ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades de iniciativa social, para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013

I. ANTECEDENTES

O día 8 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades de iniciativa social, para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos establécese que, de acordo coas directrices comunitarias definidas nos cumios europeos de Lisboa e Niza en materia de protección social no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social, elaborouse o II Plan Galego de Inclusión Social desde unha formulación estratéxica, centrada en dar respostas globais e integradas, que respondan ás necesidades dos grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais.
Un dos principios orientadores na execución das medidas do Plan é o enfoque integrado e a implicación do tecido social, preténdese dar cabida dentro do Plan de Inclusión ás entidades de iniciativa social e ás ONGs, aumentando así a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social, sendo esta orde un dos instrumentos para a súa participación.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame.

O seu obxecto é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, para o ano 2012, ás entidades de iniciativa social, para a realización de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013 (artigo 1º).

Poderán ser solicitantes das subvencións as entidades de iniciativa social as que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, sempre e cando reúnan os requisitos sinalados na orde (artigo 2º). O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación da orde no DOG (artigo 7º) e o prazo máximo de resolución será de seis meses, contados a partir do día seguinte da publicación da orde (artigo 10º).

Esta orde subvencionará os seguintes programas e actuacións (artigo 3º):
a) Actuacións que permitan a adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais.
b) Actuacións de formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás necesidades dos colectivos en situación de exclusión social.
c) Programas integrais de base comunitaria en zonas rurais que favorezan a inclusión social e laboral de persoas mozas, mulleres e colectivos con dificultades de inserción.
d) Programas integrais de base comunitaria en barrios urbanos que desenvolvan accións preventivas, de intervención, seguimento e titorización para persoas en situación ou risco de exclusión social.
e) Actuacións de acompañamento social.

Unha comisión de valoración (artigo 8º) valorará e puntuará as solicitudes, outorgándolles unha puntuación máxima de 100 puntos e establecéndose unha contía máxima por cada programa subvencionado de 30.000,00 € (artigo 9º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades de iniciativa social, para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013” consta de: Exposición de motivos, quince artigos e catro disposicións derradeiras.



O día 21 de novembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catorce específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia, UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia.










DITAME 26/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades de iniciativa social, para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, xa que se observan erros como, por exemplo, a utilización reiterada do masculino xenérico (arts. 5, 6, 7, 10, 11 e 14) e a ausencia de neutralidade na denominación dos cargos públicos (art. 8), que consideramos non é a solución máis axeitada.

Segunda.
Este Comité observa a existencia de erros sintácticos e ortográficos, polo que propón unha revisión do texto do proxecto normativo para adecualo á normativa para a escrita da lingua galega.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que, no último parágrafo da exposición de motivos, se debería incluir a mención a que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 4º. Financiamento.
Este Comité considera que co financiamento establecido neste artigo (585.000 €) non se garante a subvención para todos os programas regulados na orde, sobre todo tendo en conta que, na memoria económica remitida xunto co proxecto normativo, se prevé un incremento do número de solicitudes respecto das presentadas no 2010.

Terceira.- Artigo 5º. Gastos subvencionables.
No apartado 1.a), segundo ítem deste artigo, indícase que o contrato en réxime de arrendamento de servizos terá sempre carácter excepcional.

Este Comité considera que se deberían especificar máis no proxecto normativo as circunstancias en que está aceptada a utilización desta modalidade de contrato.

Cuarta.- Artigo 6º. Selección de usuarios (sic).
Este Comité considera que se deberían concretar os “factores de exclusión” que se identifican no II Plan Galego de Inclusión Social, indicando á súa localización neste.

Quinta.- Artigo 7º. Solicitudes.
No apartado 3.1a) deste artigo establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas de fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante e do CIF da entidade.

Este Comité considera que deberíase admitir tamén a copia cotexada.

Sexta.- Artigo 7º. Solicitudes.
No apartado 3.1a) deste artigo establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas de fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante e do CIF da entidade e documentación acreditativa suficiente.

Este Comité considera que o CIF da entidade e documentación acreditativa suficiente deberían separarse do DNI nunha letra distinta por tratarse de documentos diferentes.

Sétima.- Artigo 7º. Solicitudes.
No apartado 3.1 e) deste artigo utilízase a expresión “...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debería substituírse por “estatal ou estatais”.

Igual consideración formúlase respecto dos artigos 11º.1 e 14º.2.

Oitava.- Artigo 7º. Solicitudes.
No apartado 3.2 a), cuarto ítem deste artigo, establécese que nas actividades deberase concretar o período de execución e a localización territorial.

Este Comité considera que o período de execución debería separarse nun ítem distinto da localización territorial, por tratarse de feitos diferentes.

Novena.- Artigo 8º.- Tramitación dos expedientes.
Este Comité propón que no apartado 2 deste artigo se concrete a referencia expresa ao artigo 9º da orde, no que se determinan os criterios obxectivos para a valoración destas subvencións.

Décima.- Artigo 10º.- Resolución.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo máximo para resolver de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Decimo primeira.- Artigo 10º.- Resolución.
No apartado 2 deste artigo establécese que, unha vez transcorrido o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as solicitudes.

Este Comité propón que, para unha maior seguridade xurídica das persoas interesadas, se substitúa a expresión “poderán entender desestimadas” por “entenderanse desestimadas”.

Decimo segunda.- Artigo 12º.- Obrigas das entidades subvencionadas.
Neste artigo aparecen as letras j. e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

En consecuencia, a referencia á letra j no apartado 1 do artigo 13º debería substituírse pola letra que corresponda.

Decimo terceira.- Artigo 12º.- Obrigas das entidades subvencionadas.
Este Comité observa que no apartado a) deste artigo figuran dúas obrigas, polo que considera que debería separarse nun ítem novo a obriga de conservación da documentación relativa á subvención.

Decimo cuarta.- Disposicións derradeiras (sic).

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran catro disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA, UGT-GALICIA E O SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 6º.- Selección dos usuarios (sic).
A CEG e os sindicatos UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia avogan porque este artigo teña en consideración, para a determinación das persoas beneficiarias, o contido do documento de Acordos do Diálogo Social, do 30 de xullo de 2010, no que se definen os colectivos prioritarios no ámbito de todas as políticas activas de emprego xestionadas pola Xunta de Galicia.