ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego

I. ANTECEDENTES


O día 29 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2011, publicado no DOG o día 14 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2010 (Ditame 44/10), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Polo que se respecta á relación das entidades beneficiarias (artigo 3º), elimínanse as corporacións locais, referíndose neste proxecto normativo ás deputacións provinciais e aos concellos que, por si sós ou asociados, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2011 superior a 500 persoas.

Engádese como novidade a obriga de que as entidades especializadas en atención a determinados colectivos acrediten a súa condición de centros especiais de orientación, ou a existencia dun colectivo cuantificable de difícil inserción laboral (artigo 3º).

Na relación da documentación que debe acompañar ás solicitudes (artigo 5º), introdúcese a obriga de achegar a declaración responsable do cumprimento dos requisitos que deben cumprir as entidades beneficiarias esixidos no artigo 3º.2. En relación á memoria explicativa das accións a desenvolver, deberá facer referencia, entre outros aspectos, ao orzamento de gastos do custo do persoal solicitado referido a un período de un e de 12 meses; á descrición das accións a realizar e a súa xustificación, incluíndo o número medio de accións de orientación mensuais que se prevexa acadar e o número medio de itinerarios personalizados de inserción a desenvolver durante o período subvencionado; á experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas referida aos últimos tres anos e, para o caso de entidades cuxas accións teñan como persoas destinatarias a colectivos específicos de difícil inserción, deberá indicar a súa condición de centro especial, a especificación dos colectivos e a súa cuantificación.

Modifícase a valoración dalgúns criterios para a concesión das subvencións (artigo 7º), variando, entre outros, a puntuación mínima para a consecución da condición entidade beneficiaria (40 puntos).

Non será de aplicación para o persoal técnico de orientación que xa fora baremado ao abeiro dos programas de información, orientación e busca de emprego nos exercicios 2010-2011 ou 2011-2012, o recollido no artigo 9º relativo o procedemento de selección.

No relativo ao pagamento da subvención (artigo 13º), o incumprimento dos prazos de presentación previstos poderá dar lugar á revogación ou reintegro da subvención concedida.

Na relación da documentación que debe presentarse xunto coa solicitude do anticipo da subvención (artigo 13º), incorpórase a obriga de achegar unha fotografía do cartel informativo e a súa localización e, para o caso de novos centros de orientación, o título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións, a licenza municipal de apertura ou o certificado da súa exención e os planos a escala do local.


As entidades beneficiarias disporán ata o 15 de decembro de 2012 para presentar a liquidación parcial da subvención, polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados ata o 30 de novembro de 2012 (artigo 13º).

A Dirección Xeral de Formación e Colocación verificará o nivel de realización da entidade beneficiaria das accións obxecto da subvención en relación coa resolución de concesión. No suposto de incumprimento, procederase a realizar o desconto correspondente ata un máximo do importe correspondente ao 15% da subvención concedida (artigo 13º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O 5 de decembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais de carácter unánime, así como vinte e dúas consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo I), tres manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia,  CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II), dúas manifestadas pola CEG (Anexo III) e unha manifestada pola CIG (Anexo IV).







DITAME 31/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de decembro de 2011 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de varios erros.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando a utilización do masculino xenérico (por exemplo, no título do artigo 4º “destinatarios”) e do uso das barras (art. 8º.3: “funcionario/a”), que consideramos non é a solución máis axeitada  para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Este Comité considera que se debería avanzar na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas orientadoras de emprego, tanto nas accións individuais, como especialmente nas colectivas.

Cuarta.
Obsérvase un descenso do 19,47% no financiamento final das accións establecidas con respecto á orde do exercicio 2010-2011 e non se entende esta redución tendo en conta a situación actual do mercado laboral, cun alto índice de desemprego, o que propicia un incremento do número de persoas potencialmente usuarias do Servizo de Información, Orientación e Busca de Emprego.

Este Comité considera que esta redución non está xustificada neste momento, cando máis necesarias son as accións que se subvencionan a través do proxecto normativo sometido a ditame.

Quinta.
Obsérvase que no proxecto normativo desaparece o relativo á contratación de persoal de apoio e ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

Este Comité considera que debería subvencionarse o persoal de apoio, incluido o administrativo e os gastos xerais, materiais e técnicos necesarios, sempre e cando sexan relativos ao Servizo de Información, Orientación e Busca de Emprego.

Sexta.
Este Comité considera que no proxecto  normativo se debería asegurar que as accións que se executan ao abeiro desta orde se podan facer ao longo de todo o ano, sen que existan períodos sen cobertura de apoio económico.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Este Comité entende que todas as administracións locais que poden ser beneficiarias, identificadas nas letras b), c) e d) do apartado 1 deste artigo, deberían agruparse nun só apartado, establecéndose a continuación os requisitos de acceso en cada caso e garantindo que non se produzan duplicidades de acceso por un mesmo concello.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1. f) deste artigo faise referencia aos centros especiais de orientación.

