ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN OS REQUISITOS FORMATIVOS PARA O ACCESO Á FORMACIÓN DOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE DE NIVEL 2 E 3 DE CUALIFICACIÓN PROFESIONAL APROBADOS AO ABEIRO DO REAL DECRETO 34/2008, DO 18 DE XANEIRO, E SE REGULAN AS PROBAS DE AVALIACIÓN EN COMPETENCIAS CLAVE DENTRO DAS ACCIÓNS FORMATIVAS DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O EMPREGO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de abril de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso a formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional aprobados ao abeiro do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os certificados de profesionalidade están regulados polo Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, onde se define o novo Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade como o conxunto dos certificados de profesionalidade ordenados sectorialmente en 26 familias profesionais e de acordo cos niveis de cualificación 1, 2 e 3. Así recóllese, como un dos elementos esenciais para incrementar a calidade da formación para o emprego, que en todos e cada un dos módulos formativos que conforman cada certificado de profesionalidade se determinen os criterios de acceso do alumnado, que asegurarían que estes contan coas competencias clave suficientes para cursar con aproveitamento a formación.

Actualmente o Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, no punto 1 do artigo 1º e 2º, modifica os requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade substituíndo o concepto de “competencias clave” por “requisitos formativos e profesionais” e atribuíndolle á Administración laboral competente a determinación de cales serán eses coñecementos formativos ou profesionais suficientes que permitan cursar con aproveitamento a formación ao alumnado que queira acceder á formación dos certificados de profesionalidade dos niveis de cualificación profesional 2 e 3.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 16 de decembro de 2009 e o Ditame 25/09, emitido polo Consello con data 23 de outubro de 2009, obsérvanse que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Os criterios de acceso están baseados no dominio de determinados coñecementos e capacidades básicos relativos a contidos xerais de formación básica, que aseguren as competencias mínimas necesarias para cursar os módulos dos certificados de profesionalidade con aproveitamento. Estes coñecementos e capacidades básicos é o que se denomina “competencias clave” (artigo 1º) e, tomando como referencia os ámbitos establecidos na Recomendación do Parlamento Europeo e da Comisión do 18 de decembro de 2006 sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente, na Comunidade Autónoma de Galicia establécense sete competencias, eliminándose as competencias sociais e as de conciencia e expresión culturais (artigo 3º). Determínanse, no anexo 4, as competencias clave requiridas para cada familia profesional.

Establécense novas titulacións ou acreditacións  requiridas para o acceso aos novos certificados de profesionalidade, tanto para o nivel 2 como para o 3, e tamén para determinar que posúen a formación básica requirida en lingua galega nestes dous niveis (artigo 5º).

Con respecto á convocatoria das probas en competencias clave, indícase que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través do Instituto Galego das Cualificacións, convocará, polo menos unha vez ao ano, probas de avaliación sobre as competencias clave ás que poderán concorrer aquelas persoas que non cumpran os requisitos que permitan o acceso directo as accións formativas dirixidas á obtención destes novos certificados de profesionalidade e, en cada convocatoria, todas as persoas aspirantes realizarán a proba de cada competencia clave na mesma data e á mesma hora (artigo 9º).

Na disposición derrogatoria establécese que se derroga expresamente a Orde do 26 de novembro de 2009 pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave, así como as instrucións e resolucións anteriores.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso a formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional aprobados ao abeiro do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 4 de maio de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, en anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 16/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso a formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional aprobados ao abeiro do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de abril de 2011, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de maio de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Este Comité propón unha revisión do texto xa que aínda observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como o uso do masculino xenérico no artigo 5º e a utilización das barras, por exemplo, no artigo 12º, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Exposición de motivos.
No último punto do primeiro parágrafo da exposición de motivos indícase que tanto os títulos de formación profesional como os certificados de profesionalidade teñen validez en todo o territorio nacional.

Este Comité considera que, para evitar confusións interpretativas, debería substituírse o termo “nacional” por “estatal”.


Segunda.- Artigo 5º. Titulacións ou acreditacións requiridas para o acceso aos novos certificados de profesionalidade.
Este Comité considera que debería corrixirse a clasificación de letras que figura neste artigo polos seguintes motivos:

1º.- Figuran como ítems as letras j) e k), que son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituirse polas seguintes que correspondan.
2º.- Non figura a letra ñ), propia do alfabeto galego.
3º.-  Repítense as letras l) e m) tras a letra p).

Terceira.- Artigo 9º. Convocatoria das probas en competencias clave.
No punto 3 deste artigo indícase que en cada convocatoria, todas as persoas aspirantes realizarán a proba de cada competencia clave na mesma data e á mesma hora.

Este Comité considera que, co obxecto de clarificar máis este punto, debería engadirse un novo apartado a este artigo 9º co texto que aparecía no artigo 7º.2 da orde anterior (Orde do 26 de novembro de 2009), que dicía textualmente: “En cada convocatoria fixarase as competencias clave que se convocan, a data, o horario de celebración das probas e a duración de cada unha delas, así como os centros onde terán lugar, que serán, preferentemente, centros propios da Consellería de Traballo e Benestar ou Centros Integrados de Formación Profesional da Xunta de Galicia, así como Centros de Referencia Nacional”.



Cuarta.- Artigo 12º. Comisións de avaliación.
No apartado 2 deste artigo establécese que cada comisión de avaliación estará formada por un presidente ou presidenta e, polo menos, tres vogais con coñecementos suficientes para valorar as probas.

Este Comité considera que a expresión “con coñecementos suficientes” é un concepto indeterminado polo que debería substituírse por “con experiencia profesional docente”.

Quinta.- Anexo I.
Neste anexo, que contén o modelo de solicitude de inscrición nas probas de competencias clave, aparece nun recadro a opción de “Competencia en lingua estranxeira – inglés”.

Este Comité considera que a competencia non pode referirse unicamente ao idioma inglés e debe ser xenérica, tal e como figura no artigo 3º do proxecto normativo, que establece as competencias clave, no que figura como competencia clave “Comunicación en linguas estranxeiras”.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Anexo IV.
A normativa específica aplicable a cada certificado de profesionalidade non ten en conta a “competencia dixital” en moitas das familias profesionais, a pesar de que non sexa un contido específico do certificado de profesionalidade.

Por iso, e sen pretender revisar todos os certificados, pola súa casuística consideramos que para as seguintes familias profesionais debería esixirse a “competencia dixital”:

Familia profesional:
• Agraria Nivel 3
• Edificación e obra civil Nivel 3
• Hostalaría e turismo Nivel 3
• Industrias alimentarias Nivel 3
• Téxtil, confección e pel Nivel 3