ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2012 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

I. ANTECEDENTES

O día 26 de maio de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2012 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ao ditaminado en 2010.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2012 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 1 de xuño de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral e outra específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO., UGT-Galicia e CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO.e CIG (Anexo II).











DITAME 19/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2012 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de maio de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xuño de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha Disposición derradeira que debería denominarse Disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Consideración xeral

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

Consideración específica

O S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e a CIG propoñen a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio recollido no artigo 1º, por un termo máis acorde coas orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos/as Traballadores/as”.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1º do proxecto de decreto como “Día Nacional de Galicia” e pase a designarse como “Día da Patria Galega”.