Este Comité considera que se deberían definir máis no proxecto normativo este tipo de centros, os requisitos que deben cumprir, etc.

Terceira.- Artigo 4º. Accións subvencionables. Destinatarios (sic).
Este Comité considera que, no primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo, se debería suprimir a frase seguinte “actuando ao mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades”, xa que non engade nada substancial ao contido do artigo.

Cuarta.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes. Prazo.
No apartado 2 deste artigo faise referencia ao  proxecto de lei de orzamentos xerais para o ano 2011.

Este Comité considera que se a referencia é ao exercicio de 2011 debe dicir Lei de orzamentos xerais para o ano 2011, e se a referencia é ao exercicio de 2012, debe dicir proxecto de lei ou lei de orzamentos xerais para o ano 2012 segundo se publique a finais de decembro de 2011 ou principios de xaneiro do ano 2012.

Quinta.- Artigo 6º. Documentación.
Na letra e) do apartado 1 deste artigo esíxese a referencia na memoria aos recursos humanos.

Tendo en conta que este Comité considera que se debería subvencionar tamén a contratación do persoal de apoio, entendemos que, neste sentido, haberá que xustificar esta contratación de xeito razoable.

Sexta.- Artigo 6º. Documentación.
Obsérvase que no apartado 1 deste artigo faltan as letras f) e g) e, non obstante, figura a letra k), que por ser impropia da lingua galega, habería que substituila  pola seguinte que corresponda.

Sétima.- Artigo 7º. Criterios de valoración para a concesión das subvencións.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, mentres que no actual proxecto normativo é de 40 sobre 57.

Propoñemos que se manteña a correlación porcentual dun cuarto sobre o total.
Oitava.- Artigo 8º. Procedemento, competencia e resolución.
Examinada a redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9º da orde correspondente ao exercicio de 2009, publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.

Novena.- Artigo 9º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e busca de emprego.
Este Comité considera que no apartado 1 deste artigo, a continuación do primeiro parágrafo, se debería incluir o seguinte: “Esta preselección non será necesaria respecto da contratación do persoal de apoio que teña o carácter de administrativo”.

Décima.- Artigo 9º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e busca de emprego.
No último parágrafo do apartado 1 establécese que non será de aplicación o disposto nos apartados anteriores para o persoal técnico de orientación que xa fose baremado ao abeiro dos programas de información, orientación e busca de emprego nos exercicios 2010-2011 ou 2011-2012.

Este Comité considera que debería dicir “en exercicios anteriores” e non limitarse aos exercicios referidos.

Décimo primeira. – Artigo 10º. Contía das subvencións.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 10º que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que poidera corresponder e aquelas outras que poidan esixirse legalmente.

Décimo segunda.- Artigo 10º. Contía das subvencións.
No apartado 1 deste artigo establécese que a contía da subvención para o persoal contratado será ata un máximo de 30.688,29 euros por ano.

Este Comité considera que se debería actualizar o importe da subvención, xa que é idéntico ao que figuraba na orde do exercicio pasado.

Décimo terceira.- Artigo 10º. Contía das subvencións.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde do exercicio anterior: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Décimo cuarta.- Artigo 11º. Gastos imputables.
Este Comité considera que se debería engadir unha letra d) ao apartado 1 deste artigo e recoller o que establecía a orde do exercicio anterior “Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.”
Décimo quinta.- Artigo 11º. Gastos imputables.
No último parágrafo do apartado 1 deste artigo esíxese a xustificación de pagamento das facturas a través de transferencia ou cargo bancario.

Este Comité considera que debería estenderse a calquera medio legal de pagamento.

Décimo sexta.- Artigo 12º. Posta en marcha e inicio das accións.
No parágrafo segundo deste artigo esíxese a remisión do anexo cuberto no prazo máximo de 5 días hábiles.

Este Comité considera que o referido prazo debería ampliarse a 10 días hábiles, xa que este é o prazo legal para o rexistro de contratos na oficina de emprego.

Décimo sétima.- Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
No apartado 1.A), 2º e 3º esíxese a presentación de orixinais ou copias dos contratos de traballo e partes de alta na Seguridade Social do persoal contratado.

Este Comité considera que habería que exceptuar desta obriga os supostos de contratacións indefinidas feitas polas entidades nas que xa se aportara a documentación en exercicios anteriores.

Décimo oitava.- Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
No apartado 1, letra A) deste artigo regúlase a posibilidade dun anticipo do 50 por cento.

Este Comité propón que se anticipe o 100% sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria. Esta necesidade faise máis evidente na medida en que da regulación establecida neste artigo 13º dedúcese unha importante demora no pagamento da liquidación final con respecto a exercicios precedentes.

Décimo novena. – Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
Este Comité considera que, para o caso de persoas traballadoras con contrato indefinido, se deberían clarificar os termos nos que se empeza a contar o prazo establecido no primeiro parágrafo da letra A) do apartado 1 deste artigo.

