ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do último trimestre do ano 2011 e do primeiro semestre do ano 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego

I. ANTECEDENTES
O día 2 de setembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do último trimestre do ano 2011 e do primeiro semestre do ano 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. No Título VII da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade, establécese como finalidade primordial da política de emprego de traballadores e traballadoras con discapacidade, a súa integración no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ao sistema produtivo mediante fórmulas especiais de traballo protexido, como son os centros especiais de emprego.
O programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle como accións subvencionables as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, nas que se inclúe a subvención do custo salarial dos traballadores e das traballadoras con discapacidade.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. O seu obxecto é regulamentar unicamente as subvencións do custo salarial do cadro de persoal con discapacidade dos centros especiais de emprego nun marco temporal plurianual, que comprende as subvencións polas mensualidades desde outubro de 2011 a xuño de 2012, xa que se trata dunhas subvencións periódicas ao mantemento dos postos de traballo e deste xeito non queda paralizada a súa concesión e pagamento durante ningún período.

Serán entidades beneficiarias da subvención, os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia ou solicitaran á súa cualificación, sempre que a acrediten no momento do seu pagamento, e non estean incursos en causas de prohibición (artigo 2º).

Para os efectos das axudas previstas, terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33% (artigo 3º). A contía da axuda e o período subvencionable regúlanse no artigo 4º.

O Capítulo III deste proxecto normativo regulamenta a competencia para coñecer e resolver as solicitudes e o procedemento de concesión da subvención que, polo seu obxecto e finalidade non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. As solicitudes deberán acompañarse da documentación relacionada no artigo 8º e presentarse no prazo establecido no artigo 6º. Respecto do prazo para resolver e notificar a resolución, será de tres meses (artigo 10º). Polo que se refire ao pagamento desta axuda, realizarase de acordo coas regras establecidas no artigo 11º.

As obrigas das persoas ou entidades beneficiarias así como o réxime de incompatibilidades recóllense no Capítulo IV deste proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do último trimestre do ano 2011 e do primeiro semestre do ano 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de setembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catorce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG.




DITAME 23/11



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do último trimestre do ano 2011 e do primeiro semestre do ano 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de setembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de setembro de 2011 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante facer un repaso nalgún aspecto da terminoloxía empregada, como por exemplo, o uso do masculino xenérico “traballadores con discapacidade”, que se mantén no terceiro parágrafo do preámbulo e no artigo 1º do proxecto normativo, debendo substituírse pola fórmula neutra “persoa traballadora con discapacidade”, empregada no resto do texto.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no emprego das barras no artigo 8º.1.f), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Obsérvase a existencia de alternancia na conxugación do verbo esixir/exixir ao longo do texto deste proxecto normativo. Aínda que ambas as dúas formas admítense na escrita, este Comité propón que se utilice a mesma grafía para todo o texto.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Preámbulo.
O oitavo parágrafo do preámbulo fai referencia á agrupación nunha soa orde dos programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego dende o ano 2010.

Tendo en conta que a antedita orde supón o marco normativo de referencia das subvencións obxecto deste ditame, este Comité propón que se recolla expresamente neste proxecto normativo, indicando a súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 1º, relativo ao obxecto e finalidade das subvencións.

Segunda. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias das subvencións.
No punto 2 deste artigo establécese que poderán solicitar as subvencións aquelas entidades que solicitaran a súa cualificación como centro especial de emprego.

Tendo en conta o recollido na letra g) do artigo 12º na que se establece a documentación necesaria para a xustificación da subvención, este Comité considera que a redacción do apartado 2 debería quedar como segue:

“2. Poderán solicitar as subvencións establecidas nesta orde aquelas entidades que solicitaran a súa cualificación como centro especial de emprego. As subvencións concederanse dende a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego.”


Terceira.- Artigo 3º. Concepto de persoa con discapacidade.
O apartado 1 deste artigo establece que: “...terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33%”. Este Comité considera que debería quedar redactado do seguinte xeito: “...terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida pola Administración competente unha discapacidade física ou intelectual nun grao igual ou superior ao 33%”.

Cuarta.- Artigo 4º. Axuda e período subvencionable.
O apartado 3 deste artigo recolle as regras para determinar a contía da subvención.

Este Comité considera que debería homoxeneizarse o contido das regras primeira e terceira, aplicando o mesmo criterio para as mensualidades correspondentes aos anos 2011 e 2012.

Quinta.- Artigo 4º. Axuda e período subvencionable.
Na regra terceira do apartado 3 deste artigo faise alusión ao salario mínimo interprofesional correspondente ao ano 2012.

Tendo en conta que á día de hoxe se descoñece a súa contía definitiva, este Comité propón que se engada unha disposición adicional na que se recolla a posibilidade de revisión do importe da subvención cando sexa publicada oficialmente a contía do salario mínimo interprofesional para 2012, ou ben, que se faga referencia á porcentaxe sobre o devandito salario sen indicar a contía exacta para o ano 2012.

Sexta.- Artigo 6º. Solicitudes e prazos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 31 de outubro de 2011.

Este Comité considera que non deben figurar na orde datas límite pechadas, debendo establecerse un prazo dun mes contado a partir da data da publicación oficial da orde.

Sétima.- Artigo 6º. Solicitudes e prazos.
No último punto do segundo parágrafo do apartado 2 deste artigo faise referencia aos supostos de ampliación da cualificación do centro especial de emprego pola apertura dun novo centro de traballo nunha nova provincia.

Este Comité considera que en lugar de “nova provincia” debería dicir “provincia distinta”.

Oitava.- Artigo 7º. Autorizacións.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción do segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo, debido a que a expresión “ ... poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá ......” resulta confusa.

Novena.- Artigo 8º. Documentación.
A letra g) do apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes da subvención deben ir acompañadas dos recibos de salarios e documento bancario de transferencia que acredite o seu pagamento.

Este Comité considera que existen distintas formas de pago dos salarios ademais da transferencia bancaria, polo que debería permitirse a acreditación  do pagamento cos outros medios existentes.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 12º.1.b), relativo á xustificación do pagamento das subvencións.
Décima.- Artigo 8º. Documentación.
Na enumeración deste artigo figuran as letras j) e k), impropias do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúan polas seguintes que correspondan.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 13º.

Décimo primeira.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Décimo segunda.- Artigo 14º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 15º, faise referencia á obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos “concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é “último nunha serie”.

Este Comité entende que onde pon “Disposicións derradeiras” debe dicir “Disposicións finais”.

Décimo cuarta.- Anexo II. Subvención do custo salarial para o mantemento de centros especiais de emprego.
Neste anexo sinálase que a documentación que acompañará á solicitude se aportará en orixinal ou copia compulsada.

Este Comité considera que deberíase admitir tamén a posibilidade de copia cotexada, ao igual que se contempla no artigo 8º do proxecto normativo.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo regular as subvencións do custo salarial do cadro de persoal con discapacidade dos centros especiais de emprego de Galicia.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras con discapacidade pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estase xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes Comités provinciais.