ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS AO ABEIRO DO REAL DECRETO 196/2010, DO 26 DE FEBREIRO, POLO QUE SE ESTABLECEN MEDIDAS PARA FACILITAR A REINSERCIÓN LABORAL ASÍ COMO O ESTABLECEMENTO DE AXUDAS ESPECIAIS AOS TRABALLADORES AFECTADOS POLOS EXPEDIENTES DE REGULACIÓN DE EMPREGO 76/2000, DO 8 DE MARZO DE 2001 E 25/2001, DO 31 DE XULLO DE 2001

I. ANTECEDENTES

O día 8 de xuño de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, o Consello de Ministros, mediante Acordo do 29 de febreiro de 2008, dispuxo a adopción de medidas excepcionais de carácter social a favor das persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

En cumprimento da devandita habilitación aprobouse o Real Decreto 1010/2009, do 19 de xuño, polo que se establecen medidas destinadas a compensar a diminución na cotización á Seguridade Social para estas persoas traballadoras e o Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, que establece as normas polas que se determinan e concretan medidas para facilitar a reinserción laboral, así como os requisitos e o procedemento para a concesión de axudas especiais ás persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación de emprego mencionados que se atopen en situación de desemprego.

Ao tratarse a subvención regulada no Real Decreto 196/2010 dunha axuda, cuxa xestión e control se transferiu á Xunta de Galicia, faise necesaria a súa adaptación ás peculiaridades organizativas desta, de forma que o proxecto normativo sometido a ditame vén a recoller as bases establecidas no devandito Real Decreto.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. O seu obxecto é regulamentar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento de concesión directa da subvención especial, prevista no Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, de 31 de xullo de 2001.


Serán beneficiarias da subvención especial, as persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2011 ou 25/2001, do 31 de xullo de 2001, que cumpran os requisitos recollidos no artigo 2º.

A contía da subvención será de 3.000 euros anuais, rateándose os períodos inferiores ao ano. No caso das persoas traballadoras que non puidesen ser recolocadas nun prazo de 24 de meses dende o comezo da percepción desta subvención, a contía será de 5.500 euros anuais (artigo 3º).

As solicitudes deberán acompañarse da documentación relacionada no artigo 7º, no prazo establecido no artigo 9º, regulándose o procedemento de concesión da subvención no artigo 8º.

O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses (artigo 10º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, tres disposicións adicionais e unha disposición final.

O día 13 de xuño de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 20/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xuño de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase a existencia de erros no idioma galego ao longo do texto do proxecto normativo, polo que este Comité propón a súa revisión ortográfica.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que observa moitos erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como o uso reiterado do masculino xenérico, a denominación dos cargos públicos que debe ser neutra, e o emprego das barras que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo cuarto da exposición de motivos, así como na disposición adicional primeira e na memoria xustificativa e económica remitida, establécese a aplicación orzamentaria con cargo a cal se financiarán as axudas previstas neste proxecto normativo, manifestando que figura na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Este Comité considera que deberíase comprobar a consignación orzamentaria, xa que nin a referida aplicación orzamentaria nin o código de proxecto citados na exposición de motivos figuran na antedita Lei 14/2010, de Orzamentos Xerais.

Segunda.- Artigo 7º. Presentación de solicitudes.
Na letra c) do apartado 2 deste artigo establécese que a solicitude de concesión da subvención debe ir acompañada da copia da resolución do expediente de regulación de emprego onde conste a persoa traballadora.

Este Comité considera este requisito superfluo posto que a documentación esixida xa debería estar en poder da Administración.

Terceira.- Artigo 10º. Resolución de concesión.
No apartado 3 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar a resolución procedente será de seis meses.            

Este Comité considera este prazo de resolución excesivo, dadas as circunstancias desta liña de axudas, polo que propón que se reduza a un prazo menor ou igual a 3 meses.

Cuarta.- Artigo 14º. Obrigas do beneficiario (sic).
Na letra a) do apartado 1 deste artigo establécese a obriga da persoa beneficiaria da subvención de acreditar a realización da actividade que fundamenta a concesión da axuda.

Este Comité considera que, dado o carácter destas axudas, non resulta apropiada a esixencia desta obriga.


Quinta.- Artigo 14º. Obrigas do beneficiario (sic).
Igualmente considérase que non debería esixirse a obriga recollida na letra c) do referido apartado 1, relativa á comunicación da solicitude ou concesión doutras axudas públicas ou privadas para o mesmo proxecto ou actuación.

Sexta.- Artigo 14º. Obrigas do beneficiario (sic).
Na letra b) do apartado 1 deste artigo figuran as siglas “SPEG”, considerando este Comité que debería constar a denominación completa, polo que propón que figure “Servizo Público de Emprego de Galicia”.

Sétima.- Artigo 15º. Xustificación e reintegro das subvencións.
O segundo parágrafo do apartado 2 deste artigo establece cando procederá o reintegro das axudas.

Este Comité considera que, polo seu contido, non directamente relacionado co disposto no primeiro parágrafo, o referido parágrafo segundo debería figurar nun apartado distinto, tal e como se recolle no artigo 9 do Real Decreto 196/2010 de referencia.

Oitava.- Disposición adicional primeira. Financiamento.
O apartado 2 desta disposición adicional fai referencia a que nas restantes anualidades a convocatoria destas axudas quedaría condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e aos libramentos de fondos por parte do Servizo Público de Emprego Estatal.

Este Comité considera que, na memoria económica remitida xunto co proxecto normativo, debería terse informado dos libramentos de fondos realizados a esta Comunidade Autónoma no exercicio de 2010, segundo a estimación feita pola nosa Comunidade (tal e como se desprende da disposición transitoria primeira do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro), entendendo que a tramitación do libramento dos fondos debería terse levado a cabo un mes despois da entrada en vigor deste Real Decreto.

Novena.- Disposicións finais.
Este Comité considera que a denominación correcta é “Disposición final”, xa que soamente existe unha única disposición.