ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 2 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde faise constar que o marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais, que no campo laboral convoca anualmente a Administración autonómica, está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, que establece, no seu artigo 4º, que as subvencións serán destinadas ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades.

As subvencións reguladas na referida orde son de tres tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2011.
• Programa II: Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.
• Programa III: Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 14 de abril de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de febreiro de 2011 (Ditame 5/11), obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

As principais modificacións do presente proxecto normativo son:

Obsérvase unha diminución do importe das axudas para o exercicio do 2012 (1.760.000€) con respecto ás destinadas ao ano 2011 (1.913.500€) e habilítase a tramitación anticipada desta orde (exposición de motivos).

Para a obtención da axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais (Programa III) poderán ser beneficiarias as centrais sindicais intersectoriais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 12º), debidamente acreditadas (artigo 15º). O crédito total deste programa será repartido proporcionalmente entre as centrais sindicais solicitantes, segundo o número de representantes que tivesen a 31 de decembro de 2011 (artigo 13º).

Poderase presentar a solicitude de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 14º).

A memoria das actividades realizadas ou que vaia realizar a organización sindical, referida ao Programa II faranse constar detalladamente as actuacións en materia de economía social (artigo 15º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións finais.

O día 12 de decembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello: unha consideración xeral e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I), unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II), unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III), dúas consideracións específicas manifestadas polo S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo IV) e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo V).









DITAME 33/11






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de decembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de erros; por exemplo, “cumplir”, cando o correcto é “cumprir”, “para sí” que non debería levar til e “Asimesmo” cando o correcto é “Asemade”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 15º. Documentación.
No apartado c) deste artigo esíxese acompañar á solicitude unha fotocopia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas co número de identificación fiscal.

Este Comité considera que debe admitirse tamén a posibilidade de fotocopia cotexada.

Igual consideración formúlase respecto dos artigos 16º primeiro ítem e 19º.3.b).

Segunda.- Artigo 19º. Forma de pagamento e xustificación.
Este Comité observa que existe un erro no apartado 3.c) deste artigo, posto que a referencia ao 31 de outubro de 2011 debe entenderse feita ao 31 de outubro de 2012.




ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, na orde do ano 2009 as cantidades orzamentadas eran idénticas ás do exercicio anterior en termos monetarios, polo que se producía unha diminución do seu importe, a efectos reais, na porcentaxe que medraba o IPC; diminución que se agravaba en 2010 cunha mingua, non só en termos reais senón tamén en termos monetarios (un total de 200.958 € menos) e novamente se reducía para o exercicio 2011, con 211.500 € menos. O actual proxecto de Orde presenta unha nova diminución do orzamento total con 153.500 euros menos, que supón unha redución do 8,02% respecto do exercicio anterior,  pasando do 1.913.500€ do 2011, ao 1.760.000€ para o ano 2012.

Este Comité considera que a porcentaxe de redución aplicada a estes programas resulta moi superior á media do descenso do orzamento xeral previsto para 2012 (entorno ao 0,1%).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- Artigo 12º. Entidades beneficiarias.
No primeiro parágrafo deste artigo suprimiuse a alusión á Lei 11/1985 referida á representatividade das Centrais Sindicais, recollida na orde do exercicio anterior, que consideramos debería manterse.

Segunda.- Artigo 19º. Forma de pagamento e xustificación.
Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, deberíase habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.

Terceira.- Artigo 20º. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.
No segundo parágrafo deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2013 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2012 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2012.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 16º se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o artigo 15º).


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende, ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferenzas establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.


A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores e traballadoras) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.


A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.


Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais e que consideramos, salvando as distancias e diferenzas entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Asi mesmo, non podemos esquecer que se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia solicitan que as expresións “centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” do artigo 12 primeiro paragrafo e “centrais sindicais intersectoriais” do artigo 13 recollidas no texto do proxecto normativo sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”.


ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL SN DE CC.OO. DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 12º. Entidades beneficiarias.
A organización sindical SN de CCOO de Galicia solicita a inclusión neste artigo dun novo parágrafo coa seguinte redacción:

“As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación financiado con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado, e que deberá ser realizada consonte co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, os e as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta contratación poderá chegar ata o 100% do importe do plan.”

Segunda.- Artigo 13º. Subvención.
A organización sindical SN de CCOO de Galicia solicita que se substitúa a redacción actual deste artigo pola recollida na orde do exercicio anterior, quedando do seguinte xeito:

“A subvención para gabinetes técnicos de formación será, para cada unha das centrais sindicais a que se refire o artigo anterior e que a solicite vinte e cinco mil cincocentos sesenta euros (25.560 €). O resto do crédito que figura na citada aplicación orzamentaria destinarase ás centrais sindicais máis representativas que o soliciten, para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, en proporción ao número de representantes que tiveran o 31 de decembro de 2011.”






ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Artigo 9º.- Subvención.
A organización sindical UGT-Galicia entende que o segundo parágrafo deste artigo debería suprimirse, xa que se refire a outras centrais sindicais que non se consideran obxecto deste proxecto normativo.