ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/11

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2012.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, correspondentes ao exercicio de 2012, ao abeiro do disposto na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, que regula o subsistema de formación profesional para o emprego. Este Real Decreto contempla a formación de oferta entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 30 de decembro de 2010, publicada no DOG o 7 de xaneiro de 2011, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de novembro de 2010 (ditame 43/10), obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Como principais novidades no actual proxecto normativo, destácanse as seguintes:

Polo que se refire ás entidades beneficiarias (artigo 2º), poderán participar na vía de programación 1a do artigo 15º aqueles centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, naquelas especialidades que teñan inscritas ou acreditadas á data de publicación deste proxecto normativo. Na vía de programación 1b do artigo 15º, elimínanse como entidades beneficiarias as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación e, por outra banda, establécese como límite para os centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego que só poderán solicitar especialidades da mesma familia na que teñan especialidades inscritas ou acreditadas.

Engádese a posibilidade de presentación electrónica das solicitudes de participación (artigo 3º).

Nas vías de programación 1a, 2 e 3 do artigo 15º, cada entidade presentará un único anexo I por vía de programación, no que se incluirán todas as accións formativas solicitadas en cada unha das vías. No caso da vía de programación 1b do artigo 15º, haberá que presentar un anexo I por cada unha das provincias nas que se formule solicitude, podendo solicitar ata un máximo de tres accións formativas (artigo 3º).

Para as vías de programación 1b e 2 do artigo 15º, introdúcese a obriga de que as entidades solicitantes estean inscritas ou acreditadas de forma provisional no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego e, se é o caso, a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia. Na relación da documentación que deben achegar as entidades solicitantes, suprímense os planos oficiais dos inmobles e instalacións (artigo 3º).

Polo que se refire ao prazo de presentación das solicitudes, será dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación deste proxecto normativo para as vías de programación 1a e 1b do artigo 15º, ata o 30 de xuño para a vía de programación do artigo 15.3 e ata o 30 de abril para a vía de programación do artigo 15.2 (artigo 3º).

Modifícase o baremo dos criterios para avaliar as solicitudes das vías de programación 1a e 1b, valorándose con 20 puntos o compromiso de inserción laboral do alumnado sempre que se refira a dous participantes da acción formativa por un período mínimo de seis meses nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida e, no relativo á experiencia e xestión do centro, outorgarase un máximo de 25 puntos. Por outra banda, elimínase a valoración do compromiso a facer prácticas profesionais non laborais nas empresas e, introdúcese a penalización con ata 5 puntos negativos a aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de prácticas e con ata 15 puntos negativos ás entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción, referidos en ambos casos á convocatoria anterior (artigo 4º).

No relativo á resolución de concesión da subvención, engádese a obriga de que a dita resolución fixe expresamente a contía destinada ao pagamento das axudas ao alumnado (artigo 5º).

Polo que se refire ao pagamento da subvención, introdúcese a posibilidade de acordar pagos parciais a conta da liquidación definitiva a medida se xustifiquen os gastos ou pagamentos realizados, cun máximo do 80% da subvención concedida (artigo 11º).

Engádense as axudas para as mulleres vítimas de violencia de xénero durante o tempo de participación nunha acción formativa, compatibles co resto das axudas ao alumnado (artigo 22º).

Obsérvase un aumento dos importes dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Disposición Adicional Primeira).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2012” consta de : Exposición de Motivos, tres títulos, trinta e sete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 5 de decembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e trinta e seis específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén así mesmo doce anexos coas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola Confederación de Empresarios de Galicia

DITAME 30/11

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2012”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de decembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Linguaxe en materia de xénero.

Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (especialmente significativo na utilización de alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, debendo terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Segunda.- Sobre a oferta formativa e programación.

O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois aínda que o Decreto 106/2011, de Inscrición e acreditación, foi publicado en xuño de 2011, a administración non está a responder de xeito áxil ás solicitudes de novas homologacións, máxime no momento actual, que están a saír publicados un volume importante de novos certificados de profesionalidade, derrogando moitas das especialidades que as entidades tiñan acreditadas. Así mesmo, deberíase ter en conta, no carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción laboral.


O Anexo IV de prioridades formativas modifica cada ano as especialidades prioritarias comarcais, (tamén para os certificados 2008), polo que as entidades que realizaron o esforzo inversor, para acreditarse nos novos certificados de profesionalidade, atópanse cunha grande inseguridade pola falta de permanencia no tempo destas especialidades como prioritarias. As prioridades comarcais deberían ser por familias e áreas profesionais, e cuns tempos mínimos de estabilidade.

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta a posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Deberíase adiantar o inicio das actividades formativas de modo que os cursos con maiores horas lectivas se poidan desenvolver sen ter que sobrecargar o alumnado de horas.

Ademais, debería contemplarse a posibilidade de facer convocatorias de carácter bianual co obxecto de facer unha programación máis axeitada en horarios e necesidades de formación.


Terceira.- Aplicación SIFO e xestión administrativa.

