ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 21 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A finalidade destas axudas é o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, principalmente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, así como a realización de actividades de fomento do emprendemento realizadas en rede.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 8 de marzo de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 29 de decembro de 2010 (Ditame 51/10), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
A principal novidade deste proxecto normativo con respecto ao ditaminado o ano anterior é a modificación do artigo 5º, apartado 2 das bases reguladoras das axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais aprobadas mediante a Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo), na que se establece que nas convocatorias anuais de axudas amparadas nestas bases establecerase a contía máxima de subvención que poderá acadar cada beneficiario para cada unha das modalidades previstas (artigo 2º).

Polo que se refire a convocatoria para o 2012 establécese que as bases que a regularán son as establecidas na Orde do 25 de febreiro de 2011 e a súa modificación (artigo 3º).

Introdúcese una axuda para a modalidade de gastos normais de funcionamento, cun orzamento total de 350.000 € (artigo 8º) e unha contía máxima de 200.000 € por beneficiaria (artigo 4º).

Indícase que as solicitudes deben presentarse en formato papel, debidamente asinadas e seladas, así como ofrécese a posibilidade de que os formularios de solicitude poidan ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática á que se accederá pola páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (artigo 5º).

Estas axudas tramítanse nesta convocatoria de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (artigo 9º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, nove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 28 de novembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 28/11




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité reitera as consideracións feitas no Ditame 51/10 relativo á mesma materia e perfectamente aplicable á orde que se somete a ditame, que se pode consultar na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 3º. Convocatoria.
No segundo parágrafo deste artigo figura a letra k), impropia do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúa pola seguinte que corresponda.

Segunda.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes.
Este Comité propón que neste artigo se faga referencia expresa á documentación que debe acompañar ás solicitudes determinada na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG núm. 46, do 8 de marzo).

Terceira.- Artigo 7º. Xustificación das accións subvencionadas.
No primeiro parágrafo deste artigo figura o masculino xenérico “os beneficiarios”, debendo substituírse pola fórmula neutra “as entidades beneficiarias”.

Cuarta.- Artigo 7º. Xustificación das accións subvencionadas.
Tendo en conta o disposto na Orde do 25 de febreiro de 2011, este Comité considera que a redacción do parágrafo primeiro deste artigo 7º debería quedar como segue:


“As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme ao establecido na resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 11º da Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG núm. 46, do 8 de marzo), e solicitar os correspondentes pagamentos, mediante solicitude conforme ao modelo do anexo V”.

Quinta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.