ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 14 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento se tenderá ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e se prestará especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 25 de marzo de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de xaneiro de 2011, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo presenta moi poucas novidades con respecto á orde publicada para o 2011. Pódense destacar as seguintes:

Ao abeiro deste proxecto normativo subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que se formalicen desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012, ambos inclusive (artigo 1º).

Para os efectos deste proxecto entenderase como comunidade de bens ou sociedade civil de nova creación, aquelas que inicien a actividade empresarial desde a data do 1 de outubro de 2011, segundo a data en que se cause alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda (artigo 3º).

Suprímese como colectivo beneficiario da axuda excepcional para o financiamento dos primeiros gastos da actividade (artigo 8º) ás persoas traballadoras autónomas e profesionais cando a actividade empresarial ou profesional teña o seu domicilio fiscal nun concello rural.

Polo que respecta á subvención pola primeira contratación indefinida (artigo 9º), deberá ter data de inicio comprendida entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012, ambas datas incluídas.

Admítese a presentación electrónica das solicitudes de axudas e subvencións a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 11º).

As actuacións subvencionables ao abeiro do Programa para a promoción do emprego autónomo realizadas entre o 1 de outubro do 2011 e a data da publicación deste proxecto normativo poderán acollerse a estas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional (artigo 11º).

Elimínase como causa para o reintegro total da subvención concedida o suposto de despedimento declarado ou recoñecido improcedente da persoa traballadora subvencionada (artigo 20º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 16 de decembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada por UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I); unha consideración específica manifestada pola CIG (Anexo II) e oito consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III).





DITAME 35/11







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de decembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo séguense a observar algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “desempregados” nos artigos 4º.2.A e 5º.2.A e B) e o uso das barras (por exemplo: artigos 3º.IV e V e 5º apartados 1 parágrafo sexto e 2.D), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
No apartado 2 do artigo 3º, no apartado 1 do artigo 13º, así como no artigo 17º.1, establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No antepenúltimo parágrafo da exposición de motivos e na disposición adicional cuarta indícase que para o financiamento das axudas existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2012.

Este Comité considera que, como o proxecto de orzamentos xerais para o ano 2012 non está previsto que se publique ata finais de decembro de 2011 ou principios de xaneiro do ano 2012, deberase ter en conta este aspecto cara á publicación deste proxecto normativo e facer referencia a “proxecto de lei” ou “lei”, segundo corresponda.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1.a) deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queren mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Terceira.-  Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo aos socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance dos termos “autónomos colaboradores” para os efectos desta orde.

Cuarta.- Artigo 3º.- Definicións.
Na orde do exercicio 2010, no número VI do apartado 1 deste artigo definíase o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, facendo unha referencia ao salario mínimo interprofesional.

Este Comité solicita a inclusión de novo desta definición no proxecto normativo e, así mesmo, tendo en conta que para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras, este Comité considera que debería clarificarse neste apartado se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Quinta.- Artigo 3º.- Definicións.
Obsérvase que no número VIII do apartado 1 deste artigo suprimiuse a referencia á data da publicación no BOE do Real Decreto relativo ás cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2011 publicadas polo Instituto Nacional de Estatística, propoñendo este Comité que se volva a incluír neste proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 5º. Subvención financeira.
No terceiro parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os préstamos deben estar formalizados entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2012.

Este Comité considera que o disposto neste parágrafo entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo ou autónoma posterior a esa data, pero si a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial, polo que se propón a modificación desta disposición.

Sétima.- Artigo 8º. Axuda excepcional.
No apartado 2 deste artigo bótase en falta a inclusión, entre os colectivos beneficiarios da axuda excepcional, ás persoas traballadoras autónomas e profesionais, tal e como se recollía na orde do exercicio anterior. Este Comité propón que se volva a incluír ao dito colectivo neste proxecto normativo, en coherencia co establecido no apartado 3 deste mesmo artigo.

Oitava.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Novena.- Artigo 16º. Xustificación e pagamento.
Nos apartados 4 e 5 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse xa que supón unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Décima.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo e no artigo 19º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia coas concedidas.... ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Undécima.- Artigo 20º. Revogación e reintegro.
Obsérvase que neste proxecto normativo eliminouse un parágrafo no apartado 5 deste artigo respecto da orde do exercicio 2011, propoñendo este Comité que se volva a incluír o que nel se dispoñía: “Procederá o reintegro total da subvención concedida no suposto de despedimento declarado ou recoñecido improcedente da persoa traballadora subvencionada”.

Duodécima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG.


Ao longo de todo o proxecto normativo establécese que a finalidade deste programa é promover e axudar a financiar proxectos empresariais que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais fomentando a creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que as axudas para o fomento da creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada deberían concederse soamente para a contratación indefinida ordinaria.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG.

Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que a subvención pola primeira contratación indefinida é compatible, se é o caso, coas bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social, non podendo, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que, en lugar do limite establecido no citado apartado, debería constar que a subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira. – Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, considerando que deben ser beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Segunda. Artigo 3º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. VII deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados .... agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Terceira. - Artigo 5º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, parágrafo segundo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Cuarta. - Artigo 6º. Subvención para asistencia técnica.
No apartado 2 deste artigo establécese que os servizos de asistencia técnica poderán ser prestados por asociacións de traballadores e traballadoras autónomas con carácter intersectorial. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que este servizo pode ser prestado por calquera tipo de entidade que se adique profesionalmente á devandita tarefa, diferente das asociacións intersectoriais, ou por calquera ente que poida non ter ánimo de lucro.

Por último, deben especificarse cales son as garantías de solvencia profesional que se establecen para as persoas xurídicas ou físicas.



Quinta. - Artigo 7º. Subvención para a formación.
Respecto ao apartado 2 deste artigo, A Confederación de Empresarios de Galicia reitera o manifestado na consideración anterior.

Sexta. - Artigo 13º. Documentación.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que deberían especificarse no texto da orde, cáles son as garantías de solvencia profesional que se esixen nas letras c) e d) do apartado 2 deste artigo.

Sétima.- Artigo 14º. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Neste artigo establécense as normas de prelación que rexerán a concesión das axudas ás solicitudes beneficiarias.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que para a valoración das solicitudes deberían terse en conta tamén outros requisitos, como o volume de emprego que se poida xerar por cada iniciativa e a viabilidade da iniciativa establecida a través dun plan de viabilidade.

Oitava.- Artigo 17º. Obrigas dos beneficiarios.
A letra j) deste artigo esixe manter durante un período mínimo de dous anos a forma xurídica elixida  pola que se concedeu a subvención.

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que existe incoherencia entre esta obriga e a imposta no apartado a) deste mesmo artigo, que esixe a realización da actividade que fundamente a concesión da axuda durante tres anos como mínimo.