ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 14 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o 30 de marzo de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de xaneiro de 2010, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta moi poucas novidades con respecto á orde publicada para o 2011. Pódense destacar as seguintes:

A subvención á creación directa de emprego estable (artigo 6º) outorgarase aos postos creados na Comunidade Autónoma de Galicia. Serán subvencionables os postos de traballo creados entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012.

Subvencionaranse as contratacións de persoal técnico de alta cualificación (artigo 7º) realizadas entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012.

Polo que respecta ao apoio á función xerencial (artigo 8º), poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012. Non serán subvencionables as medidas de apoio prestadas polas persoas socias ou empresas destas persoas da empresa que solicita a subvención.

As empresas que a 30 de setembro de 2011 non tiveran finalizado o primeiro ano de actividade, poderán solicitar o apoio á función xerencial polos gastos xerados desde o 1 de outubro de 2011 e ata o cumprimento do dito ano (artigo 8º).

En relación á axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (artigo 10º), destinarase a sufragar os gastos necesarios realizados entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012. As empresas que a 30 de setembro de 2011 non tiveran finalizado o primeiro ano de actividade poderán solicitar esta axuda polos gastos xerados desde o 1 de outubro de 2011 e ata o cumprimento do dito ano.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 16 de decembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e once consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), dúas consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo III).






DITAME 34/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de decembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo séguense a observar algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “beneficiarios” no artigo 16º.5) e o uso das barras (por exemplo: artigos 7º.2, 18º.5, 20º.3 e 22º.4), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.
No parágrafo cuarto faise referencia ao proxecto de orzamentos xerais para o ano 2012, proxecto que non está previsto que se publique ata finais de decembro de 2011 ou principios de xaneiro do ano 2012, polo que deberase ter en conta este aspecto cara á publicación deste proxecto normativo e facer referencia a “proxecto de lei” ou “lei”, segundo corresponda.

Ademais, este Comité considera oportuno, para un mellor seguimento dos orzamentos, que se inclúa unha referencia específica ao artigo deste anteproxecto de Lei.

Segunda.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Terceira.-  Artigo 9º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2012 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.

Cuarta.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Quinta.- Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír, entre os gastos subvencionables descritos no apartado 3 deste artigo, os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Sexta.- Artigo 12º. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2012.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sétima.- Artigo 14º. Documentación.
No apartado 2 letras a) terceiro ítem e b) segundo ítem deste artigo establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas de certificación  ou copia compulsada da documentación que se relaciona.

Este Comité considera que debería admitirse a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Oitava.- Artigo 16º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité considera o prazo excesivamente longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Novena.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo indícase que o importe das subvencións ou axudas non poderá ser tal que en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.

A mesma consideración maniféstase respecto ao artigo 21º.

Décima.- Artigo 19º. Exclusións.
No apartado a) deste artigo establécese que exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que os promotores da empresa solicitante desempeñen o control.

Este Comité considera que debería constar o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.



Undécima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 5º.a) e 6º.1, unha subvención á creación directa de emprego estable.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 5º.1 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

Segunda.
O proxecto normativo regula, no seu artigo 6º, a subvención á creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e no seu apartado 5 alude á contratación indefinida de persoas traballadoras por conta allea.

Sen prexuízo do manifestado na consideración anterior, as organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia  consideramos que a referencia ten que ser feita á contratación indefinida ordinaria.  

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de tres anos. Na orde do exercicio de 2006 este prazo era de cinco anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4º. Definicións.
O apartado 3 deste artigo establece que para os efectos das axudas a IEBTS terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Eliminouse como colectivo beneficiario as persoas traballadoras autónomas que, figurando inscritas como demandantes de emprego no SPE no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, reducíndose deste xeito o colectivo beneficiario en relación con convocatorias anteriores.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta, e, subsidiariamente, propón manter a redacción que se establecía en convocatorias anteriores ampliada aos traballadores por conta allea.

Segunda. - Artigo 5º. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 5 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 7º. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, cun máximo de 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 5 deste artigo, debendo indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social da persoa contratada.