ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O CONSELLO AUTONÓMICO DE EMPREGO, OS CONSELLOS PROVINCIAIS DE EMPREGO E OS COMITÉS TERRITORIAIS DE EMPREGO

I. ANTECEDENTES

O día 14 de xuño de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se crea o Consello Autonómico de Emprego, os Consellos Provinciais de Emprego e os Comités Territoriais de Emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, establece no artigo 29.1º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral, e no artigo 30.1.1) establece que lle corresponde, nos termos dispostos nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución, a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

O decreto 32/1999, do 5 de febreiro, creou o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia, que están a actuar como órganos de participación institucional nas organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Segundo a exposición de motivos, é necesario revisar o funcionamento dos Pactos territoriais polo emprego constituídos ao amparo do Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de emprego e propor as modificacións pertinentes.

En virtude do anterior, este proxecto normativo derroga a normativa reguladora e en consecuencia, suprime o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral así como os pactos territoriais de emprego e crea  o Consello Autonómico de Emprego, así como os Consellos Provinciais de Emprego e os Comités Territoriais de Emprego.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O Consello Autonómico de Emprego, os Consellos Provinciais de Emprego e os Comités Territoriais de Emprego teñen natureza de órganos colexiados e son, así mesmo, órganos consultivos de participación institucional e de asesoramento en materia de emprego (artigo 1º). Estes órganos estarán adscritos á Consellería de Traballo e Benestar (artigo 2º).

A Consellería de Traballo e Benestar garantirá a participación dos axentes socioeconómicos así como, no seu caso, das diferentes administracións locais (artigo 4º).

O Consello Autonómico de Emprego regúlase no Capítulo II deste proxecto normativo, cuxas funcións están recollidas no artigo 5º. A súa composición e o réxime de reunións establécense nos artigos 6º e 7º.

A regulación dos Consellos Provinciais de Emprego recóllese no Capítulo III. Nos artigos 9º, 10º e 11º contémplanse as funcións, composición e réxime de reunións dos devanditos Consellos.

Respecto dos Comités Territoriais de Emprego, regúlanse nos artigos 13º, 14º e 15º as funcións, composición e réxime de reunións (Capítulo IV).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea o Consello Autonómico de Emprego, os Consellos Provinciais de Emprego e os Comités Territoriais de Emprego” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 20 de xuño de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (Anexo I).





DITAME 21/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se crea o Consello Autonómico de Emprego, os Consellos Provinciais de Emprego e os Comités Territoriais de Emprego”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xuño de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xuño de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase a existencia de erros no idioma galego ao longo do texto do proxecto normativo, polo que este Comité propón a súa revisión ortográfica.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que observa erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como o uso reiterado do masculino xenérico ao longo de todo o texto.

Terceira.
Obsérvase que ao longo do articulado deste proxecto normativo figuran as denominacións “persoa que dirixa...” e “persoa que estea ao cargo de ...” para referirse aos cargos públicos, considerando este Comité que non son as denominacións máis axeitadas, polo que propón que se substitúan por “persoa titular de...”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 4º. Participación.
No apartado 1 deste artigo garántese a participación das organizacións sindicais e empresariais na composición dos órganos.

Este Comité considera que a referencia á participación das diferentes administracións locais, feita na última parte deste apartado 1, debería figurar nun apartado distinto, polo seu contido non directamente relacionado co disposto no resto deste apartado.

Segunda.- Artigo 4º. Participación.
No antedito apartado 1 deste artigo faise mención aos axentes socioeconómicos para referirse ás organizacións empresariais e sindicais, este Comité considera que debería substituírse por interlocutores sociais e económicos, xa que a primeira é unha acepción moito máis ampla.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Primeira. - Artigo 7º. Réxime de reunións.
O apartado 1 deste artigo recolle o réxime de convocatorias do Consello Autonómico de Emprego por solicitude da metade dos seus membros.

A CIG considera que esta solicitude debería substituírse pola dun terzo dos seus membros, dado o carácter tripartito deste órgano.

Segunda. - Artigo 10º. Composición.
O apartado 2 deste artigo dispón que a Administración Xeral do Estado poderá nomear, entre outros, unha persoa representante do Instituto Social da Mariña na composición dos Consellos Provinciais de Emprego.

A Confederación Intersindical Galega considera que se debería modificar o conxunto da redacción deste apartado para salvar a situación de que unha das provincias galegas non ten territorio marítimo.