ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL (EIL) COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2011.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de abril de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, as transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral.Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que no capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Así, esta orde, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2011.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 7 de xuño de 2010 e o Ditame 26/10, emitido polo Consello con data 13 de abril de 2010, obsérvanse que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Elimínase a obriga de que as empresas de inserción laboral estean cualificadas e rexistradas como tales no rexistro habilitado para tal efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego (artigo 3º).

Introdúcese a definición de persoa desempregada, esixíndose que os factores de exclusión social sexan acreditados polos servicios sociais públicos da Comunidade Autónoma de Galicia e que o órgano xestor das axudas comprobe directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención careza de ocupación (artigo 4º).

A duración dos contratos de traballo subvencionables non será inferior a seis meses, eliminándose o límite de que non sexa superior a 24 meses (artigo 5º.1).

Non poderán ser contratadas as persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos mediante un contrato de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego (artigo 5º.2).

Na subvención pola contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social, a contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, sendo a contía proporcional á duración da xornada de traballo, eliminándose o límite do 50% (artigo 7º.2), subvencionándose as mensualidades de outubro de 2010 ata setembro de 2011, ambas inclusive, eliminándose o límite de 24 mensualidades (artigo 7º.3).

Especifícase que as cotizacións á Seguridade Social que se subvencionan son as que están a cargo da empresa (artigos 8º e 9º).

Establécense as titulacións universitarias que se consideran axeitadas para o persoal técnico nas accións de orientación e acompañamento á inserción (artigo 9º) e que as empresas de inserción laboral beneficiarias da subvención pola realización de labores de mediación laboral asumen a obriga de realizar o seguimento laboral das persoas inseridas no mercado ordinario durante un período mínimo de doce meses (artigo 10º).

Os investimentos en inmobilizado material ou intanxible a ter en conta serán os realizados entre o 1 de outubro de 2010 e o 30 de setembro de 2011 (artigos 11º e 12º).

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro (artigo 14º), modificándose a relación da documentación, tanto xeral como específica, a presentar coas solicitudes (artigo 16º) e no momento da xustificación e do pagamento (artigo 19º). O prazo de resolución redúcese de seis a tres meses (artigo 18º) e amplíase de 15 días a un mes o prazo extraordinario de xustificación (artigo 19º).

Polo que se refire ao reintegro da subvención, cando o incumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, o órgano xestor determinará a cantidade que se vai reintegrar e deberá responder ao principio de proporcionalidade, en función dos custos xustificados e das actuacións acreditadas (artigo 23º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e seis artigos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións finais.


O día 28 de abril de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e dez específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime: tres consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha consideración específica manifestada pola CIG (anexo II), unha consideración específica manifestada polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia (anexo III) e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (anexo IV).



DITAME 15/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de abril de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de abril de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O Comité delegado polo pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames valora positivamente a acollida da meirande parte das consideracións feitas no ditame 26/10 e que se reflicte no texto de orde remitida a ditame este ano.

Segunda.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso en certos aspectos da terminoloxía empregada, como por exemplo, o uso do masculino xenérico que se mantén nos artigos 4º, 10º e 18º da norma.

Terceira.
O Comité delegado bota en falta no preámbulo unha referencia expresa á Lei 44/2007, do 13 de decembro, pola que se regulan as empresas de inserción laboral.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Artigo 2º. Normativa aplicable.
Obsérvase que as referencias aos diarios oficiais que figuraban na norma do ano anterior foron suprimidas.

Este Comité considera que estas referencias deberían volver a incluírse á fin de facilitar a súa consulta.

Segunda. - Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
A referencia que aparece no punto 1deste artigo ao Decreto 156/2007, do 19 de xullo, debe substituírse por unha referencia á lexislación estatal aplicable.

Así mesmo, no apartado b) do punto 1 deste artigo indícase que os contratos de traballo terán unha duración non inferior a 6 meses.

Este Comité entende que debería establecerse un prazo máximo de duración que sexa coerente coa lexislación estatal na materia.

Terceira. - Artigo 6º. Actuacións subvencionables.
O apartado 6 deste artigo menciona a "creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral” como unha das actuacións que poden ser obxecto das axudas reguladas na orde.

Este Comité considera que, tendo en conta a forma en que o artigo 12º desenvolve este tipo de accións, na súa definición no artigo 6º debería xa relacionarse expresamente co investimento en inmobilizado material ou intanxible.

Cuarta.- Artigo 11º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Quinta. - Artigo 12º. Subvención pola creación ou apliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.
No apartado 2 deste artigo indícase que o período de realización e xustificación dos invertimentos comprende entre o 1 de outubro de 2010 e o 30 de setembro de 2011.

Este Comité considera que o período de xustificación solapa o último mes de referencia da orde correspondente ao exercicio anterior, dado que podería ter sido xa obxecto de xustificación.

Sexta. - Artigo 14º. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2011.

Este Comité entende que non se debería fixar unha data concreta e pechada, se non que debería establecerse un prazo razoable desde a publicación oficial da norma.

Sétima. - Artigo 20º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón que se especifiquen no texto do artigo.

Oitava. - Artigo 21º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo aparece a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debe substituírse polo l.

Novena. - Artigo 26º. Réxime de axudas.
No punto 2 deste artigo obsérvase unha referencia a sectores, incluíndo no apartado c) actividades relacionadas coa exportación que non é propiamente un sector.

Este Comité considera que a redacción do punto 2 debería quedar como segue:
“2.- Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002.

Asemade, tampouco poderán concederse ás empresas que desenvolvan actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados Membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.”

Décima. – Disposición adicional terceira.
Na orde correspondente do exercicio 2010, recollíanse na disposición adicional cuarta ás definicións da consideración de emigrantes retornados/as e de persoas con discapacidade, que poden ser obxecto da inserción laboral nos termos establecidos no artigo 4º desta orde.

Este Comité entende que deberían manterse ben na disposición adicional terceira que recolle máis definicións ou ben no primeiro apartado do artigo referido, no que se concreta a definición de persoas desempregadas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Nas ordes publicadas en anteriores convocatorias establecíase que “Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as entidades promotoras das empresas de inserción laboral ... e as empresas de inserción laboral, ...”. No proxecto de orde agora ditaminado só aparecen como entidades beneficiarias “as empresas de inserción laboral”. A CEG considera que non se xustifica a exclusión das “entidades promotoras das empresas de inserción laboral” e, polo tanto, deberían aparecer como entidades beneficiarias, igual que nos exercicios anteriores.

Segunda. - Artigo 8º. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas.
No apartado 1 deste artigo establécese una subvención equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería manterse a redacción da orde do exercicio anterior que subvencionaba á totalidade da cota tanto patronal como obreira.


Terceira. - Artigo 11º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Artigo 20º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios á contratación non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DOS SINDICATOS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Disposición adicional quinta.
Non parece lóxico que, ao tempo que se constata un descenso de 175.000 euros no orzamento total destinado, respecto ao do ano 2010, se produza un incremento na contía da subvención, pasando do 50%, ao total do SMI mensual (artigo 7º da orde), que suporá un descenso de entrada, no número de persoas afectadas por estas subvencións.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 4º. Suxeitos e beneficiarios da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.
O regulado neste artigo, enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, entendendo que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.