ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE O PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES E TRABALLADORAS QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, E SE PROCEDE A CONVOCATORIA DAS CORRESPONDENTES AXUDAS

I. ANTECEDENTES


O día 26 de maio de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego das persoas traballadoras desempregadas, facilitando a realización dun traballo por conta propia ou a incorporación como socios e socias traballadores/as ou de traballo a unha cooperativa ou sociedade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de agosto de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de xuño de 2010 (Ditame 33/10), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O proxecto normativo que se ditamina presenta como única novidade a substitución do termo Instituto Nacional de Emprego (Inem) por Servicio Público de Emprego Estatal (exposición de motivos).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 1 de xuño de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 18/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de maio de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xuño de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité fai constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que se continúen remitindo, xunto cos proxectos normativos para ditame, os datos estatísticos respecto aos programas xa pechados, cuxos proxectos normativos xa foron ditaminados por este organismo, por resultaren necesarios para que sexa posible calibrar, co apropiado coñecemento de causa, o alcance e efecto práctico da norma, podendo avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións ou reformas que poidan mellorar o cumprimento dos obxectivos das ordes que se ditaminan.

Segunda.

Na exposición de motivos consta que foi consultado o Consello Galego de Cooperativas. Este Comité considera que a consulta a este organismo non é necesaria.

Así, de acordo coa normativa reguladora do citado organismo, concretamente o Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, é función propia do Consello Galego de Cooperativas (artigo 3º.d) “emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos e disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou ás súas organizacións …”.

A afectación directa á que se refire o texto do decreto supón que non todo tipo de normas poderían ser obxecto de ditame preceptivo polo Consello Galego de Cooperativas.

A orde obxecto de ditame ten como persoas beneficiarias traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo que o seu carácter xeral e non específico para as persoas socias e traballadoras de cooperativas exclúe a necesidade de consulta ao Consello Galego de Cooperativas.

Pola contra, consideramos que debería incluírse a consulta do Comité Autonómico de Emprego, cuxos fins e funcións encaixan nunha consulta previa. Así, o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico e os comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, establece como función deste “participar e informar sobre as políticas activas de emprego” e “emitir informe sobre a programación das medidas das políticas activas de emprego …”.

Terceira.

Este Comité observa algún erro no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente a utilización do masculino xenérico (artigo 1º.3), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

Ademais, este Comité non considera acertada a solución da utilización das barras ao longo de todo o texto tendo en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan esta solución para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.

O apartado c) deste artigo 1º esixe terse constituído como traballador ou traballadora autónoma sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.

Este Comité quere propoñer que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto ás persoas traballadoras que se teñan constituído como autónomas, establecéndose que poderán capitalizar a súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social.
É dicir, considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluír como persoa beneficiaria a calquera traballador ou traballadora autónoma e non soamente a aqueles ou aquelas que teñen discapacidade.

Segunda.- Artigo 5º. Documentación.

No segundo parágrafo deste artigo establécese que as solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación requirida, que deberá ser orixinal ou fotocopia compulsada.

Este Comité considera que a documentación esixida compre con ser orixinal ou fotocopia cotexada.

Terceira. – Artigo 5º. Documentación.

Obsérvase un erro de sintaxe, no apartado a) deste artigo onde di: “.... do Ministerio de la Presidencia. Segundo o Decreto 255/2008...”, debería dicir: “.... do Ministerio de la Presidencia, segundo o Decreto 255/2008...”

Obsérvase tamén, neste mesmo apartado, que no texto figura o termo “desenrola”, inexistente no idioma galego, que debería substituírse polo termo “desenvolve”.

Cuarta. - Artigo 7º. Resolución e recursos.

No apartado 4 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité propón que sexa de tres meses tal e como figuraba na Orde do exercicio de 2005.

Ademais, nos apartados 1 e 3 deste mesmo artigo, este Comité observa un erro de concordancia de número e xénero, respectivamente.




Quinta.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.