ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012

I. ANTECEDENTES

O día 17 de febreiro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

En desenvolvemento do título II da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a Consellería de Traballo publicou o Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, a consecución da inserción laboral en clave de igualdade laboral convértese nunha das claves para facer efectivo o principio de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, xa que este é un dos ámbitos en onde, ata o de agora, foi máis visible a desigualdade. Así, esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 27 de maio de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 7 de marzo de 2011 (Ditame 11/11), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidades, os seguintes aspectos:


Obsérvase no artigo 4º unha diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria nas axudas relativas á liña I.

Para ser beneficiarias das axudas da liña I, as empresas deberán contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras, no momento da presentación da solicitude (artigo 5º).

Polo que respecta á liña I, terá a consideración de gasto subvencionable (artigo 6º) a asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade convocados ou impartidos por entidades públicas ou privadas con experiencia e prestixio na materia, distintas da empresa solicitante da axuda. Só se concederá a subvención se as persoas destinatarias da formación son distintas de aquelas que xa a recibiron en exercicios anteriores.

Únicamente se subvencionarán os gastos realizados e facturados, directamente, pola propia entidade impartidora da actividade formativa (artigo 6º).

Por outra banda, neste proxecto normativo engádese a posibilidade da presentación das solicitudes das axudas (artigo 15º) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Polo que se refire á relación da documentación xenérica que debe acompañar ás solicitudes (artigo 15º), suprímese a copia compulsada do documento TC2 da empresa e engádese a obriga de achegar a documentación xustificativa dos criterios de avaliación.

Este proxecto normativo cubre as accións que se realizarán entre o 28 de xuño de 2011 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas (artigo 16º).

En relación á valoración das solicitudes presentadas (artigo 19º), suprímense con respecto aos criterios establecidos na orde do exercicio anterior, a valoración do número total de mulleres beneficiarias das accións e a proposta formativa concertada pola empresa para o seu persoal e en materia de igualdade. Ao mesmo tempo, neste proxecto normativo modifícase a puntuación dos criterios referidos á porcentaxe de mulleres traballadoras e á utilización da lingua galega e, introdúcese unha distinción entre os criterios xenéricos para todas as liñas e os criterios exclusivos para a liña I.

No caso de empate na puntuación, terase en conta a orde establecida nos propios criterios de valoración e, no caso de persistir, a data de presentación da solicitude (artigo 19º).

Para proceder ao pagamento (artigo 21º), suprímese a obriga de achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención na relación da documentación xenérica. No suposto das axudas relativas ás liñas I, II e III, modifícanse algúns aspectos da documentación de carácter específico.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 1 de marzo de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:
• 1 consideración xeral e 7 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 1 consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo II)
• 1 consideración específica manifestada polo SN. de CC.OO. de Galicia (Anexo III)
• 4 consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV)
• 1 consideración específica manifestada pola CEG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (Anexo V) e
• 1 consideración específica manifestada pola CEG, UGT-Galicia e CIG (Anexo VI).



DITAME 4/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de marzo de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
Este Comité reitera as consideracións feitas nos Ditames 27/06, 5/08, 14/08, 15/08 e 33/08, todos eles relativos á mesma materia e perfectamente aplicables á orde que se somete a ditame, que se poden consultar na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).

Segunda.-
No Capítulo IV, relativo ás Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, regúlase, no artigo 13º, a contía das axudas.

Este Comité entende que non pode compararse o custo da creación ou habilitación dunha sala de repouso ou lactación, coa habilitación de servizos de comedor e gardería, para o cal considéranse insuficientes as contías máximas por entidade beneficiaria que figuran no referido artigo 13º: 15.000 € para o caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas e 50.000 € cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 4º. Financiamento.
Este Comité non entende a distribución do financiamento destas axudas se temos en conta que as liñas II e III quedaron desertas no exercicio 2011, que a liña II é a única que incrementa o crédito e que a liña I é a que máis diminúe, sendo esta última liña a única que presenta axudas concedidas.

