ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DERROGA A ORDE DO 9 DE XULLO DE 2004 POLA QUE SE REGULA A CREACIÓN DUN CATÁLOGO DE EXPERTOS DOCENTES ASÍ COMO O ESTABLECEMENTO DO PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN E CONTRATACIÓN DE EXPERTOS PARA A IMPARTICIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL (PLAN FIP) NOS CENTROS DE FORMACIÓN PROFESIONAL OCUPACIONAL DEPENDENTES DA XUNTA DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de maio de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se derroga a Orde do 9 de xullo de 2004 pola que se regula a creación dun catálogo de expertos docentes así como o establecemento do procedemento de selección e contratación de expertos para a impartición de accións formativas do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP) nos centros de formación profesional ocupacional dependentes da Xunta de Galicia, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo figura na exposición de motivos do proxecto normativo, o Servizo Público de Emprego Estatal, debido aos cambios na normativa en materia de formación profesional para o emprego, está acometendo unha profunda reforma do ficheiro de especialidades formativas, dando de baixa aquelas especialidades formativas que non levan asociados certificados de profesionalidade e derrogando as vencelladas a certificados antigos que viñan quedando obsoletos e non eran reflexo da situación actual do sistema produtivo. No seu lugar incorpóranse ao ficheiro especialidades formativas asociadas a novos certificados de profesionalidade.

No parágrafo noveno e seguintes da referida exposición de motivos, establécese que os novos cursos están estruturados en módulos, esixindo un perfil diferente de docente para cada un deles e admitindo a posibilidade da súa programación independente. Ademais, en aras dunha maior calidade da formación, esíxense ás persoas formadoras destes novos certificados maiores requisitos de formación e experiencia profesional que nos cursos anteriores para os que había establecido un catálogo. Por tanto, o catálogo existente, integrado por docentes de especialidade formativas que na súa meirande parte están dadas de baixa no ficheiro de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal ou que van ser derrogadas proximamente, non responde xa ás necesidades da formación que se vai impartir nos centros propios da Consellería de Traballo e Benestar. A modificación da formación para o emprego e a necesidade de que se adapte en cada momento ás necesidades do tecido empresarial, fai preciso dispor dun sistema áxil de contratación, non podendo limitar a programación pola falta de docentes apropiados nun catálogo preestablecido.

Por todo o exposto anteriormente, preséntase este proxecto normativo, que derroga a Orde do 9 de xullo de 2004 pola que se regula a creación dun catálogo de expertos docentes así como o establecemento do procedemento de selección e contratación de expertos para a impartición de accións formativas do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP) nos centros de formación profesional ocupacional dependentes da Xunta de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se derroga a Orde do 9 de xullo de 2004 pola que se regula a creación dun catálogo de expertos docentes así como o establecemento do procedemento de selección e contratación de expertos para a impartición de accións formativas do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP) nos centros de formación profesional ocupacional dependentes da Xunta de Galicia” consta de: Exposición de motivos, un artigo e unha disposición derradeira.


O día 23 de maio de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, en anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola Confederación Intersindical Galega.



DITAME 17/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se derroga a Orde do 9 de xullo de 2004 pola que se regula a creación dun catálogo de expertos docentes así como o establecemento do procedemento de selección e contratación de expertos para a impartición de accións formativas do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP) nos centros de formación profesional ocupacional dependentes da Xunta de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de maio de 2011, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de maio de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Este Comité propón unha revisión lingüística do texto do proxecto normativo, posto que se observan erros como os seguintes:
• no segundo parágrafo da exposición de motivos obsérvase unha falta de concordancia do singular e plural (das función);
• no sexto parágrafo aparece a palabra derroga con tres r;
• no undécimo parágrafo aparece a expresión “ás necesidades do tecido empresarial”, considerándose que o termo “empresarial” non é apropiado e propoñéndose a súa substitución polo termo “produtivo” ou “económico”;
• no duodécimo parágrafo aparece o termo “plantéxase” e o verbo “plantexar” non existe no idioma galego, debéndose substituír por “formúlase”.
• a “disposición derradeira” debería substituírse por “disposición final” dado que derradeira significa “último dunha serie”.

En canto á linguaxe non sexista, obsérvanse algunhas incorreccións dado que aparece a expresión “expertos docentes”, polo que debería someterse a unha revisión neste sentido.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Entendemos que previa ou simultaneamente á derrogación da Orde de 9 de xullo de 2004 pola que se regula a creación dun catálogo de expertos docentes así como o establecemento do procedemento de selección e contratación de expertos para a impartición de accións formativas do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP) nos centros de formación profesional ocupacional dependentes da Xunta de Galicia, deberíase establecer outro catálogo que regule a contratación do persoal docente afectado.

Non podemos compartir as razóns esgrimidas na memoria e na exposición de motivos para “xustificar” a derrogación da aludida orde, creándose un baleiro legal cuxos verdadeiros obxectivos están relacionados coa vulneración dos dereitos laborais das persoas contratadas ata agora e coa pretensión, que se enunciou na xuntanza do Consello Galego de Formación Profesional do pasado día dezanove de maio, de implantar a contratación directa de empresas e non de persoal docente, para o desenvolvemento de accións formativas nos centros de formación profesional dependentes da Xunta de Galicia.