ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN INTERSECTORIAIS E SECTORIAIS DIRIXIDOS PRIORITARIAMENTE A PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS MEDIANTE A SUBSCRICIÓN DE CONVENIOS DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/718/2008, DE 7 DE MARZO, POLA QUE SE DESENVOLVE O REAL DECRETO 395/2007, DE 23 DE MARZO, POLO QUE SE REGULA O SUBSISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO, EN MATERIA DE FORMACIÓN DE OFERTA E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS AO SEU FINANCIAMENTO.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de abril de 2011 recibiuse no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

As axudas previstas no proxecto de orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (nun 80%) e pola Administración Xeral do Estado e están incluídas no Programa Operativo Plurirrexional  “Adaptabilidade e Emprego”, imputables ao novo período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 15 de xullo de 2010 e o Ditame 32/10, emitido polo Consello con data 21 de maio de 2010, obsérvanse que só se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Establécese que as accións formativas de Teleformación e a Distancia que inclúan probas presenciais non se considerarán modalidade mixta (artigo 2º) e deberán realizarse nela os controis esixidos para cada unha das modalidades que a compoñan, non podendo avaliar contidos correspondentes a módulos distintos. Por outra parte, en todas as modalidades programarase un control mínimo por módulo formativo cada 15 horas (artigo 4º).

A participación das persoas traballadoras desempregadas nos plans de formación deberá ser como mínimo dun 20% (artigo 5º), non podendo volver a realizar outro curso da mesma especialidade aqueles alumnos que realizasen un curso e teñan dereito a diploma (artigo 6º).

Nos plans de formación intersectoriais, dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e nos plans de formación sectoriais integrados por accións formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras dun sector produtivo concreto, un 50% dos fondos dispoñibles destinarase ao financiamento dos plans presentados polo grupo de organizacións empresariais e o 50% restante ós presentados polo grupo de organizacións sindicais (artigo 9º).

Establécese que se entende por entidade asociativa de traballadores autónomos de carácter intersectorial e os requisitos que deberán reunir para ser entidade beneficiaria das axudas (artigo 10º).

Modifícanse os criterios de valoración dos plans, pasando de 10 a ata 5 puntos os relativos ao contido das accións formativas e ao das instalacións, medios didácticos e material previsto, así como de 15 ata 25 puntos o criterio relativo á capacidade acreditada da entidade solicitante (artigo 16º, letras a e c).

En canto á documentación a remitir á Dirección xeral de Formación e Colocación, o presente proxecto normativo distingue entre documentación que hai que presentar telematicamente, a través da aplicación informática, e documentación que hai que presentar documentalmente (artigo 24º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 18 de abril de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e trinta consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola Confederación de Empresarios de Galicia.  


Contén así mesmo, como anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo I), pola CEG (Anexo II), pola CIG (Anexo III), polos sindicatos UGT-Galicia e CIG (Anexo IV) e polo SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo V).  


DITAME 14/11





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de abril de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de abril de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira.
Este Comité considera que deberían formalizarse convenios plurianuais coas organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia para o desenvolvemento de plans de formación.

Segunda.
Obsérvase que non se remitiu para ditame xunto co proxecto normativo o anexo III que se cita no artigo 16º do proxecto de Orde, polo que non pode ser obxecto de ditame.

Terceira.
Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como o uso do masculino xenérico nos artigos 5º e 6º, e o uso das barras, por exemplo, nos artigos 4º, 5º, 21º, 22º, 23º e 24º.

Cuarta.
Este Comité considera que a Dirección Xeral de Formación e Colocación debería elaborar un manual de uso da aplicación informática de xestión dos plans de formación, adaptado ás esixencias reguladas no proxecto normativo, como, por exemplo, o disposto no apartado 4 do artigo 4º sobre os módulos transversais.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos
Na exposición de motivos cando se relacionan as distintas normas que fundamentan esta orde, deberían mencionarse tamén o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei de subvencións de Galicia e o Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo que desenvolve a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Debería citarse tamén a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Segunda. - Artigo 4º. Accións formativas.
O segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que: “As accións formativas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”. Este Comité considera que debería quedar redactado do seguinte xeito: “As accións formativas, agás que respondan a unha unidade de competencia ou a un título recoñecido cunha duración maior, non poderán ter unha duración inferior a 10 horas...”.