Este Comité considera que se debería continuar traballando na mellora da aplicación SIFO para simplificar os procesos, coa finalidade de axilizar os traballos nos centros e garantir o seu funcionamento en todo momento, evitando a introdución manual de calquera tipo de dato por parte dos centros.

Ademais debería estar moi claro, para evitar problemas de incompatibilidade, que debe ser o Servizo Público de Emprego o organismo encargado do recoñecemento e pagamento das axudas (tamén a axuda de transporte que na actualidade recoñece a entidade de impartición), xa que é o propio servizo o que ten a información das axudas percibidas pola persoa asistente aos cursos.


Cuarta.- Garantía de financiamento ás entidades.

Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, deberíase garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. - Exposición de motivos.
Obsérvase que a contía do financiamento das axudas previstas, tal e como figura no penúltimo dos parágrafos desta Exposición de motivos, aínda que se incrementa ao redor dun 3% con respecto á do ano 2011, queda por debaixo dos niveis do 2009.

Este Comité considera que este incremento debería ser maior para acadar o obxectivo das axudas: procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar o esforzo económico e máis tendo en conta o aumento do desemprego.  

Segunda. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, deberíase incluír entre estas vías de acceso, unha vía específica para as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.

Terceira. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
No apartado 1.a) establécese que poderán participar na vía de programación 1.a do artigo 15º “Todos aqueles centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, naquelas especialidades que teñan inscritas ou acreditadas á data de publicación desta orde”.

Este Comité considera que debe permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Cuarta. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Con respecto á vía de programación 1.b, este Comité entende que se deberían poder solicitar accións de especialidades de familias distintas ás que estea o centro inscrito ou acreditado sempre que teñan os mesmos requisitos de instalacións e dotacións.

Quinta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No último parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que na vía prevista no artigo 15º.1.b, as entidades só poderán solicitar ata un máximo de tres accións formativas por localidade.

Este Comité solicita que se manteña a redacción da orde do exercicio pasado na que o máximo de accións formativas era de catro.

Sexta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2.b), establécese que establécese que as solicitudes deberán ir acompañadas de fotocopia compulsada do CIF da entidade.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a copia cotexada.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 6º.3.d).

Sétima.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado, 2.h) indícase que cando as especialidades formativas se correspondan cos novos certificados de profesionalidade, deberán achegar convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.
Este Comité considera que debe achegarse un compromiso da entidade de realizalas, pero os convenios deberían presentarse cando a acción formativa estivera concedida para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Oitava.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2.j), establécese que xunto coa solicitude se acompañe a xustificación documental de ter inserido laboralmente ao alumnado de anteriores convocatorias. Este Comité considera que debería quedar máis claro e concretarse o procedemento que teñen os centros de xustificar o dito compromiso. Ademais hai que ter en conta que parte do alumnado pode optar polo autoemprego.

Novena.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
Neste artigo aparece a letra j, que é impropia da lingua galega, polo que se debería substituir pola seguinte que corresponda.

Décima.- Artigo 4º. Procedemento.
Para a elaboración do Anexo IV referido neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresarial na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas no referido Anexo IV, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

Décimo primeira.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado d) deste artigo establécese que “A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso”.

Este Comité considera que deberíase substituír este texto por: “Considerarase inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”



Decimo segunda.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 4.g) deste artigo valórase con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas. Este Comité propón que se valore con 10 puntos o emprego efectivo e verificable da lingua galega.

Decimo terceira.- Artigo 4º. Procedemento.
No antepenúltimo parágrafo do punto 4 deste artigo establécese que “O cumprimento do compromiso de inserción laboral de alumnos formados valorarase só respecto daqueles alumnos que non tivesen ningún tipo de relación laboral nin co centro de formación nin coa empresa onde se realizará a inserción”.

Este Comité considera que o texto debería ser o seguinte: “O cumprimento do compromiso de inserción laboral de alumnos formados valorarase só respecto daqueles alumnos que non tivesen previamente ningún tipo de relación laboral nin co centro de formación nin coa empresa onde se realizará a inserción”.

Decimo cuarta.- Artigo 4º. Procedemento.
Con respecto ao compromiso de inserción establecido no punto 3 deste artigo, este Comité considera que se debería considerar como límite de inserción ata un período de 6 meses posterior á finalización do curso.

Decimo quinta. – Artigo 5º. Resolución.
O apartado 5 deste artigo establece que a resolución deberá producirse no prazo de seis meses. Este Comité propón que este prazo se reduza a tres meses.

Decimo sexta.- Artigo 6º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No penúltimo parágrafo do apartado 3.d) deste artigo establécese que a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2012.

Este Comité considera que os prazos, na práctica, resultan moi axustados, polo que suxire que se debería flexibilizar o período de xustificación, sendo este como máximo de 15 días seguintes á finalización do último curso.

Decimo sétima.- Artigo 6º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 19 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.

Décimo oitava.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora mínimo en concepto de docencia, estipulándose como mínimo no 35% do custo da acción formativa, tendo como límite o prezo de mercado.

Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo.
Por exemplo, de manterse como establece o referido apartado, nun curso de soldadura tipo de 900 horas habería que destinar a custos salariais da persoa docente un mínimo de 47.250 €, o que suporía o 44% do total dos custos directos.

