ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se determinan os órganos de tramitación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social no ámbito da Comunidade autónoma de Galicia en cumprimento do establecido polo artigo 18 do Regulamento xeral sobre procedementos para a imposición de sancións por infracións na orde social e para os expedientes liquidatorios de cotas da seguridade social (RD 928/1998, do 14 de maio), modificado polo RD 772/2011, do 3 de xuño

I. ANTECEDENTES

O día 24 de outubro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se determinan os órganos de tramitación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en cumprimento do establecido polo artigo 18 do Regulamento Xeral sobre procedementos para a imposición da sancións por infraccións na orde social e para os expedientes liquidatorios de cotas da Seguridade Social (RD 928/1998, do 14 de maio), modificado polo RD 772/2011, do 3 de xuño, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 772/2011, do 3 de xuño, polo que se modifica o Regulamento Xeral sobre procedementos para a imposición de sancións por infraccións na orde social e para os expedientes liquidatorios de cotas da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto 928/1998, do 14 de maio, establece no seu artigo único, apartado 8, a modificación do artigo 18 do devandito Regulamento Xeral no que se recolle que a determinación dos órganos competentes para realizar os actos de instrución e ordenación da tramitación dos expedientes sancionadores correspóndelle ás Comunidades Autónomas.

Por outra banda, este proxecto normativo ven a complementar o establecido no Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame.

Os artigos 1º e 2º deste proxecto normativo establecen que lles corresponde ao Servizo de Informes, Recursos e Sancións da Subdirección xeral de Traballo e aos Servizos de Relacións Laborais das xefaturas territoriais da consellería de Traballo e Benestar en cada provincia a ordenación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social segundo o ámbito competencial recollido no antedito Decreto 70/2008.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se determinan os órganos de tramitación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en cumprimento do establecido polo artigo 18 do Regulamento xeral sobre procedementos para a imposición de sancións por infracións na orde social e para os expedientes liquidatorios de cotas da Seguridade Social (RD 928/1998, do 14 de maio), modificado polo RD 772/2011, do 3 de xuño” consta de: exposición de motivos, dous artigos e disposición derradeira.

O día 2 de novembro de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.






DITAME 25/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se determinan os órganos de tramitación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en cumprimento do establecido polo artigo 18 do Regulamento Xeral sobre procedementos para a imposición de sancións por infraccións na orde social e para os expedientes liquidatorios de cotas da Seguridade Social (RD 928/1998, do 14 de maio), modificado polo RD 772/2011, do 3 de xuño, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:







CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité propón que se engada a referencia expresa neste proxecto de orde aos artigos do Decreto 70/2008 que son de aplicación.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 2º.- Ordenación e instrución de expedientes sancionadores da orde social nos departamentos territoriais da consellería de Traballo e Benestar.
Este Comité indica que existe un erro neste artigo do proxecto normativo, posto que aparece o termo “instrucción” que non é correcto no idioma galego.

Segunda.- Disposición derradeira.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha Disposición derradeira que debería denominarse Disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.