ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/11

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL PARA O EXERCICIO 2011

I. ANTECEDENTES

O día 21 de xuño de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2011, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é establecer as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 15 de setembro de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de xullo de 2010 (ditame 35/10), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Obsérvase un pequeno aumento dos importes dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (artigo 1º).

Na documentación que debe acompañar ás solicitudes (artigo 6º), incorpórase a obriga de agregar as táboas salariais vixentes no momento da solicitude xunto coas retribucións salariais brutas das persoas traballadoras.

No suposto de que non se atoparan persoas candidatas de conformidade co procedemento de selección dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local recollido no artigo 11º, poderase acudir a outros procedementos de selección, suprimíndose o requisito da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar.

En relación á documentación xustificativa do aboamento da subvención (artigo 14º), engádese a obriga de aportar o documento de consentimento de cesión de datos do Axente de Emprego e Desenvolvemento Local contratado.

Na regulación das obrigas das entidades beneficiarias (artigo 15º) incorpórase un novo apartado relativo á protección de datos de carácter persoal.

Engádese unha nova disposición adicional que regula o tratamento dos datos identificativos, académicos e profesionais dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local para a adecuada prestación das súas funcións.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2011” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 23 de xuño de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as consideracións xerais e específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas xerais manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).






DITAME 22/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2011, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de xuño de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xuño de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que, naqueles concellos onde non haxa persoas desempregadas suficientes para acadar cando menos 1 axente de emprego e desenvolvemento local, debería preverse a posibilidade de agrupación coas persoas da súa comarca contratadas como axentes para chegar a un número suficiente.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que obsérvanse erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como o uso reiterado do masculino xenérico (por exemplo: “beneficiarios” no artigo 2º, “traballadores” no artigo 3º.1 e “interesados” no artigo 9º.1) e o emprego das barras (por exemplo: artigos 6º.1.V e 16º.2) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Obsérvase a existencia dalgúns erros no idioma galego ao longo do texto do proxecto normativo, polo que este Comité propón a súa revisión ortográfica (por exemplo: “ós” no artigo 3.2.d) e “exercizo” no artigo 15º.1d).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 5º.- Presentación de solicitudes e prazo.
Obsérvase un erro na numeración dos apartados deste artigo, polo que este Comité propón a súa revisión.

Igual consideración formúlase respecto dos artigos 9º, 11º e 15º, observándose, neste último, un erro na clasificación das obrigas das entidades beneficiarias.

Segunda.- Artigo 9º.- Resolución e recursos.
Obsérvase que neste proxecto normativo suprimiuse parte do contido do apartado 2 deste artigo respecto da Orde do exercicio de 2010, propoñendo este Comité que se volva a incluír o que nel se dispoñía: “A resolución pola que se conceda a subvención, que será motivada e individualizada, e que se lles deberá notificar aos interesados nos termos previstos no devandito artigo...”.

Terceira.- Artigo 9º.- Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, contados a partir da entrada da solicitude no rexistro, prazo que se considera excesivo.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.

Cuarta.- Artigo 11º.- Requisitos e selección dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Este Comité considera que debería suprimirse a parte final do último apartado deste artigo na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidatos idóneos.

Quinta.- Disposición Adicional Cuarta.
Esta disposición adicional fai referencia á protección da datos de carácter persoal. Tendo en conta o seu contido, directamente relacionado co disposto no apartado 2 do artigo 15º deste proxecto normativo, este Comité suxire unha nova redacción para o último parágrafo desta disposición: “En todo caso aplicaranse, sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento, as medidas de seguridade establecidas no artigo 15º.2 e na lexislación vixente”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.
A duración das axudas á contratación previstas no proxecto normativo por parte da Consellería de Traballo e Benestar, sen que se establezan mecanismos para a consolidación do posto de traballo no cadro de persoal da entidade local, opera en contra da estabilidade do emprego, contribuíndo a incrementar as xa altas taxas de precariedade na Administración Local. Se ben na orde do ano 2007 eliminouse o tope de catro anos para cada persoa contratada como axente, segue subsistindo a obriga de solicitar anualmente a subvención ou a súa prórroga.

Segunda.
Habida conta da futura existencia dos Comités Territoriais de Emprego, cuxo decreto vense de ditaminar o pasado 20 de xuño por este Comité, debería terse en conta nas funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local, que se regulan nesta orde, a posible colaboración no desenvolvemento das funcións destes órganos, incluíndose así mesmo unha referencia á normativa reguladora desta cuestión na exposición de motivos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Consideración xeral.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo e Benestar en materia de contratación de axentes de emprego (enténdase axentes de emprego, axentes locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...).

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, na orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, no apartado de asignación de contías e asignación orzamentaria, establécense criterios diferentes respecto do proxecto normativo que estamos a ditaminar.







Consideración específica.
Artigo 11º.- Selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.