ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA RESOLUCIÓN POLA QUE SE DESENVOLVE A ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DOS CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTES Ó EXERCICIO DE 2003.

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Resolución pola que se desenvolve a Orde pola que se establece a convocatoria pública para a Programación dos cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 2003, remitida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en data  31 de outubro de 2002, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 11 de novembro dos correntes, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:



1. Artigo 1ºe) Selección de alumnos.

Este precepto, no seu apartado e), regula o procedemento para realizar convocatoria pública mediante anuncio, no caso de que no prazo establecido a oficina de emprego non remita demandantes ou os enviados sexan insuficientes. No seu último parágrafo establécese a obriga de darlle conta desta selección á oficina de emprego correspondente.

Este Comité, co obxecto de dar por cumprida a devandita obriga, PROPÓN engadir unha precisión ó último parágrafo, quedando a súa redacción como segue: “Desta selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos, mediante a presentación de anuncio en prensa no modelo indicado, solicitando o seu visto e prace, de conformidade co previsto no artigo 11º.3 desta Resolución.”

2. Artigo 2º. 4 Proxectos formativos con compromiso de contratación.

Respecto deste artigo, quérense facer varias consideracións.
En primeiro lugar, este precepto, no seu parágrafo introductorio, establece como se debe acredita-lo cumprimento do requisito establecido na Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP de non reducción do número total de traballadores da empresa, nin o numero total de traballadores con contrato indefinido.

No dictame que fixo o Comité Delegado relativo á citada Orde, como anexo das organizacións sindicais, propúxose que “só poderán impartir proxectos formativos con compromiso de contratación aquelas empresas que, tendo a taxa de estabilidade media de Galicia, non reducisen o número total de traballadores, nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude, agás que se trate de empresas de nova creación ou de empresas que tiveran un expediente de regulación de emprego nese período. Así mesmo deberán xustificar que non reduciron o número de traballadores con contrato indefinido nin o número total de traballadores da empresa durante a realización do curso.” En consecuencia, este Comité PROPÓN dar unha nova redacción ó primeiro parágrafo do apartado 4 do artigo 2º que quedaría como segue: “O cumprimento do requisito de que a empresa deberá acreditar que acada a taxa de estabilidade media de Galicia no momento da solicitude, así como o de non reducción do número total de traballadores da empresa, nin o numero total de traballadores con contrato indefinido, acreditarase do seguinte xeito:” (segue o texto do apartado a) que se relaciona a continuación).

En segundo lugar, o apartado 4. a) establece que no momento da solicitude presentarase o anexo III, debidamente cuberto, no que figurará o número de traballadores da empresa, tanto con contrato indefinido como totais, dos 13 meses inmediatamente anteriores á data de solicitude do curso.

Este Comité considera, por unha parte, que respecto da xustificación dos traballadores habería que presentar o número de altas e baixas nos últimos 13 meses, mes a mes. Por outra parte, considérase necesario que o devandito anexo III sexa acompañado do informe dos representantes legais dos traballadores, en caso de existir.

En consecuencia co anteriormente exposto, este Comité PROPÓN a seguinte redacción do apartado 4.a) do artigo 2º: “No momento da solicitude da acción formativa presentarase o anexo III debidamente cuberto e acompañado dun informe dos representantes legais dos traballadores, en caso de existir, debéndose presentar así mesmo o número de altas e baixas de traballadores da empresa, tanto con contrato indefinido como totais, dos últimos 13 meses, mes a mes.”


3. Artigo 6º. Gastos imputables ó módulo A.

Este precepto, no seu parágrafo segundo, establece un límite do 20% ós gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente imputables ó módulo A.

Este Comité xa se pronunciou, ó dictamina-la Orde, sobre á necesidade de fixar uns límites a esta clase de gastos, establecendo como límite axeitado o do 25%, polo que PROPÓN que este límite se manteña na Resolución.

4. Artigo 10º.2. Axudas e bolsas.

Este apartado establece no seu parágrafo quinto, a relación de especialidades que, cumpridos os restantes requisitos, darían lugar á axuda de aloxamento e manutención.

Este Comité considera este punto restrictivo e PROPÓN redacta-lo devandito parágrafo da maneira que segue: “-Que a especialidade que se vai impartir sexa algunha das seguintes que se relacionan a continuación ou calquera outra que non se imparta nun radio inferior a 75 quilómetros e que figure no informe elaborado polo orientador laboral.”

5. Artigo 11º. Publicación de anuncios.

No borrador este artigo figura, por erro, como artigo 10º, cando ten que se-lo 11º.

6. Artigo 12º.1. Módulos de orientación profesional.

Este precepto fixa o tempo dedicado a información e orientación profesional e sobre técnicas de busca de emprego, establecendo unha duración máxima de 20 horas.

Este Comité quere facer unha chamada á Consellería sobre a necesidade de ter en conta dentro destes módulos información e orientación sobre as empresas de economía social, polo que a duración máxima indicada de 20 horas debería incrementarse no tempo necesario para recoller un módulo sobre o concepto de economía social.

7. Artigo 15º.2 e 3. Prácticas en empresas.

Nos apartados 2 e 3 deste precepto establécese respectivamente o contido das solicitudes, así como a obriga de poñer en coñecemento dos representantes legais da empresa e da Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que realizarán as prácticas, antes do comezo das mesmas.

Este Comité considera preciso introducir diversas modificacións na redacción destes dous apartados.

En primeiro lugar, engadir un punto h) que diría: “As empresas coas que se realicen convenios de colaboración para as prácticas non laborais deberán cumpri-la normativa en materia de prevención de riscos laborais.”

En segundo lugar, modifica-la redacción do apartado 3, trasladando ó apartado anterior un novo punto sobre a obriga de comunicación ós representantes legais dos traballadores, deixando o apartado 3 cunha nova redacción.

En consecuencia, este Comité PROPÓN engadir un punto i) que diría: “Acompaña-la comunicación, antes do comezo das prácticas, ós representantes legais dos traballadores na empresa relacionando os alumnos que as realizarán.”

O apartado 3 do citado artigo 15º quedaría como segue: “Antes do comezo das prácticas a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a delegación provincial, segundo proceda, trasladará á Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que as realizarán.”