Segunda.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No quinto parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que o número máximo de convocatorias nas que se poderán solicitar estas axudas será de oito, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade superase os oito anos.

Este Comité considera excesiva a cifra de 8 anos para o desenvolvemento dun Plan de Igualdade. Un Plan non debería superar os 4 anos entre a súa posta en marcha e a súa finalización, sen prexuízo de que algunha das medidas –por exemplo, aquelas que supoñan cambios arquitectónicos nas infraestruturas da empresa en cuestión- necesite dun abano algo máis amplo de tempo para o seu remate, pero nunca estendéndose máis aló de 6 anos.



Terceira.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No apartado 1 letra b) deste artigo recóllese como gasto subvencionable a asistencia a cursos de formación, excluíndose de xeito expreso as xornadas, seminarios, congresos e similares, pero non indica claramente o que se considera por curso.

Este Comité entende que debería indicarse o número mínimo de horas para que sexa considerado como curso, tendo en conta o disposto na Liña I, apartado b) do artigo 7º no que se cuantifica a contía das axudas en función da duración do curso.

Cuarta.- Artigo 10º. Contía das axudas.
Este Comité valora positivamente o incremento do compromiso de contratación feminina con respecto ao proxecto normativo do ano 2010, aínda que se considera insuficiente e debería facerse un esforzo por aumentalo, polo menos nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

Tamén consideramos que o mínimo de contratación en cifras debería ser maior, tanto nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras como nas de máis de 50.

Quinta.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No apartado 2.1 deste artigo, nos ítems 3, 4, 5 e 6, e no apartado 2.2, nos ítems 6, 9 e 12, solicítase copia compulsada de varios documentos na documentación xenérica. Este Comité considera que deberíase admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 19º.

Sexta.- Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 3 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade. Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Sétima.- Artigo 21º. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 3 deste artigo recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 31 de outubro da documentación que se relaciona. Esta Comité entende que este prazo de presentación resulta de difícil ou imposible cumprimento.

Por outra banda, este mesmo apartado recolle a posibilidade da presentación da documentación nunha data posterior ao 31 de outubro, establecida na resolución de concesión. As organizacións sindicais e empresarial consideran que esa nova posibilidade na resolución e non no texto da orde pode introducir elementos de discrecionalidade.

Oitava.- Artigo 23º. Obrigas das beneficiarias.
Na letra f) deste artigo establécese a obriga de adoptar as medidas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deberían especificarse no artigo as medidas concretas de difusión a adoptar.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases de elaboración do mesmo, carecendo de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Tendo en conta isto, consideramos preciso que un requisito para solicitar as axudas ás empresas para a implantación de plans de igualdade sexa asinar un acordo ou compromiso polas partes, que deberá ser incluído na documentación solicitada.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e cremos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan. Ademais hai que ter en conta a este respecto que moitas das empresas que solicitan estas subvencións non teñen representación sindical, polo que desde as centrais sindicais non podemos facer un seguimento nin constatar a traslación do recollido no plan á realidade laboral desta empresa.

Finalmente, entendemos que debería ser de obrigado cumprimento pola empresa trasladar á representación sindical a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas, en calquera das tres liñas de subvención.

Consideracións específicas:

Primeira.-
O proxecto normativo sometido a ditame denomínase “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2012”.

Os sindicatos UGT-Galicia, CC.OO. de Galicia e CIG consideran que o título da orde debería especificar que estas axudas se dirixirán soamente ás pemes con domicilio social en Galicia.

Por outra banda, as organizacións sindicais consideran que debería facerse constar que os centros de traballo estean radicados na Comunidade Autónoma de Galicia para determinar os importes das subvencións.

