insuficientes os puntos outorgados no punto 6 ás entidades en función da súa experiencia anterior neste tipo de convocatorias. Este apartado non debe perder importancia se se quere acadar o maior rendemento dos fondos investidos nas accións do programa. O seu bon desenvolvemento require unha organización asentada e de referencia no mundo socio-laboral no beneficio último das persoas atendidas.

Polo exposto, este Comité propón que se manteñan os 14 puntos previstos para este criterio na orde do exercicio 2009.  

Oitava.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
No punto 8 deste artigo minóranse, en relación coa orde do exercicio 2009, os puntos polo emprego da lingua galega, pasando de 12 a 5.

Este Comité considera que se deben manter os 12 puntos polo emprego da lingua galega, xa que o idioma é un ben cultural que se debe promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades, mellorando o seu resultado.

Novena.- Artigo 10º. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

Este Comité considera que debe explicitarse nesta orde que  a porcentaxe chegue ata o 100%, tendo en conta que son entidades sen ánimo de lucro.

Décima.- Artigo 11º. Inicio das accións.
O apartado 2 deste artigo establece que as instrucións para a posta en marcha dos programas estarán a dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia.

Este Comité considera que o enlace que figura para a páxina web institucional debe estar escrito na súa totalidade no idioma propio de Galicia.

Décimo primeira. - Artigo 12º. Xustificación e pagamento.
No apartado 1.A) deste artigo establécese que procederase ao aboamento  do 50% do total da subvención a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a documentación que se relaciona.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo, de ata o 100%.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.
A Confederación de Empresarios de Galicia propón incluír entre as accións de diversa natureza, relacionadas neste artigo 1º, a prospección de empresas, a búsqueda de xacementos de ofertas e a intermediación laboral. É necesario levar a cabo unha prospección do mercado laboral e das empresas que o integran para a detección de perfís demandados.

Segunda.- Artigo 3º. Tipos de programas.
Respecto ao disposto no parágrafo terceiro do apartado a) deste artigo, a Confederación de Empresarios de Galicia considera excesivo que a porcentaxe das persoas beneficiarias das accións que deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego se cifre no 60%.

A experiencia no desenvolvemento do Plan Integral de Emprego indica que dita porcentaxe resulta moi difícil de alcanzar, máxime nos colectivos que se determinan, polo que se propón que esta se rebaixe ata o 40% como regra xeral.

Terceira.- Artigo 3º. Tipos de programas.
O último punto do apartado b) deste artigo sinala que o prazo de execución dos programas integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que para o correcto desenvolvemento destes plans sería necesario tamén o establecemento dunha duración mínima.

Cuarta.- Artigo 10º. Gastos imputables.
A CEG propón que se inclúan como gastos imputables na letra e) do apartado 1 deste artigo, os gastos derivados da contratación de forma externa para a realización de estudos de mercado e de prospección de empresas, así como a posibilidade de contratar outros tipos de servizos (formación para traballadores, captación de ofertas e prospección empresarial).