Terceira. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 3 deste artigo establécese que se poderán financiar dentro das accións formativas módulos de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

Este Comité considera que debería de incluírse, ademais dos que figuran no citado apartado, un módulo de prevención de riscos laborais.

Cuarta. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 4 deste artigo, indícase que nas accións formativas impartidas na modalidade presencial, os módulos transversais deberán impartirse ao final da acción formativa.

Este Comité considera que os módulos transversais deberíanse poder impartir indistintamente ao longo da acción formativa e non soamente ao final.

Quinta. - Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 5, ao establecer as modalidades de impartición das accións formativas, figura “distancia convencional”.

Este Comité considera que esta expresión deberíase substituír pola de “a distancia”.

Sexta. - Artigo 4º. Accións formativas.
Este Comité considera que o parágrafo quinto do apartado 5 deste artigo ten unha redacción un pouco confusa, propoñendo unha nova redacción para este parágrafo: “As accións formativas presenciais poderán organizarse en grupos cun máximo de 25 participantes e un mínimo de 8, agás autorización expresa da persoa titular da Dirección xeral de Formación e Colocación por causas debidamente xustificadas. Nas accións de formación a distancia (incluídas as desenvolvidas mediante teleformación) disporase, como mínimo, dunha titora ou titor por cada 80 participantes. Nestas modalidades non se aplicará un mínimo de alumnos/as para o seu inicio. Nas accións mixtas respectaranse os citados límites, segundo a respectiva modalidade.”

Tendo en conta que esta nova redacción que se propón xa leva incorporado o establecido no último parágrafo do referido apartado 5, este quedaría suprimido.

Sétima.- Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
No apartado 1.g) faise referencia aos coidadores non profesionais nos ámbitos de servizos de atención ás persoas dependentes.

Este Comité considera que na futura distribución sectorial das accións formativas amparadas por esta orde deberíase ter en conta o desenvolvemento da normativa de atención á dependencia e a previsible eclosión dun número moi elevado de persoas coidadoras non profesionais.

Oitava.- Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
No apartado 2.2 establécese que “a taxa de participación das mulleres no conxunto de cada plan formativo deberá ser de, polo menos, 5 puntos porcentuais superior á taxa xeral de ocupación feminina no correspondente ámbito territorial...”. Debería engadirse: “sempre que isto sexa posible pola demanda das mulleres en cada plan formativo”.

En calquera caso, este Comité considera que nun punto que establece colectivos prioritarios non se deberían establecer obrigas senón tan só prioridades.

Novena.- Artigo 6º. Selección de alumnado.
No último parágrafo deste artigo establécese que “aqueles alumnos que realizasen un curso e teñan dereito a diploma, non poderán volver realizar outro curso da mesma especialidade”.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión suliñada por “…da mesma acción formativa”.

Décima.- Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 1 deste artigo figura a expresión “a formación será gratuíta”, considerando este Comité que debería substituírse pola de “a formación non terá custo económico”.

Décimo primeira.- Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 3, cando se establecen os requisitos para a obtención do diploma, non consta na modalidade presencial en que apartado se inclúen os módulos optativos (sensibilización ambiental e alfabetización informática), polo que se descoñece como se vai computar o 75% de tempo de aproveitamento.

Décimo segunda.- Artigo 8º. Bolsas e axudas.
No apartado 1 figura que será requisito imprescindible que o curso teña unha duración determinada.

Este Comité considera que debería especificarse que a citada duración é soamente na modalidade presencial.

Décimo terceira.- Artigo 8º. Bolsas e axudas.
Este Comité considera que no apartado 5.3, no que se especifica o que se entende por unidade familiar, deberíase eliminar a referencia ao matrimonio, suprimíndose as expresións “en caso de matrimonio” e “en defecto de matrimonio”.

