ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES


O día 19 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Segundo se establece na exposición de motivos do proxecto de orde, a política de colaboración con organismos públicos, universidades e institucións sen ánimo de lucro posibilita e contribúe o desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Obsérvase neste proxecto normativo, como principal novidade para o exercicio 2012, a esixencia do uso e a aplicación de medios telemáticos de cara a tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, como canle principal de relación da cidadanía coa administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 17 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2010, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 46/10.

O novo proxecto normativo presenta numerosos cambios con respecto á orde publicada para o 2011. Pódense destacar as seguintes:

Con respecto ao obxecto deste proxecto normativo (artigo 1º), para o exercicio 2012 suprímese a liña de axudas relativa á contratación de axentes de emprego e unidades administrativas de apoio.

Obsérvase unha diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º).

Para ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro deberán asumir, entre outros requisitos, o compromiso de garantir a inserción laboral posterior dun mínimo de persoas traballadoras desempregadas participantes no proxecto en función do número de prazas concedidas (artigo 3º).

Nos requisitos dos servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas (artigo 4º), introdúcese que, no caso de contratacións a tempo parcial, ata o 75%, a duración máxima das contratacións poderá estenderse ata os 12 meses.

A contía da subvención será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas traballadoras desempregadas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social conforme á escala recollida no artigo 5º.

Os formularios de solicitude de axuda deberanse obter, cubrir, validar e presentar necesariamente en formato electrónico (artigo 6º). Tamén se utilizarán medios electrónicos para a emenda de documentación, as alegacións ao trámite de audiencia e para a solicitude de modificación.

Xunto coa solicitude deberá anexarse, tamén en formato electrónico, a documentación relacionada no artigo 7º. Forma parte da solicitude a declaración responsable na que se fará constar, entre outros extremos, a ausencia de ánimo de lucro.

Modifícase o baremo para a selección dos proxectos presentados, valorándose con ata 30 puntos aqueles que acrediten un maior nivel de inserción laboral (artigo 8º).

Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 75 puntos, tendo en conta os números máximos de prazas, no caso das entidades sen ánimo de lucro, establecidos en función do seu ámbito territorial de actuación (artigo 8º).

Notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación (artigo 10º).

A entidade beneficiaria da subvención será a responsable de garantir que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa demandante estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego (artigo 11º).

Na relación da documentación necesaria para o aboamento da subvención (artigo 13º), engádese a obriga de presentar o certificado expedido pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba efectuar o pagamento e unha declaración complementaria de estar ao corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

Engádense como obrigas das entidades beneficiarias (artigo 14º), entre outras, comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención concedida e proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado.

Co fin de efectuar un seguimento axeitado da execución dos proxectos cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria deberá someterse ás obrigas relacionadas no artigo 15º.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 27 de decembro de 2011 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





DITAME 38/11



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2012”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de decembro de 2011, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións ortográficas e da linguaxe en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico ao longo do texto e na denominación dos cargos públicos (disposición final primeira) e a utilización das barras (arts. 1º, 3º, 5º e 8º), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe,  tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Terceira.
Este Comité observa que se exclúe deste proxecto normativo o programa de contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, que se consideran imprescindibles para acadar os obxectivos previstos na orde, polo que propón que ou ben que se inclúan ou ben que sexan obxecto dun proxecto normativo ad- hoc.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 2.c) deste artigo establécese que para seren beneficiarias destas axudas as entidades solicitantes deberán asumir o compromiso de garantir a inserción laboral posterior das persoas traballadoras participantes no proxecto.

Este Comité considera que se debería substituir o referido compromiso de garantir polo de contribuir á inserción laboral das persoas participantes no proxecto, sen establecer límites en función do número de prazas concedidas, tendo en conta que existen outros programas da Consellería destinados á inserción laboral e que ademais o obxecto do proxecto normativo que se ditamina é proporcionarlles ás persoas traballadoras contratadas experiencia e práctica profesional, segundo dispón o seu artigo 1º.

O manifestado nesta consideración afecta ao contido da disposición adicional sétima do proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 4º.- Requisitos das obras e servizos.
O apartado d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.  

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio anterior, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 5 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e pluses extrasalariais, xa que forman parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, tendo en conta, ademais, que noutros programas si teñen o carácter subvencionable.

Quinta.- Artigo 7º. Documentación.
No apartado 2.e) deste artigo establécese a obriga de presentar unha declaración responsable na que conste que existe disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

Este Comité solicita a eliminación desta obriga, polo menos para as entidades sen ánimo de lucro, posto que a entidade veríase obrigada a renunciar á subvención se non ten capacidade económica para costear unha parte dos custos de contratación. Ademais, por outra parte, hai que ter en conta que, en realidade, xa existe unha cofinanciación por parte da entidade, xa que as contías de subvención establecidas na orde non acadan os custos salariais reais efectivamente soportados e custos indirectos (subministracións, material administrativo, etc.).

Sexta. - Artigo 9º. Resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva, segundo establece o apartado 1 do artigo 8º, este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 2 deste artigo 9º se debería contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non a partir da presentación da solicitude.

Por outra banda, o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Sétima.- Artigo 11º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 1 deste artigo establécese que será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de garantir que a persoa contratada, no momento do inicio da relación laboral,  figure inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego.

Este Comité considera que en lugar de garantir, a entidade beneficiaria debería comprobar.

Oitava.– Artigo 11º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón cambiar esta frase dado que consideramos que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. Así, o texto quedaría “... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Consecuentemente, o punto 2 deste artigo tamén sufriría unha modificación na redacción e quedaría como segue: “2. Conforme o establecido no apartado anterior, as persoas traballadoras que...”.

Novena. - Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Décima.- Artigo 13º. Xustificación e pagamento.
Este Comité observa a existencia de erros na numeración dos apartados deste artigo.

Décimo primeira.- Artigo 14º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo aparece a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Décimo segunda.- Artigo 15º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2. II.a) deste artigo establécese que as entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Este Comité considera necesario que se especifique neste apartado que gastos son os que deben asentarse na contabilidade separada, se soamente aqueles que son subvencionables ou todos os que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.