ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 23 de decembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da Orde publicada no DOG o día 2 de marzo de 2011 e o ditame emitido polo Consello con data 13 de xaneiro de 2011, obsérvase que foron aceptadas dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no ditame 3/11.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

A novidade máis destacada é a supresión deste proxecto normativo da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, ao estar xa regulada por Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 11.10.2011 (DOG do 18/10/2011).
Incorpórase, no artigo 3º.1, un parágrafo, que establece que, para a determinación do tipo de discapacidade psíquica, terase en conta a incapacidade en que o certificado do organismo competente para o seu recoñecemento, o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Ministerio de Economía e Facenda ou o Ministerio de Defensa, recolla a concorrencia de parálise cerebral, de enfermidade mental ou persoa con discapacidade intelectual. Así mesmo, nestes casos a acreditación do grao de discapacidade superior ao 33% realizarase mediante a resolución ou certificado de recoñecemento do órgano competente da Administración autonómica que corresponda.

Modifícase o artigo 11º, no seu apartado 5, establecendo que o órgano xestor proporá conxuntamente coa resolución de concesión un pagamento anticipado do 80% do total da subvención concedida, con carácter previo á xustificación, a aquelas entidades que teñan presentada a documentación esixida para o pagamento a conta das mensualidades de outubro, novembro, decembro e segunda paga extra do ano 2011, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

Suprímese da base sétima do anexo B, que regula o programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, o apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata  50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.




O día 3 de xaneiro de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral unánime e nove consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e outra específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG.





DITAME 1/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de decembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xaneiro de 2012 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións ortográficas e de sintaxe, como, por exemplo, no artigo 11º.4 “justificación” en lugar de “xustificación”e a repetición da preposición “para” no apartado 4.d) da base quinta do anexo A, polo que propón a súa revisión.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No penúltimo parágrafo da exposición de motivos indícase que a convocatoria desta orde tramítase anticipadamente por existir crédito suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Este Comité considera que a referencia ao proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012 hai que facela á Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autóno¬ma de Galicia para o ano 2012.  

Segunda.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Terceira.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 14º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia con outras subvencións.... ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Cuarta.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité considera que debería especificarse expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Quinta.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base novena do Anexo B, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Sexta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Sétima.- Anexo A. Quinta. Solicitudes e documentación.
No apartado 4, letra d) e no apartado 6, letra f), desta base, esíxese a presentación de “balance de situación e conta de perdas e ganancias provisionais para o exercicio corrente e os dous próximos”.

Este Comité sinala a escasa claridade destas disposicións, posto que os balances provisionais son estados contables futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.

Se coa expresión “balance de situación” o proxecto normativo estase a referir ao orzamento, así debería mencionarse expresamente nestas disposicións.

Oitava.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior.

Este Comité considera que deberían esixirse titulacións da rama social para acceder á categoría de persoal técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Novena.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, compostas por persoas profesionais técnicas e por persoas encargadas de apoio á produción.

Este Comité considera que debería regularse con maior concreción a figura de “persoas encargadas de apoio á produción”.

ANEXO


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:


O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amosános a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.



Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Anexo B.- Base sétima.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a súa disconformidade coa supresión do apartado 2 desta base, que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata  50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, propoñendo que se reincorpore ao proxecto normativo.