Vixésima.- Artigo 13º.- Pagamento da subvención.
Respecto ao regulado para a liquidación parcial (apartado 1.B) deste artigo), este Comité propón manter o prazo establecido na orde do exercicio anterior “ata o 20 de decembro”, en lugar de ata o 15 de decembro do proxecto actual.

Vixésimo primeira.- Artigo 15º. Presentación de solicitudes. Prazo.
Na última liña do apartado 1 deste artigo figura unha referencia ao enlace web da Xunta, sen incluílo, considerando este Comité que debería mencionarse expresamente cara á publicación do proxecto normativo.

Vixésimo segunda.- Artigo 17º. Participación institucional.
Este Comité considera que en lugar de “Comité Autonómico de Emprego” debe dicir “Consello Autonómico de Emprego”.



ANEXO I



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
En acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010, asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que a diminución no financiamento que presenta este proxecto de orde parece entrar en colisión co acordado e asinado.

Así, o descenso total do orzamento destinado a estas axudas supera a cantidade de 1.790.930,78 euros respecto da Orde do ano 2010 e a ampliación de créditos posteriores.

Segunda.- Artigo 10º. Contía das subvencións.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N de CC. OO. de Galicia e máis a CEG propoñen que se engada un artigo ou apartado específico no que se regule, a posibilidade para as entidades que concorran á orde de solicitar persoal de apoio, incluído o administrativo.
























ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1 deste artigo establécese que poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde “as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos”, concretándose a continuación as entidades con esa consideración.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debería suprimirse a frase que figura entre comiñas, ao estar xa concretadas as entidades no texto do artigo.

Segunda. Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 3 do artigo 3º establécese que as entidades que desexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación deberán acreditar experiencia en materia de orientación profesional e laboral, motivación cara ao emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo, en cada caso.

As organizacións sindicais consideran que se debería suprimir este apartado xa que non resulta claro que estas tarefas sexan na súa totalidade propias dos orientadores ou orientadoras laborais.

Terceira.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1, letra e), ítem 4, último punto, deste artigo establécese que “Deberá, igualmente especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.”

As organizacións sindicais consideran que se debería eliminar este punto xa que esa función é propia dos axentes de emprego e non dos orientadores laborais.















ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo disponse que “No caso das asociacións empresariais e sindicais de carácter sectorial e das confederacións, só se considerarán as solicitudes de maior ámbito territorial, é dicir, denegaranse aquelas solicitudes das entidades mencionadas cando existan solicitudes susceptibles de resolución favorable presentadas por asociacións ou confederacións dun ámbito territorial máis amplo ás que pertenzan ou estean asociadas”.

A redacción deste precepto descoñece a diferenza de personalidade xurídica que teñen as distintas asociacións empresariais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, o que pode ocasionar problemáticas na xestión do persoal contratado.

Porque ao incluír o termo “de maior ámbito territorial”, supón que só se resolvería favorablemente a solicitude presentada pola entidade de maior ámbito, que en hipótese tería que ter en conta as necesidades das entidades asociadas a esta de ámbito inferior. Pero isto suporía que tería que ser esta entidade a que contratase un persoal de orientación que desenvolvería servizos noutros centros de traballo, cunha titularidade que non lle corresponde á solicitante, o que á parte da necesidade de facer as correspondentes comunicacións á Seguridade Social, pode ocasionar posibles problemáticas relacionadas coa circunstancia de que as ordes e instrucións serían da entidade solicitante pero o réxime de horario, vacacións... serían o da entidade inferior, o que a pouco que se reflexione pode provocar interpretacións de posible cesión ilegal.

Por este motivo, a CEG solicita a eliminación deste segundo parágrafo e que se deixe claramente definido no texto da orde de convocatoria que poderán ser solicitantes calquera confederacións e asociacións empresariais que teñan a súa sede en Galicia.

Segunda.- Artigo 9º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e busca de emprego.
No último parágrafo do apartado 1 establécese que non será de aplicación o
disposto nos apartados anteriores para o persoal técnico de orientación que
xa fose baremado ao abeiro dos programas de información, orientación e busca
de emprego nos exercicios 2010-2011 ou 2011-2012.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, ademais de
exceptuar ao persoal técnico xa baremado “en exercicios anteriores”, esta
excepción tamén debería ser de aplicación nos supostos nos que os centros
decidan manter o mesmo persoal, cuestión que permitiría cubrir todo o abano de posibilidades.

Así debería modificarse a redacción do artigo 9º.1, último parágrafo, no seguinte sentido:


"O establecido nos apartados anteriores non será de aplicación para o
persoal técnico de orientación que xa fora baremado ao abeiro dos programas
de información, orientación e busca de emprego en exercicios anteriores ou
no suposto que se propoñan os mesmos técnicos que desenvolveron as accións
descritas nesta orde no pasado exercicio. As anteditas circunstancias
faranse constar no momento da solicitude da subvención".
  


























ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

A Confederación Intersindical Galega considera que neste proxecto normativo debería incluírse o procedemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción (IPIs).