ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 18 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2012 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo nas entidades locais galegas, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, mediante a concesión de subvencións para o financiamento dos custos derivados da creación ou posta en marcha de oficinas de fomento cooperativo por parte de entidades locais ou agrupacións de concellos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame 49/10, emitido polo Consello con data 17 de decembro de 2010, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Poderán ser entidades beneficiarias os concellos de Galicia a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local, suprimíndose a solicitude individualizada por parte dos concellos (artigo 2º.1).

No caso dos concellos que non constitúan mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, deberán agruparse un mínimo de catro (artigo 2º.2).

Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude, sendo unicamente válida a solicitude rexistrada en primeiro lugar (artigo 2º.3).

Neste proxecto normativo o obxecto das subvencións consiste na creación e mantemento de Oficinas de Fomento Cooperativo que deberán integrarse na “Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social” e desenvolver as súas actividades en colaboración coas entidades que forman parte dela (artigo 3º apartados 1 e 2).

Para a creación e mantemento destas oficinas, a contía das subvencións poderá ascender ata o 100% dos custos necesarios para un ano de funcionamento, indicándose os límites para o cálculo do investimento máximo auxiliable (artigo 3º.5).

No artigo 3º.6 contémplanse os límites de investimento para as accións de promoción e fomento do cooperativismo.

A contía máxima do investimento total auxiliable non poderá exceder de 30.000 € por solicitude, incrementándose en 5.000 € máis por cada concello adicional a partir de catro, ata un límite máximo total de 45.000 € (artigo 3º.7).

As actividades subvencionadas poderán contar con outros financiamentos (artigo 3º.9).

Engádense novos criterios de avaliación das solicitudes (artigo 7º.2), establecéndose que, en caso de empate a puntos de baremación, priorizaranse aquelas solicitudes que teñan rexistro de entrada no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar con anterioridade (artigo 7º.3).

Poderase facer efectivo ata o 80% do total da contía da subvención en concepto de anticipo, unha vez acreditada a súa aceptación e previa solicitude do dito anticipo (artigo 9º.5).

No artigo 10 engádese a obriga da entidade beneficiaria de subscribir o convenio de colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar para a realización de servizos de asesoramento, información e formación e a utilización da oficina de fomento cooperativo como punto da “Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social”.

Modifícase a contía do financiamento da primeira anualidade das axudas, establecéndose un crédito de 308.420 € (artigo 18º), mentres que no exercicio pasado o crédito foi de 250.000 €.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dezanove artigos, unha única disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 28 de novembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.






DITAME 29/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:










CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, xa que se observan erros como, por exemplo, a utilización reiterada do masculino xenérico (art. 2: “Beneficiarios”) e do uso das barras (art. 6: “xefe/a”), que consideramos non é a solución máis axeitada  para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de erros; por exemplo, no artigo 3º.4 figura “imbricación”, cando o correcto é “implicación”.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Obxecto e contía das subvencións.
No segundo parágrafo do apartado 4 deste artigo establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité considera que neste parágrafo debería constar expresamente que se procurará a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademais das asociacións de cooperativas.

Segunda.- Artigo 6º. Avaliación das solicitudes.
Este Comité considera que debería establecerse -no parágrafo 2 do apartado 2 deste artigo- que dos resultados do exame dos expedientes pola comisión de avaliación darase conta ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Terceira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvención aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían estenderse non só aos concellos, senón tamén a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.