Segunda.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
Respecto das empresas ás que non lles será de aplicación a Liña I de axudas, ademais das que teñan unha obriga legal de implantar plans de igualdade, debería de excluírse tamén as que teñan esta obriga por un convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Os plans de igualdade que se subvencionan deberían de ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Terceira.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
No apartado 1.a) deste artigo consideráse gasto subvencionable a realización dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia consideramos necesario que esta diagnose a realicen os departamentos de recursos humanos das empresas solicitantes, asesoradas, se procede, por unha consultora privada, pero nunca debe tratarse dun traballo realizado exclusivamente pola consultora, polo que debería eliminarse a posibilidade de subvencionar o 100% dos custos nestes casos, como así se contempla no artigo 7º deste proxecto normativo.

Cuarta.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
Consideramos que poderíase puntuar positivamente a aquelas empresas que, en lugar de contratar a unha consultora privada para elaborar o Plan de igualdade, contraten a unha persoa experta durante o tempo que dure a elaboración e posta en marcha dese Plan.

Tamén poderíase puntuar positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial posto ao seu servizo para o desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.

Quinta.- Artigo 6º. Actividades subvencionables.
En liña co anterior e tendo en conta o disposto no apartado 1.d) deste artigo, que contempla como gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.

Sexta.- Artigo 7º. Contía das axudas.
Con respecto á Liña I, apartado d), que establece que a contía da axuda acadará ata o 10% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade, consideramos que debe esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente, de acordo co manifestado no último parágrafo da consideración cuarta deste anexo ao ditame, referida anteriormente.

Sétima.- Artigo 15º. Solicitudes e documentación.
No apartado 2, punto 2, liña I, 4º ítem, punto 5, que esixe acompañar unha relación dos traballos semellantes realizados pola empresa nos tres anos anteriores, consideramos que a relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que estea provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO CIG:

No capítulo II, relativo ás Axudas para a implantación de plans de igualdade, manifestamos, unha vez máis, a nosa desconformidade coa política de subvencións ás empresas para a elaboración destes plans, xa que ese podería converterse no seu principal obxectivo: beneficiarse dunha axuda económica, sen que os plans sexan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA

Artigo 10º.- Contía das axudas.
No relativo ao compromiso de contratación feminina, recollido no artigo 10º, consideramos que debería ser maior e suxerimos a elaboración dunha listaxe segundo un baremo, que podería establecerse na orde ou incorporarse ao Plan de igualdade, en función do número de persoas traballadoras das empresas, desde 1 a 250.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
A CEG considera que a Liña I de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.

Segunda.- Artigo 2º. Actuacións e gastos subvencionables.
Á vista dos resultados do informe da convocatoria anterior, a CEG propón que para impulsar as medidas recollidas nas liñas II e III deste proxecto de orde que quedaran desertas, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas, entendendo que as circunstancias económicas favorecen a adopción das medidas recollidas na liña I, en detrimento das liñas II e III.

Terceira.- Artigo 3º. Beneficiarias.
No parágrafo segundo deste artigo establece que as empresas beneficiarias deben ter contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, 10 persoas.

A CEG considera que debe manterse o disposto na orde para o exercicio 2011, na que o mínimo de persoas contratadas era catro, xa que non se xustifica este incremento e, ademais, reduce o impacto destas axudas.

Cuarta.- Artigo 12º. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como actividade subvencionable a adaptación do centro de traballo para poder realizar teletraballo.


ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 4º.- Financiamento.
As organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran moi negativa a progresiva diminución do importe no financiamento destas axudas, pasando a ser neste exercicio 2012 arredor do 19% do orzamento do exercicio anterior, cando xa sufrira unha diminución do 53% no exercicio 2011 respecto ao 2010.


















ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 5º.- Beneficiarias.
Tendo en conta a memoria explicativa deste proxecto normativo remitida a este Comité, as organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debería xustificarse o criterio polo que se establece a obrigatoriedade de que as empresas, para ser beneficiarias destas axudas, conten cun mínimo de 10 persoas traballadoras, recollido no apartado 2 deste artigo.