ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTES Ó EXERCICIO DO ANO 2003.


En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2003, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, con rexistro de entrada en data do 28 de outubro de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de novembro de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:


1.- Artigo 4º.1. Custos subvencionables.

Este precepto establece, no seu apartado primeiro, os custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo A, indicando no segundo parágrafo que “poderanse incluír tamén  os custos de preparación, seguimento e control da actividade docente e os gastos de Seguridade Social por conta do centro colaborador cando contratase os profesores por conta allea, coa obriga da súa afiliación e/ou alta na Seguridade Social”.

Este comité considera necesario que se fixe un límite nesta clase de custos e PROPÓN a seguinte redacción para o citado segundo parágrafo: “Poderanse incluír tamén, ata o 25% do módulo A, os custos de preparación, seguimento e control da actividade docente e os gastos de Seguridade Social por conta do centro colaborador cando contratase os profesores por conta allea, coa obriga da súa afiliación e/ou alta na Seguridade Social”.

2.- Artigo 15º.2. Prácticas en empresas.

Este apartado establece a esixencia dunha póliza de responsabilidade civil, pero en ningún momento a orde fala de cal é a contía pola que hai que contratar dita póliza.

Este comité PROPÓN que debe establecerse na Orde ou na Resolución que a desenvolva unha contía mínima que sirva de orientación no momento de contrata-la póliza. Ademais, quere deixar constancia que durante este ano nalgunhas especialidades houbo serias dificultades para contrata-las pólizas de responsabilidade civil (por exemplo, nas prácticas en cursos de “Auxiliar de enfermería en xeriatría” ou “Auxiliar de enfermería en hospitalización”). As compañías de seguros puxeron moitas limitacións para emitir pólizas de responsabilidade civil para as prácticas da rama sanitaria. Finalmente fíxose, pero gustaríanos que a Consellería teña constancia de que existen estas dificultades.

3.- Artigo 19.2 e Artigo 29. Resolución.

Nestas disposicións fixase o período de resolución dos expedientes no prazo de nove meses.

En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros dictames precedentes, considérase oportuno acurtar ese prazo a 3 meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.

Prosegue este precepto dicindo que pasado ese prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.
Na mesma liña que o manifestado en Dictames precedentes, enténdese que a Administración debe contestar sempre de xeito expreso ós administrados e, en todo caso, o silencio administrativo debe ser, como regra xeral, positivo, fundamentalmente cando están en xogo intereses económicos para os administrados.

Así mesmo, este comité observa os seguintes erros na redacción do artigo 5º:

O artigo 5º.1.a), in fine, establece “así como a documentación sinalada no artigo 7.7 desta orde, de se-lo caso”, cando debe dicir “así como a documentación sinalada no artigo 7º.6 desta orde, de se-lo caso”.
O artigo 5º.1.b), establece “…segundo o establecido no artigo 7º.6 desta orde”, cando debe dicir “…segundo o establecido no artigo 7º.5 desta orde”.


ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E MAILA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).


1.-Artigo 1º.2. Obxecto e ámbito de aplicación.

No apartado 2 deste artigo 1º introdúcese como novidade, respecto de ordes anteriores, que a convocatoria das subvencións realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva, excepto para aquelas recollidas no artigo 2º.1 c), que se refire ás empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas con compromiso de contratación.

As organizacións sindicais CC.OO de Galicia, UGT Galicia e a CIG consideran que deberían tamén estar exceptuadas do réxime de concorrencia competitiva as entidades contempladas no apartado 1.b) do artigo 2º: organizacións empresariais ou sindicais, organismos paritarios de formación de ámbito sectorial e organizacións representativas da economía social que dispoñían de centros con especialidades homologadas.

En consecuencia, PROPOÑEN que o artigo 1º apartado 2 quede redactado da seguinte forma: “A convocatoria das subvencións previstas nesta orde, agás as recollidas no artigo 2º.1 b) e c), realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

2.-Artigo 15º.2. Prácticas en empresas.

No segundo parágrafo do apartado 2 do artigo 15º establécese que os convenios para a realización das prácticas en empresas relativas ós cursos de carácter provincial serán asinados polos respectivos delegados provinciais.

As referidas organizacións sindicais  consideran que os convenios deberían ser asinados polos centros colaboradores e as empresas, sendo soamente visados polos delegados provinciais, o que axilizaría o procedemento.
PROPOÑEN modifica-la redacción deste apartado que quedaría da forma seguinte: “Os convenios para a realización das prácticas en empresas relativas ós cursos de carácter provincial serán asinados polos centros colaboradores e mailas empresas, sendo visados polos respectivos delegados provinciais.”

3.- Artigo 21º.2. Requisitos.

Neste apartado establécense as condicións de emprego que deberán ter cumpridas as empresas para poder impartir proxectos formativos con compromiso de contratación.

As referidas organizacións sindicais consideran estes requisitos necesarios, pero non suficientes e creen que para poder impartir esta clase de accións as empresas deberían ter no momento da solicitude a taxa media de estabilidade de Galicia.

Polo tanto, PROPOÑEN unha nova redacción deste apartado 2, que quedaría como segue: “Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas que, tendo a taxa de estabilidade media de Galicia, non reducisen o número total de traballadores, nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación de solicitude do curso, agás que se trate de empresas de nova creación ou de empresas que tiveran un expediente de regulación de emprego nese período. Así mesmo deberán xustificar que non reduciron o número de traballadores con contrato indefinido nin o número total de traballadores da empresa durante a realización do curso”.

ANEXO II
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)


Artigo 15º. Prácticas en empresas.

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera que non é factible realizar prácticas non laborais en empresas cando o curso ten unha duración corta, xa que as prácticas débense realizar nas horas do curso. Non ten senso recortar as horas destinadas ás clases teórico-prácticas na aula para face-las prácticas. Existe unha necesidade de regular este artigo de maneira que os alumnos poidan acceder ás empresas durante máis tempo e unha vez superadas as clases teóricas.

Por outra parte, no caso de que algúns alumnos estean realizando prácticas e outros estean na aula, a organización empresarial referida entende que debería haber un profesor na aula e outro profesor que se dedicaría á titorización das prácticas non laborais, co que o módulo A resultaría insuficiente para afrontar estes gastos simultáneos.