ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES


O día 3 de febreiro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

No programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria increméntanse os importes das axudas pola contratación indefinida, coa finalidade de favorecer especialmente o emprego das mulleres con discapacidade, das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral, das persoas con discapacidade nas pequenas empresas e naquelas con centros de traballo no rural galego.

As subvencións pola contratación das persoas con discapacidade establecidas nesta orde, en concorrencia coas bonificacións das cotas á Seguridade Social, resultan un apoio á obriga legal sobre a cota de reserva a favor das persoas con discapacidade.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da Orde publicada no DOG o día 30 de marzo de 2011 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de febreiro de 2011, obsérvase que foi aceptada algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no ditame 7/11.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

A novidade máis destacada deste proxecto normativo é a supresión das subvencións das actuacións complementarias como son a prospección laboral e o período de formación da persoa apoiada previa á súa contratación na empresa.

Polo que se refire ás solicitudes de axudas e subvencións (artigo 6º), admítese a súa presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Modifícase o prazo de inicio das contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo (letra c) do apartado 2 do artigo 6º).

Polo que se refire á xustificación do pagamento dos gastos (artigo 10º), engádense como medios de acreditación a certificación bancaria e o extracto bancario de pagamento.

Por outro lado, obsérvase unha diminución xeneralizada dos importes das aplicacións orzamentarias correspondentes ao Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (Disposición adicional sexta).

Ao abeiro da orde de convocatoria para o ano 2012 a data de inicio para as contratacións subvencionadas será o 1 de outubro de 2011 (Anexo A - Primeira.3).

Na documentación para as axudas do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (Anexo A - Oitava.1), a declaración da empresa sobre os custos salariais da persoa traballadora contratada deberá referirse a tres anualidades.


Para o caso de que se soliciten os incentivos pola transformación en indefinido dun contrato temporal que fose subvencionado ao abeiro dos programas de fomento da contratación temporal e a súa conversión se produza con anterioridade á súa duración mínima inicial subvencionable, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía os incentivos pola transformación do contrato en indefinido (Anexo A - Décima.2).

Na regulación do obxecto do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (Anexo B – Segunda) suprímese o apoio na posta en marcha de novos proxectos de emprego con apoio mediante subvencións para o desenvolvemento de plans de prospección laboral e no proceso de formación práctica na empresa previa á contratación.

Por outra banda, elimínase a axuda en concepto de custos de desprazamento cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios en centros de traballo ou empresas de distintos concellos (Anexo B – Novena).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaseis artigos, nove disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.


O día 13 de febreiro de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais unánimes e dez consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo II).


DITAME 2/2012



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2012 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico e o uso xeral das barras, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité non pode compartir a importante minoración do orzamento adicado á integración laboral das persoas con discapacidade, que supón un recorte de case o 64% en dous anos.

Terceira.
Obsérvase a supresión no proxecto normativo das subvencións ás asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro para promover proxectos de emprego con apoio e das subvencións para financiar o desenvolvemento de plans de prospección laboral.

Este Comité non está conforme coa supresión destas subvencións e propón que se volvan a regular no proxecto normativo, considerándose imprescindibles o apoio ás persoas con discapacidade no proceso de formación práctica na empresa previa á contratación e as actuacións de prospección laboral consistentes na promoción, difusión, asesoramento, busca activa, selección, entrevista e consulta e información ás potenciais entidades empregadoras dos traballadores e traballadoras con discapacidade cuxa inserción laboral se persegue.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 6º. Solicitudes e prazos.
No apartado 4 deste artigo faise referencia á páxina web da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Este Comité considera que debería figurar o enlace completo ás solicitudes e aos anexos que aparecen na páxina web.

Segunda.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses, agás as de concorrencia competitiva (Anexo B) nas que se debería establecer un prazo de tres meses desde o último día de presentación de solicitudes.

Terceira.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 13º, faise referencia á obtención concorrente de axudas ou subvencións “outorgadas por entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Cuarta.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Quinta.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base oitava do Anexo A e na décima do Anexo B, utilízanse nas clasificacións as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Sexta.- Disposición derradeira primeira (sic).
Obsérvase un erro no encabezado destas disposicións no que  figura o título “Disposición derradeira primeira”, cando o correcto sería “Disposicións derradeiras” (sic), considerándose que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Sétima.– Anexo B. Sexta. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.
A letra f) do apartado 1 desta base dispón que no proxecto de emprego con apoio deberá constar “o nomeamento, por parte da empresa que vai contratar aos traballadores con discapacidade, entre o seu persoal, da figura do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores laborais, e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa”.

Tendo en conta os labores a desempeñar pola figura da persoa coordinadora, este Comité suxire que se esixa como requisito necesario a posesión dunha titulación universitaria da rama social.

Oitava.- Anexo B. Oitava. Preparadores laborais.
O apartado 1 desta base establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores laborais, os cales deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de preparador ou preparadora laboral son a do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Novena.- Anexo B. Décima. Documentación.
Na relación da documentación para a subvencións do programa de emprego con apoio non aparece a letra ñ, considerando que debería estar incluída.

Décima.- Anexo B. Décimo segunda. Pagamento e xustificación.
No apartado 3, letra a) desta base, esíxese a presentación da copia das nóminas e documentos bancarios de transferencia que acrediten o seu pagamento.

Este Comité considera que, ademais da transferencia bancaria, se deberían ter en conta os demais medios legais existentes para o pagamento dos salarios.

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.



Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.



Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité non consideran unha medida de mellora o fomento da contratación temporal, xa que non se está a fomentar unha verdadeira integración estable das persoas pertencentes aos colectivos sinalados, funcionando máis como un programa de formación ou prácticas, cunha periodicidade anual.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A. Sexta. Subvención pola contratación temporal.
No apartado 1, parágrafo 2º desta base, establécese que a duración inicial mínima da contratación temporal é de 12 meses.

A organización empresarial que integra este Comité considera que a duración mínima do contrato de duración determinada debería ser de 6 meses, ao igual que o disposto na base cuarta do Anexo B.

Segunda.- Anexo B. Cuarta. Persoas destinatarias finais.
A CEG non comparte a eliminación, no apartado 2 desta base, do disposto en ordes de exercicios anteriores respecto á duración da xornada de traballo, polo que propón que se recupere o referido apartado, que dicía textualmente: “No suposto de contratación a tempo parcial, a xornada de traballo será polo menos do 50% da xornada dun traballador a tempo completo comparable”.