Décimo cuarta.- Artigo 11º. Prazo de presentación de solicitudes.
Este Comité considera que o prazo axeitado para a presentación de solicitudes debe ser de 45 días dende o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Decimo quinta.- Artigo 12º. Solicitudes.
No apartado 4 figura a  documentación que deberá acompañar á solicitude, propoñendo este Comité a seguinte redacción:” A documentación que deberá acompañar aos anexos da solicitude, cando non estea xa en poder da Administración, é a seguinte:”.

Decimo sexta. – Artigo 12º.- Solicitudes.
Na enumeración deste artigo figura a letra j), impropia do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúa pola seguinte que corresponda.



Décimo sétima.- Artigo 16º. Criterios de valoración.
No apartado a.-, polo que se refire aos contidos das accións formativas, indícase que terán maior valoración as accións formativas incluídas no Anexo III da Orde.

Este Comité suxire que a relación de accións aparecidas no citado anexo sexa tida en conta de forma orientativa e non prioritaria.

Decimo oitava. - Artigo 16º. Criterios de valoración.
No apartado d) deste artigo valórase: “o emprego da lingua galega na realización das accións formativas”.

Este Comité considera que debería substituírse o termo “realización” por “desenvolvemento”.

Decimo novena.- Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
No apartado 4 deste artigo establécese que se aplicará o módulo de “nivel medio-superior” cando a formación incorpore materias que impliquen especialización e/ou capacite para desenvolver competencias de programación e/ou dirección.

Este Comité considera que debería engadirse ao final a expresión seguinte: “...ou requiran equipamento especializado de custo elevado”.

Vixésima.- Artigo 19º. Resolución.
No apartado 4 establécese que “poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderase instar”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituír a expresión “poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude” por “instarase á entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude”.

Vixésimo primeira.- Artigo 21º. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado 3 deste artigo establécese que as entidades beneficiarias deberán enviar á Dirección xeral de Formación e Colocación unha ficha de finalización por cada acción formativa.

Este Comité considera que debería incorporarse como anexo á orde obxecto de ditame un modelo oficial de ficha de finalización.

Vixésimo segunda.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No apartado 5 indícase que a subcontratación requirirá autorización previa da persoa titular da Dirección xeral de Formación e Colocación.

Este Comité considera que deberíase substituír a autorización previa por unha comunicación previa.

Vixésimo terceira.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No segundo parágrafo deste apartado 5 establécese que a contratación de persoal docente non se considerará subcontratación.
Este Comité considera que en lugar de “persoal docente” debería dicir “servizos docentes”.

Vixésimo cuarta.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
Este Comité suxire que, no apartado 11 deste artigo, se engadan ao final as fórmulas matemáticas de cálculo dos dous rateos.

Vixésimo quinta.- Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4.b) establécese que dentro do primeiro cuarto do curso e sempre que non supere os 10 días seguintes ao inicio da acción formativa, hai que remitir unha serie de documentación.

Este Comité considera que deberíase suprimir a expresión subliñada.

Vixésimo sexta.- Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4.b) deste artigo esíxese remitir copia da póliza de seguros contratada.

Este Comité considera que sería suficiente con enviar a póliza de todo o plan e non de cada acción formativa concreta, no caso de que se subscriba dese xeito.

Vixésimo sétima.- Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 5.f) deste artigo, para o caso de que a persoa participante  realizase a proba, establécese como obriga indicar o “Resultado obtido. Sendo traducida a calificación a: Superado/Non superado”.

Este Comité considera que deberíase substituir a referida obriga pola de indicar soamente o “Resultado acadado”, suprimíndose o que figura a continuación do punto.

Vixésimo oitava.- Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no apartado 11 deste artigo debería de modificarse a obriga de velar por que todo o alumnado dunha acción formativa reciba a mesma formación, sendo dabondo que se vele para que o alumnado reciba o mesmo número de horas.

Vixésimo novena.- Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 14 deste artigo esíxese solicitar autorización para realizar calquera modificación substancial no desenvolvemento das accións formativas.

Este Comité considera que debería aclararse no referido apartado que se entende por modificación substancial.

Trixésima.- Disposición adicional primeira.
Nesta disposición establécese que a realización das accións formativas estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os anos 2011 e 2012.

Este Comité considera que existe un erro na redacción xa que os orzamentos xerais para o ano 2012 aínda non están aprobados.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CEG.

