ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 18 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socias traballadoras ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal, potenciando singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento de novas iniciativas e fomentando, especificamente, o acceso á condición de persoas socias traballadoras para incentivar a plena integración na empresa cooperativa. Así mesmo, establécense axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de decembro de 2010 (Ditame 48/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
A principal novidade deste proxecto normativo con respecto ao ditaminado o ano anterior é que neste caso o seu obxecto só é a convocatoria das axudas para os programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo (artigo1º), sendo as súas bases reguladoras as contidas na sección primeira da Orde do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2011).

As principais novidades da convocatoria para o 2012 con respecto á do 2011 é o requirimento de que as solicitudes deben presentarse en formato papel, debidamente asinadas e seladas (artigo 2º), así como o cambio no período excepcional de execución dos programas I, II, III e IV que pode ser entre o 22 de febreiro de 2011 e a data de publicación deste proxecto normativo (artigo 3º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 28 de novembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 27/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité reitera as consideracións feitas, naqueles aspectos non tidos en conta, no Ditame 48/10, relativo á mesma materia e perfectamente aplicable á orde que se somete a ditame, que se pode consultar na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e finalidade.
Este Comité propón unha revisión do texto no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no emprego das barras no Programa IV deste artigo, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto e finalidade.
No cuarto parágrafo deste artigo figura a letra k), impropia do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúa pola seguinte que corresponda.

Terceira.- Artigo 3º. Período de execución das accións.
No segundo parágrafo deste artigo figura a contracción “ó” e, aínda que na escrita admítense as dúas formas “ó” e “ao”, este Comité propón que se utilice a grafía “ao”, utilizada no texto do proxecto normativo.




Cuarta.- Artigo 4º. Xustificación das accións subvencionadas.
No primeiro parágrafo deste artigo figura o masculino xenérico “os beneficiarios”, debendo substituírse pola fórmula neutra “as entidades beneficiarias”.

Quinta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.