ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES), COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de abril de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo dispón o artigo 1º do proxecto normativo que se somete a ditame, a finalidade deste réxime de axudas é fomentar e promover na Comunidade Autónoma de Galicia a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha daqueles proxectos empresariais previamente cualificados como iniciativas locais de emprego (ILE) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego e nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 14 de maio de 2010 e o Ditame 21/10, emitido polo Consello con data 26 de marzo de 2010, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:


Establécese que o período para desenvolver os distintos tipos de axudas será do 1 de xullo de 2010 ao 30 de setembro de 2011, agás na subvención financeira para a que se establece que os préstamos deberán ser concedidos polas entidades financeiras entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011 ou no prazo específico establecido na resolución de concesión (artigo 8º).

O prazo xeral para a presentación das solicitudes de todos os tipos de axudas será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da orde no DOG (artigo 13º).

Introdúcese, na documentación específica a presentar nas solicitudes para a subvención financeira, a tarxeta da ITV no suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais (artigo 15º).

O orzamento asignado a estes programas redúcese de 3.962.619€ que establecía a orde do 2010 a 1.467.631,04€ que presenta este proxecto normativo (Disposición adicional sexta).

Engádense ao proxecto normativo dúas disposicións transitorias, a primeira relativa ás iniciativas locais de emprego que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xullo de 2009 e ata o 30 de xuño de 2010 e a segunda para o caso de que se concedese ao abeiro da orde de convocatoria do ano 2010 un importe de subvención en concepto de axuda para o inicio e posta en marcha da actividade que non acadase a contía máxima prevista.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e seis artigos, sete disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas finais.

O día 12 de abril de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


Así mesmo, contén, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha específica manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I); unha específica manifestada pola CEG e as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II); unha específica manifestada pola CIG (Anexo III) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo IV).



DITAME 13/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de abril de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de abril de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como, por exemplo, o uso reiterado do masculino xenérico e o emprego das barras “o/a”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 8º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.




Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Segunda.- Artigo 8º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011 ou no establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.

Terceira.- Artigo 8º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.




Cuarta.- Artigo 9º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
No segundo parágrafo do apartado 3 deste artigo establécense os gastos subvencionables.

Este Comité propón que tamén se consideren subvencionables e se inclúan neste apartado, os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Quinta.- Artigo 17º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Sexta.- Artigo 18º. Xustificación e pagamento.
Dispón este artigo, no seu parágrafo 5, que o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación do orixinal ou copia compulsada da documentación que se especifica na resolución de concesión.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Sétima.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo, ao igual que no artigo 21º, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Oitava.- Disposicións transitorias.
Este Comité considera que por coherencia normativa deberíase establecer o epígrafe “Disposicións transitorias”, numerándoas posteriormente como primeira e segunda, tal e como aparecen as disposicións adicionais.

Novena.-  Disposición transitoria primeira.
Esta disposición establece que “as iniciativas locais de emprego que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xullo de 2009 e ata o 30 de xuño de 2010, con carácter excepcional e para o exercicio económico de 2011, poderá concedérselles solicitar as axudas previstas…”

Este Comité considera que debería corrixirse a expresión “poderá concedérselles solicitar as axudas previstas”, propoñéndose a seguinte redacción: “As iniciativas locais de emprego que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xullo de 2009 e ata o 30 de xuño de 2010, con carácter excepcional e para o exercicio económico de 2011, poderán concedérselles as axudas previstas…”


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo, no seu apartado 2, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras obxecto de subvención ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o S.N. de CC. OO. de Galicia consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 9º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
O apartado 2 deste artigo, parágrafo segundo, establece a contía máxima de 6.000 euros por posto de traballo estable creado, agás que sexa ocupado por un mozo ou moza de 30 ou menos anos ou por unha muller, que poderá acadar a contía de 8.000 euros.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propoñen que a excepción contemplada neste apartado estableza igual importe que figuraba  na orde do exercicio 2009, é dicir, 9.000 euros.

ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Artigo 5º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 3 deste artigo establece que cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 8º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.