CONSIDERACIÓN XERAL
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que a non inclusión do termo “máis”, precedendo a “representativos”, en canto aos beneficiarios referido á representatividade, vulnera o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, e a Orde TAS/18/2008.

A data deste ditame, tres sentenzas fallaron en contra da eliminación do termo “máis”:
- Sentenza do Xulgado Central do Contencioso-Administrativo nº 7 (sentenza nº 300/10 do 19/10/2010).
- Auto da Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo (nº 008/0003794/2007 do 10/11/2010).
- Xulgado central contencioso administrativo (sentenza nº 56/2011 do 17/02/2011).

Esta última sentenza elimina o artigo 6º.1 a) ao considerar que vulnera o RD 395/2007 e a Orde TAS/18/2008, e di que, para resultar entidades solicitantes, as organizacións empresariais e sindicais teñen que ostentar a condición de máis representativas.

Despois da publicación destas sentenzas, o Servizo Público de Emprego Estatal incorporou o termo “máis representativos” na Resolución de 18 de marzo de 2011, pola que se aproba a convocatoria para a concesión, con cargo ao exercicio orzamentario de 2011, de subvencións públicas para a execución de plans de formación, de ámbito estatal, dirixidos prioritariamente ás persoas ocupadas, en aplicación da Orde TAS/18/2008, de 7 de marzo, pola que se regula a formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas a súa financiación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideramos que esta modificación debería realizarse igualmente na orde autonómica obxecto de ditame, para cumprir así o regulado no RD 395/2007 e na Orde TAS/18/2008.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Artigo 15º. Proposta de resolución.
No apartado 6 do artigo 15º, relativo á composición da comisión de valoración, debería contemplarse a participación da Fundación Galega de Formación para o Traballo.




Segunda.- Artigo 20º.- Custos financiables e criterios de imputación.
No apartado 2 a) deste artigo establécese que serán custos directos da acción formativa “As retribucións das persoas formadoras internas e externas. .... e, en xeral, todos os custos imputables ás persoas formadoras no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das accións formativas”.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideramos que debería eliminarse a expresión “imputables ás persoas formadoras”, que figura en cursiva.

Así mesmo, consideramos que deberíase establecer como custos directos non soamente os derivados do exercicio das actividades referidas no citado apartado, senón tamén os custos vinculados á actividade de orientación laboral do plan de formación.









ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 3º. Prazo de execución dos plans de formación.
Neste artigo establécese que “os plans de formación poderán executarse dende o día 1 de maio de 2011 ata o 30 de abril de 2012 e deberán estar xustificados todos os gastos no prazo dun mes dende o seu remate”.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería engadirse a expresión “sen prexuizo do establecido no artigo 23º.3 desta orde”, posto que neste apartado aparece outro prazo, xa que se establece que a documentación xustificativa dos custos deberá enviarse á Dirección xeral de Formación e Colocación dentro do mes seguinte ao remate da última acción formativa de cada convenio.

Segunda.- Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
O apartado 2 deste artigo establece que "Na modalidade presencial, en caso de que as faltas de asistencia dalgún alumno ou alumna superen o 25% das horas lectivas, deberá ser dado/a de baixa na acción formativa. Na modalidade a distancia, teleformación ou na parte correspondente a calquera destas dúas modalidades para a formación mixta serán dados de baixa cando o alumno ou alumna non realice o 75% das avaliacións".




A CEG considera que, para o caso das modalidades a distancia ou teleformación, este dato só é posible obtelo no momento da finalización do curso, xa que ata ese momento non se saberá se o alumno realiza ou non as avaliacións necesarias, e iso supón a imposibilidade de dar de baixa ao alumno e substituílo por outro.

Consideramos que isto supón un agravio con respecto á modalidade presencial, na que durante o primeiro cuarto existe a posibilidade de dar de baixa ao alumno e substituílo, polo que propoñemos que non se tena en conta a avaliación final para poder dar de baixa ao alumno, nas modalidades a distancia e de teleformación.