Decimo novena.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría, impedindo na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, e provocando na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Vixésima.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado I. 2. relativo a gastos de medios didácticos, establécese que deberán presentarse debidamente desglosados e imputaranse polo número de participantes no caso de uso individual dos equipos ou plataformas; noutro caso imputaranse por horas de utilización. Este Comité propón a eliminación da imputación por horas de utilización.

Vixésimo primeira.- Artigo 10º. Subcontratación.
Dado que a contratación de persoal laboral nunca se debe de considerar subcontratación, este Comité considera que se debería modificar a redacción da segunda frase deste artigo do seguinte xeito: “A contratación de servizos para a impartición de docencia directa dos cursos non se considerará subcontratación”.

Vixésimo segunda.- Artigo 11º. Pagamento.
No apartado 1.a) deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o  70% da subvención concedida. Obsérvase que no pasado exercicio redúcese do 80% ao 70%, polo que este Comité considera que debería manterse, como mínimo, o 80% anterior. Non obstante, aínda coñecendo a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxerimos que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100, anticipo este que xa establece a norma estatal.

Vixésimo terceira.- Artigo 11º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 3 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas do alumnado, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha clara relación coa acción formativa a impartir.

Vixésimo cuarta.- Artigo 11º. Pagamento.
Con respecto aos avais e garantías esixidas no apartado 3 deste artigo, este Comité considera que os custos derivados da presentación de avais e garantías deben ser elixibles.


Vixésimo quinta.- Artigo 11º. Pagamento.
Este Comité solicita que se aclare as condicións de levantamento dos avais aos que se refire o punto 3 deste artigo.

Vixésimo sexta.- Artigo 15º. Vías de programación.
No apartado 1.b) deste artigo prevese que se poidan solicitar as especialidades formativas do anexo IV desta orde por esta vía cando non exista centro homologado. Coa finalidade de dar mellor cumprimento ao obxectivo deste precepto, este Comité propón unha nova redacción da primeira frase deste apartado : “As especialidades formativas recollidas no anexo IV , onde non exista centro inscrito ou acreditado ou existindo non fose concedida algunha en número suficiente para cubrir a demanda formativa.”

Vixésimo sétima.- Artigo 15º. Vías de programación.
O apartado 2 regula os convenios como unha posible vía de programación. Tendo en conta que esta vía é suplementaria da outra, este Comité considera que se debería concretar neste artigo que só se poderán celebrar convenios con entidades sen ánimo de lucro que non participen polas vías 1.a ou 1.b. Así mesmo, propón que se fixe unha porcentaxe non superior ao 10% do financiamento para esta modalidade.

Vixésimo oitava.- Artigo 17º. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 3 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións. Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.

Vixésimo novena.- Artigo 18º. Selección dos alumnos e das alumnas.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente. Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Trixésima.- Artigo 18º. Selección dos alumnos e das alumnas.

No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas a traballadores e traballadoras ocupados, que o tiveran solicitado. Este Comité considera que non se debe limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, suxerindo a eliminación do termo “ocupados”.

Trixésimo primeira.- Artigo 21º. Módulos transversais.

No apartado 8 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”. Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Trixésimo segunda.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.
No apartado 5.1 establécese que o alumnado terá dereito a percibir unha bolsa consistente no 75% do IPREM diario. Este Comité considera necesario modificar a norma de xestión destas bolsas para que o pagamento sexa xestionado directamente pola Administración, tal como se solicitou con ocasión do ditame por este Comité da dita norma de xestión.
Asemade, o actual sistema está a xerar problemas de índole fiscal ás entidades en canto ás obrigas tributarias derivadas destes pagamentos.

Trixésimo terceira.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.
No último parágrafo do apartado 5.1 establécese, como novidade, que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á perda deste dereito.

Trixésimo cuarta.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.

No apartado 5.2.a) establécese unha axuda de transporte ao alumnado que utilice a rede de transporte público.

Este Comité considera que, co obxecto de unificar o criterio para os efectos do desprazamento con independencia de que se utilice o transporte público ou non, deberíase substituir esta axuda por unha bolsa de asistencia como en anteriores convocatorias. Subsidiariamente, caso de que permaneza esta axuda para este pagamento, cómpre establecer un método de xustificación axeitado, práctico e viable.

Por outro lado, na última frase do apartado 5.2.b) debería especificarse que se trata de  0,10 euros por quilómetro percorrido.

Trixésimo quinta.- Artigo 24º. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% da especialidade formativa”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Triséximo sexta.- Anexo V.

O anexo V ao proxecto de orde, segundo o seu artigo 4º.4.c), débese aportar como compromiso de realización de prácticas non laborais en empresas. Aínda que se acurtou o prazo de xeito significativo, este Comité considera que sería máis idóneo informar concretamente en que empresas está prevista a realización das prácticas. Así mesmo, no modelo do Anexo V, polas razóns xa expostas, se debería trocar a frase “Empresa/s con que se conveu a realización das prácticas” por: “Empresa ou empresas nas que está prevista a realización das prácticas”.

  Ver ditame completo incluíndo os anexos