ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/12

Ditame sobre o anteproxecto de lei de inclusión social de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo anteproxecto de lei de inclusión social de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado anteproxecto normativo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo dispón o artigo 27.23 do seu Estatuto de Autonomía, ten competencia exclusiva en materia de servizos sociais e facendo uso desa atribución regulou e desenvolveu o Sistema Galego de Servizos Sociais. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia define os servizos sociais como servizo público, destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á  participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan, entre outros obxectivos, “facilitar recursos e itinerarios de integración social a quen se atopa en situación ou risco de exclusión social”. A raíz dos acordos acadados no marco galego de diálogo cos axentes sociais, os poderes públicos galegos impulsaron e desenvolveron un conxunto de prestacións e medidas enfocadas directamente á loita contra a pobreza e a exclusión social. Así, aprobouse no Parlamento de Galicia a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, na que se crearon a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) e as denominadas Axudas de Emerxencia Social. Esta lei foi, á súa vez, adaptada e modificada sucesivamente mediante a Lei 1/1999, do 5 de febreiro, e a Lei 16/2004, de 29 de decembro.

A RISGA creada pola referida Lei 9/1991 configurouse coma un dereito recoñecible que se desdobraba en dous aspectos inseparables: atender necesidades básicas mediante unha prestación económica condicionada ao cumprimento dun proxecto de inserción.

A avaliación realizada no seo da Mesa Autonómica de Seguimento e Avaliación da RISGA e en varios grupos de traballo de expertos a partir da posta en marcha do segundo Plan de inclusión social, deron lugar ás primeiras propostas de reforma, partindo dos perfís específicos das persoas beneficiarias de longa e curta percepción e da experiencia acumulada polo persoal tramitador provincial, polos servizos sociais comunitarios básicos e polos equipos técnicos do plan de inclusión.

Así mesmo, a disposición adicional cuarta da Lei 13/2008 incorpora o compromiso de revisar a normativa da Renda de Integración Social de Galicia.

Así, xunto coa nova Renda de Inclusión Social de Galicia e as Axudas para a Inclusión Social, incorpórase neste anteproxecto de lei unha referencia ás empresas de inserción e establécense accións positivas para o acceso aos beneficios derivados dos incentivos á contratación, á formación ocupacional, aos programas mixtos de emprego-formación e ao proceso de cualificación mediante certificación da experiencia e da formación non formal. Tamén, como aspectos novidosos, regúlanse o selo distintivo de empresa inclusiva e as bases para actuacións en zonas especiais.

Estamos diante dun anteproxecto de lei que integra:

- As prestacións económicas de activación/inserción vinculadas a itinerarios de traballo social e formativo personalizado e que se desenvolven desde os servizos sociais comunitarios.

- Os itinerarios de inserción laboral e o marco de estímulo e promoción do emprego con colectivos de difícil inserción que se desenvolve desde a Administración laboral galega (políticas de acción positiva, nomeadamente as empresas de inserción e os estímulos á creación de emprego destes colectivos).

Así, no título preliminar establécese o obxecto da proxecto normativo, indicando o alcance xeral dos dereitos que se regulan e defínese o ámbito subxectivo.

Nos títulos I e II regúlanse a Renda de Inclusión Social de Galicia e as Axudas de Inclusión Social.

O título III recolle os diferentes instrumentos para facer efectiva a inclusión activa das persoas beneficiarias das prestacións e regula o plan de inclusión social e a rede de equipos de inclusión sociolaboral.

No título IV establécense os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

O título V regula a declaración de Zona de Intervención Social Especial, establecendo criterios xerais de coordinación para a actuación en áreas urbanas ou periurbanas nas que se acredite unha concentración significativa e anómala de situacións de exclusión social.

No título VI, adicado á coordinación e participación, establécense como órganos de control e seguimento o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais, aos que se lles atribúe a avaliación da execución dos programas de inclusión social. Así mesmo, tamén se prevé unha Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social como órgano de coordinación dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia que incidan na mellora do benestar da cidadanía galega.

Finalmente, no título VII defínense as competencias da Xunta de Galicia e dos concellos nesta materia.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Lei de inclusión social de Galicia” consta de: Exposición de motivos, un título preliminar e sete títulos numerados, setenta e nove artigos, tres disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras (sic).

O día 24 de febreiro de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia.






DITAME 3/2012



En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto de “Lei de inclusión social de Galicia”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de febreiro de 2012 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que debería incluírse na exposición de motivos a referencia á consulta ao Consello Galego de Relacións Laborais polo que se refire ao contido laboral deste anteproxecto de lei.

Segunda.- Artigo 2º. Ámbito subxectivo.
No apartado 2 deste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Terceira.- Artigo 29º. Impugnación.
No apartado 3 deste artigo obsérvase un erro de sintaxe no uso da preposición na expresión “... os efectos económicos desta retrotraeranse desde o día seguinte...” cando o correcto sería “ata o día seguinte”.

Cuarta.- Disposición transitoria terceira.
Este Comité entende que a través desta disposición establécense criterios discriminatorios entre unhas e outras persoas beneficiarias da RISGA polo que propón a súa supresión.

En consecuencia co anterior, deberíase modificar na parte III da exposición de motivos o número de disposicións transitorias que contén o anteproxecto de lei, pasando a ser dúas.

Quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

Primeira.
A CEG e as organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia non atopan xustificación por parte da Administración para a modificación do texto deste anteproxecto de lei respecto do que figuraba nos Acordos asinados polo presidente da Xunta e os axentes sociais presentes no Diálogo Social o pasado 24 de xaneiro. De xeito particular, hai que incidir na inclusión da disposición transitoria terceira, disposición que non aparecía na versión asinada.

Segunda.
Neste mesmo sentido, tampouco se entende a modificación das contías da memoria económica respecto das que figuraban no cadro económico dos Acordos asinados o 24 de xaneiro.