Terceira.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
Consideramos que o apartado 1.D) deste artigo, no relativo ás entidades creadas ao abeiro da negociación colectiva sectorial, debería redactarse do seguinte xeito: “entidades con capacidade para participar na negociación colectiva”, dado que deste modo poderían concorrer aquelas entidades con lexitimación para participar na negociación. A acreditación destas condicións debería figurar no artigo 12º como requisito para as solicitudes.

Cuarta.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
Respecto ao establecido no apartado 1.C deste artigo, entendemos que algunhas organizacións que se consideran como entidades beneficiarias poden ter dificultades para demostrar e acreditar a súa representatividade; isto sucede especialmente no caso dos profesionais autónomos e dalgunhas organizacións de carácter sectorial. Para iso, propoñemos que se adopten os criterios establecidos no artigo 9 (Criterios obxectivos de determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos) do Real decreto 1613/2010, polo que se crea e regula o Consello de Representatividade das Asociacións de Autónomos.

Quinta.- Artigo 16º. Criterios de valoración.
En relación co establecido na letra a.- deste artigo, consideramos que a incorporación de módulos transversais non debe ser utilizado como criterio no baremo, xa que pode ser un elemento común a todas as programacións que formulen as entidades e non servir, polo tanto, como criterio diferenciador.

Sexta.- Artigo 23º. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
Polo que se refire ao apartado 11, a normativa debería aclarar no apartado do primeiro rateo, cando se considera un alumno iniciado en todas e cada unha das modalidades, ademais debería deixar claro se o módulo transversal débese ter en conta ou non para considerar a un alumno iniciado.

Respecto ao establecido no apartado do segundo rateo, deberíase aclarar cando un alumno se considera finalizado, facendo referencia a se un alumno finalizado e un alumno con dereito a diploma é o mesmo; deberíase deixar claro se un alumno para ser finalizado debe ter realizado o módulo transversal ou non.

Así mesmo, a normativa debería deixar claro que significa dar de baixa a un alumno no curso e en que momento débese realizar a mencionada baixa.



Sétima.- Artigo 27º.2. Avaliación da calidade das accións formativas.
Para a avaliación das accións formativas, propoñemos que se utilice un modelo normalizado; a xeito de exemplo, podería utilizarse o publicado na Resolución do 27 de abril de 2009, do Servizo Público de Emprego estatal para a avaliación de calidade das accións formativas para o emprego.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA

Primeira.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
No apartado 1.A deste artigo establécese que, para os plans de formación intersectoriais, poderán ser beneficiarias da subvención as organizacións empresariais e sindicais intersectoriais representativas no ámbito autonómico, con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

A CIG considera que debería acreditarse a representatividade da seguinte forma:
- Organizacións sindicais: certificación administrativa que indique o número de representantes do persoal obtidos a data do último día do ano anterior, así como a porcentaxe que represente.
- Organizacións empresariais: deberán acreditar a súa representatividade mediante certificación expedida polo órgano competente da Consellería de Traballo e Benestar, na que conste o número de empresas asociadas, así como a porcentaxe que representan en relación ao número total de empresas e de persoas traballadoras en alta na Seguridade Social en Galicia.

Esta consideración reitérase para o epígrafe D, primeiro ítem.


Segunda.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
A CIG considera que debería engadirse o seguinte texto no apartado 1.D, segundo ítem deste artigo: “Estas entidades acreditarán a súa representatividade por medio de certificación expedida pola dirección xeral que corresponda na que conste o número de persoas traballadoras e empresas abranguidas no seu ámbito funcional”.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLOS SINDICATOS UGT-GALICIA E CIG

Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
No apartado 1.e) deste artigo inclúense como posibles persoas participantes nos plans ao persoal ao servizo das administracións públicas.

Polas dúbidas de a quen se considera persoal da administración pública, estas centrais sindicais consideran que deberíase redactar este apartado do seguinte xeito, “O persoal ao servizo das administracións públicas, dos seus organismos autónomos e dos consorcios de natureza pública…”.

ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS CEG E SN DE CCOO DE GALICIA

Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
No apartado 1.e) deste artigo inclúense como posibles persoas participantes nos plans ao persoal ao servizo das administracións públicas.

Estas organizacións solicitan que se aclare o alcance da expresión “persoal ao servizo das administracións públicas”.