ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2012

I. ANTECEDENTES


O día 2 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a  cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

O obxecto desta orde é convocar axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante actividades de formación, así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2010 (ditame 45/10), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta moi poucas novidades con respecto á orde publicada para o 2011. Pódense destacar as seguintes:

No artigo 2º deste proxecto normativo recóllese a relación das entidades beneficiarias das axudas, entre as que atopamos ás organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ás asociacións empresariais de ámbito galego que recollan nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

Polo que se refire aos gastos que se subvencionarán (artigo 3º), poderase imputar ata un máximo do 30% do importe de cada nómina do persoal de apoio con motivo da realización de accións de organización e supervisión das actividades formativas ou o 100% dos gastos de persoal no caso de que se proceda á contratación específica polo tempo de vixencia do convenio de colaboración.

Os gastos mensuais relativos á luz, teléfono, auga, mensaxería, etc. poderanse imputar ata un máximo do 10% do importe total. Nos restantes gastos poderase imputar o 100% do gasto sempre que quede garantida a natureza do gasto en relación coa actividade formativa realizada (artigo 3º).

Engádense como actuacións subvencionables (artigo 3º) as actividades de formación específica en prevención de riscos laborais destinadas a persoas traballadoras en xeral, persoal delegado de prevención de empresas galegas, recursos preventivos e persoas traballadoras designadas en empresas de menos de 49 persoas traballadoras que asuman con medios propios a actividade preventiva e, por outra banda, o estudos e traballos técnicos de investigación e prospección para o análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica.

Introdúcese a posibilidade da presentación electrónica das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 6º).

A representatividade das entidades determinarase segundo os criterios relacionados no artigo 9º en función de que se trate de fundacións paritarias, organizacións sindicais e empresariais ou asociacións profesionais.

Engádese unha nova obriga das entidades beneficiarias (artigo 12º) pola que terán que ceder o uso público, sen ánimo de lucro, de todos aqueles materiais que resulten de execución do proxecto, guías, dípticos, enquisas ou calquera outro traballo que se poida aproveitar noutros sectores ou empresas.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2012” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de decembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, inclúese como anexo unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e outra manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (Anexo II).

DITAME 32/11



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2012, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de decembro de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, xa que se observan erros como, por exemplo, a utilización do masculino xenérico e, sobre todo, a ausencia de neutralidade na denominación dos cargos públicos, que consideramos non é a solución máis axeitada.

Tamén reiteramos a nosa recomendación de evitar o uso das barras no texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo sétimo do proxecto de orde figura a contía destinada ao financiamento das actividades de fomento da prevención de riscos laborais. A cantidade, cunha leve diminución con respecto á consignada para o ano 2011, mantén a minoración do 31% en relación a contía establecida para o ano 2009. Este Comité considera que, cando menos, debería manterse a contía fixada para o mencionado exercicio 2009.

Segunda.- Exposición de motivos.
No parágrafo sétimo faise referencia á Lei de orzamentos xerais para o ano 2012, lei que non está previsto que se publique ata finais de decembro de 2011 ou principios de xaneiro do ano 2012, polo que deberase ter en conta este aspecto cara á publicación deste proxecto normativo e facer referencia a “proxecto de lei” ou “lei”, segundo corresponda.

Ademais, este Comité considera oportuno, para un mellor seguimento dos orzamentos, que se inclúa unha referencia específica ao artigo deste anteproxecto de Lei.

Terceira.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.
No apartado 2 deste artigo establécense como subvencionables as actuacións de formación, destinadas ás persoas traballadoras galegas.

Este Comité propón que as actuacións de formación se subvencionen soamente cando estas teñan relación cos riscos específicos do posto de traballo.

Cuarta.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.
Tamén con respecto ao apartado 2 deste artigo, este Comité considera que se deben incluír os gastos financeiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poderían ser subvencionables.

Quinta.- Artigo 3º. Gastos que se subvencionarán.
No apartado 3 deste artigo establécese que o cobramento das subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Este Comité considera que se debería admitir a compatibilidade con outras axudas ata alcanzar o 100% da contía do gasto co fin de facilitar o maior número de proxectos.

Esta consideración é igualmente aplicable ao artigo 14º no que se recolle como causa de modificación da resolución de concesión a obtención concorrente de axudas, polo que este Comité propón, consecuentemente, a supresión desta causa.

Sexta. Artigo 6º. Solicitudes.
Este Comité suxire a inclusión dun punto máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c), d) e f) do punto 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberían remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Sétima. Artigo 6º. Solicitudes.
Na letra c) do apartado 1 deste artigo esíxese a presentación de copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.

Oitava.- Artigo 9º. Procedemento.
No apartado 3 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do ítem que outorga entre 0 e 2 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Novena.- Artigo 11º. Xustificación do pagamento.
Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade do anticipo, por importe do 80% do total do importe da axuda, con análogo criterio ao que se establece en outras ordes reguladoras de Formación para o Emprego.

Décima.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo, letra c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Décimo primeira.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademais expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria.

Décimo segunda. – Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias. Artigo 14º. Modificación de resolución de concesión.
No apartado 1, letra a) do artigo 12º e no artigo 14º, emprégase a expresión “nacional e nacionais”respectivamente. Este Comité considera que se debe substituír por “estatal ou estatais” respectivamente.

Décimo terceira.- Artigo 14º. Modificación de resolución de concesión.
Neste artigo establécese que toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Este Comité considera que é moi ríxida esta formulación polo que consideramos que se podería admitir a posibilidade de pequenas modificacións entre as distintas partidas de gasto, ata un 10% da contía total do proxecto subvencionado.

Décimo cuarta. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 3º.- Gastos que se subvencionarán.
No apartado 2 deste artigo establécese como subvencionables as actuacións de formación destinadas as persoas traballadoras galegas.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que a formación se destine tamén aos empresarios e empresarias, posto que -de acordo co Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais- o/a empresario/a pode asumir directamente a prevención, nas circunstancias previstas na normativa vixente, polo que é bo incluír aos empresarios/as dentro das actividades de formación.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:


Artigo 5º.- Remate e xustificación das accións.
Este artigo, ao igual que o artigo 11º.2, establece como data límite para o remate das accións e para a presentación de documentación xustificativa a do 31 de outubro de 2012.

As organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, suxiren que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2012, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que se propón que sexa a do 30 de novembro de 2012, para posibilitar que as nóminas, facturas así como os documentos xustificativos de pago aboados ao final do período de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.