ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria para o exercicio do ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 19 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria para o exercicio do ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Obsérvase neste proxecto normativo, como principal novidade para o exercicio 2012, a esixencia do uso e a aplicación de medios telemáticos de cara a tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, como canle principal de relación da cidadanía coa administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 17 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2010, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 47/10.

O novo proxecto normativo presenta numerosos cambios con respecto á orde publicada para o 2011. Pódense destacar as seguintes:

Obsérvase unha diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º).

Diminúe o número de contratacións que lles corresponden aos concellos en función do seu número de habitantes (artigo 2º).

Aos efectos do cómputo da contía máxima subvencionable para cada concello beneficiario non se terán en conta as axudas para a contratación de mulleres vítimas de violencia (artigo 2º).

As entidades solicitantes deberán asumir o compromiso de garantir a inserción laboral posterior dun mínimo de persoas traballadoras desempregadas participantes no proxecto en función do número de prazas concedidas (artigo 3º).

Introdúcense como novos requisitos das obras ou servizos que se desenvolverán (artigo 4º), por unha banda, que sexan proxectos que contemplen profesións que favorezan a inserción laboral e, por outra, que a duración dos contratos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo ou doce meses no caso de contratacións a tempo parcial ata o 75%.

A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras que se van a contratar nos termos previstos no artigo 5º.

Os formularios de solicitude de axuda deberanse obter, cubrir, validar e presentar necesariamente en formato electrónico (artigo 6º).

Xunto coa solicitude deberá anexarse, tamén en formato electrónico, a documentación relacionada no artigo 7º. Forma parte da solicitude a declaración responsable da persoa titular da Secretaría da entidade local na que se fará constar, entre outros extremos, estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

Modifícase o baremo para a selección das obras ou servizos, valorándose con ata 15 puntos os proxectos que se realicen preferentemente nalgunha das actividades relacionadas cos novos xacementos de emprego recollidos e aqueles proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral en exercicios anteriores (artigo 8º).

Notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación (artigo 10º).

A entidade beneficiaria da subvención será a responsable de garantir que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa demandante estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego (artigo 11º).

As persoas traballadoras que foran contratadas, por un período igual ou superior a seis meses, con cargo ás axudas concedidas ao abeiro das ordes da Consellería de Traballo e Benestar, do 30 de decembro, de convocatoria dos programas de cooperación en colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio 2011, non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas neste proxecto normativo (artigo 11º).


Na relación da documentación necesaria para o aboamento da subvención (artigo 14º), engádese a obriga de presentar o certificado expedido pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba efectuar o pagamento e unha declaración complementaria de estar ao corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

Engádense como obrigas das entidades beneficiarias (artigo 15º), entre outras, comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención concedida e comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade.

Co fin de efectuar un seguimento axeitado da execución dos proxectos cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria deberá someterse ás obrigas relacionadas no artigo 16º.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria para o exercicio do ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.





O día 27 de decembro de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.














DITAME 37/11





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á convocatoria para o exercicio do ano 2012”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de decembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións ortográficas e da linguaxe en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico e das barras, polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe,  tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.

Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No décimo segundo parágrafo da exposición de motivos indícase que para o financiamento das axudas existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012.

Este Comité considera que, no momento da publicación oficial deste proxecto normativo, a referencia ao proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012 debería substituirse pola correspondente lei de orzamentos.


Segunda.- Artigo 2º. Financiamento.
Nos apartados 1 e 2 deste artigo obsérvase un fallo de concordancia dado que o texto se refire a “créditos consignados nas aplicacións”, cando neste proxecto normativos só hai unha aplicación orzamentaria, polo que debería utilizarse o singular e non o plural.

Terceira.- Artigo 2º. Financiamento.
Respecto do apartado 4 deste artigo, este Comité considera que contradí o establecido no apartado 3 respecto do reparto provincial de créditos, dado que a axuda se prevé directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado e inversamente coa evolución da poboación no citado período.

Así, este Comité considera que deben revisarse os tramos establecidos en función do número de habitantes, xa que se considera que non se está a producir un reparto proporcional, beneficiando claramente aos concellos máis pequenos (que supoñen o 80% do total dos concellos de Galicia) sen ter en conta que case o 50% da poboación galega se agrupa nas sete grandes cidades, sendo ademais, o número de persoas paradas (que é criterio de referencia) maior no caso destas últimas.

Por outra banda, consideramos que debería clarificarse o cálculo da axuda mínima disposta no último parágrafo deste apartado 4, xa que no proxecto normativo non consta a contía máxima establecida por unha contratación, senón a contía máxima disposta para cada concello.

Cuarta.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo establécese que para seren beneficiarias destas axudas as entidades solicitantes deberán asumir o compromiso de garantir a inserción laboral posterior das persoas traballadoras participantes no proxecto.

Este Comité considera que se debería substituir o referido compromiso de garantir polo de contribuir á inserción laboral das persoas participantes no proxecto, sen establecer límites en función do número de prazas concedidas, tendo en conta que existen outros programas da Consellería destinados á inserción laboral e que ademais o obxecto do proxecto normativo que se ditamina é proporcionarlles ás persoas traballadoras contratadas experiencia e práctica profesional, segundo dispón o seu artigo 1º.

O manifestado nesta consideración afecta ao contido da disposición adicional sexta do proxecto normativo.

Quinta.- Artigo 4º.- Requisitos das obras e servizos.
O apartado f) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.

Sexta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O apartado 5 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Sétima.- Artigo 8º. Procedemento.
No apartado 4 deste artigo aparecen as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 15º, letra j.

Oitava.- Artigo 9º. Resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva, segundo establece o apartado 1 do artigo 8º, este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 2 deste artigo 9º se debería contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non a partir da presentación da solicitude.  

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Novena. - Artigo 11º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 1 deste artigo establécese que será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de garantir que a persoa contratada, no momento do inicio da relación laboral,  figure inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego.

Este Comité considera que en lugar de garantir, a entidade beneficiaria debería comprobar.

Décima. - Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.