ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula a convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 17 de outubro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se regula a convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Mediante o Decreto 147/2011, do 30 de xuño, créase o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e determínanse os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade. Este consello ten natureza de órgano colexiado e correspóndelle declarar mediante resolución administrativa a condición de asociación profesional representativa dos traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 8.1 do dito decreto dispón que, con carácter cuadrienal, publicarase mediante orde da consellería competente en materia de traballo a convocatoria pública que determine as cuestións referentes ao procedemento de declaración da representatividade.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. O seu obxecto é publicar a convocatoria cuadrienal para a determinación e a declaración da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e determinar os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade.

Para poder participar nesta convocatoria pública, as entidades solicitantes deberán reunir os requisitos recollidos no artigo 2º.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego e o prazo para a súa presentación será dun mes a contar desde o día da publicación deste proxecto normativo no DOG (artigo 3º). Estas solicitudes deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona no artigo 4º.

O órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento será o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 5º).

A acreditación dos criterios obxectivos de valoración así como a valoración dos mesmos regúlanse nos artigos 6º e 7º, respectivamente, do proxecto normativo.

O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ditará, no prazo de catro meses desde a entrada en vigor deste proxecto normativo, a resolución que declare a condición de asociacións profesionais representativas de traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 8º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula a convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 2 de novembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.




DITAME 24/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula a convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de outubro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que se observan erros no uso da linguaxe en materia de xénero, como, por exemplo, no título da orde cando fai referencia ás asociacións profesionais de traballadores autónomos, en lugar de persoas traballadoras autónomas.


Segunda.
Este Comité propón a modificación do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, para favorecer que a representatividade das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas sexa democrática, a través dun procedemento electoral ao igual que o contemplado para outras organizacións como, por exemplo, as sindicais.

Considérase que o procedemento regulado neste proxecto normativo é un pouco complicado e non garante que se reflicta na composición do Consello Galego das Asociacións Profesionais de persoas traballadoras autónomas a realidade representativa de cada organización.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 4º.- Documentación.
No apartado 1 deste artigo establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas de documentación, orixinal ou copia compulsada.

Este Comité considera que deberíase admitir tamén a  copia cotexada.
Igual consideración formúlase respecto do artigo 6º.3.

Segunda.- Artigo 4º.- Documentación.
No apartado 1.a) deste artigo esíxense dous requisitos: a presentación do  DNI ou NIE da persoa representante e a escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade perante a administración pública.

Este Comité considera que a escritura de poder suficiente debería separarse do DNI nunha letra distinta ao ser documentos diferentes.

Terceira.- Artigo 4º.- Documentación.
Este Comité considera que os dous últimos parágrafos do apartado 2 deste artigo deberían ser un novo apartado (o 3) dado que fan referencia á documentación indicada nos apartados 1 e 2.

Cuarta.- Artigo 5º.- Ordenación e instrución do procedemento.
No apartado 1 deste artigo indícase que o prazo de emenda das solicitudes é de 15 días.

Este Comité considera que o prazo de emenda debería ser de 10 días como establece o artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Quinta.- Artigo 6º.- Desenvolvemento e acreditación dos criterios obxectivos de valoración.
Este Comité propón unha nova redacción para o apartado 3.b) deste artigo:

b) Certificación da persoa representante legal da entidade do número de sedes permanentes na data de publicación do Decreto 147/2011,do 30 de xuño, co seu enderezo completo e o número de teléfono, segundo o modelo do anexo IV, acompañada dos títulos de propiedade, contratos de arrendamento ou contratos de cesión de uso dos últimos 36 meses. As asociacións deberán xustificar a presenza de recursos humanos en cada sede permanente. Estes datos poderán achegarse, ademais, en formato electrónico.

Esta modificación do período dos últimos 36 meses debe establecerse para que non entre en contradición co establecido no apartado d) da Orde, relativo aos recursos humanos. Así mesmo, a acreditación de persoal contratado por conta allea ao servizo da asociación durante os tres últimos anos, debe estar vinculada o espazo territorial no que viña desenvolvendo a súa actividade.

Sexta.- Artigo 6º.- Desenvolvemento e acreditación dos criterios obxectivos de valoración.
Este Comité considera que, no apartado c) deste artigo, debería substituírse a presentación dunha certificación da persoa representante legal por unha declaración responsable da persoa representante legal.

Sétima.- Artigo 6º.- Desenvolvemento e acreditación dos criterios obxectivos de valoración.
No apartado 3.i) deste artigo esíxese a presentación da acta fundacional da entidade solicitante.

Este Comité considera que debería suprimirse esta esixencia posto que xa se pide a acta de constitución e estatutos da entidade no apartado 1.b) do artigo 4º.

Oitava.- Artigo 8º.- Resolución e recursos.
No apartado 1 deste artigo establécese un prazo para resolver de catro meses, contados a partir da entrada da entrada en vigor desta orde.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, contados dende a data de finalización do prazo establecido no artigo 3 para a presentación de solicitudes.

Novena.- Disposición adicional terceira. Financiamento.
Este Comité considera que debería especificarse nesta disposición a aplicación orzamentaria que financia o funcionamento do Consello ao que se refire.


ANEXO



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 7º.- Desenvolvemento da valoración dos criterios obxectivos da representatividade.
Desde a CEG non compartimos nin entendemos que se “valore prioritariamente” ás persoas traballadoras por conta allea contratadas directamente polas entidades asociativas, porque non é esta a previsión que se contén no artigo 21º da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do estatuto de traballo autónomo, nin no Decreto 147/2011, que non fan esta distinción nin establecen tal preponderancia dos recursos humanos das entidades polo tipo de relación contractual establecida.

Por isto, entendemos que a profesionalización dos recursos humanos a que fai referencia o apartado 1 deste artigo debe ser idéntica e sen distinción, con independencia do tipo de relación contractual que a sustente.