ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 27 de febreiro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo dispón o artigo 1º do proxecto normativo que se somete a ditame,  a finalidade deste réxime de axudas é fomentar e promover na Comunidade Autónoma de Galicia a creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a posta en marcha daqueles proxectos empresariais previamente cualificados como iniciativas locais de emprego (ILE) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego e nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.



Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 27 de maio de 2011 e o Ditame 13/11, emitido polo Consello con data 12 de abril de 2011, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Engádese no artigo 4º a definición, para os efectos deste proxecto normativo, de persoas con discapacidade.

Poderán ser obxecto da subvención á creación directa de emprego estable (artigo 6º) os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2011. De igual xeito, a subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación (artigo 7º), a subvención financeira (artigo 9º) e a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (artigo 10º) determinarase para as contratacións realizadas desde o 1 de outubro de 2011.

Ao abeiro deste proxecto normativo, serán subvencionables os gastos orixinados polo apoio á función xerencial (artigo 8º) e os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa (artigo 10º) que sexan xustificados mediante facturas emitidas desde o 1 de outubro de 2011. En todo caso, o pagamento dos gastos obxecto destas axudas deberá terse realizado antes do 31 de decembro de 2012.

Por outra banda, neste proxecto normativo engádese a posibilidade da presentación das solicitudes das axudas (artigo 13º) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Nos criterios de baremación das solicitudes presentadas (artigo 16º), valorarase con 5 puntos o feito de que as empresas teñan o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

As persoas ou entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión. Excepcionalmente, poderase conceder unha ampliación do prazo para a presentación da xustificación que non exceda da metade deste (artigo 18º).

O orzamento asignado a estes programas increméntase lixeiramente de 1.467.631,04€ que establecía a orde do 2011 a 1.827.455,00€ que presenta este proxecto normativo (Disposición adicional cuarta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e seis artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 7 de marzo de 2012 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


Así mesmo, contén, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I); unha específica manifestada pola CEG e as organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II); unha específica manifestada pola CIG (Anexo III) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo IV).





DITAME 5/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de febreiro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de marzo de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “desempregados” no artigo 6.1.A; “expertos técnicos” no artigo 7) e o uso xeral das barras (por exemplo: “autónomos/as” no artigo 3; “ex reclusos/as” no artigo 4.2.c.), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.-  Artigo 4º. Definicións.
No apartado 2 deste artigo, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Segunda.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Terceira.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2012 ou no establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.



Cuarta.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 4 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se recupere a vixente en exercicios pretéritos co límite de 1 punto.

Quinta.- Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
No segundo parágrafo do apartado 3 deste artigo establécense os gastos subvencionables.

Este Comité propón que tamén se consideren subvencionables e se inclúan neste apartado, os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.

Sexta.- Artigo 17º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Sétima.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo, ao igual que no artigo 21º, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Oitava.-  Disposición transitoria primeira (sic).
Obsérvase que neste proxecto normativo aparece tan só unha disposición transitoria, propoñéndose o cambio na denominación, xa que o correcto sería “disposición transitoria única” ou “disposición transitoria” e non “disposición transitoria primeira”.

Novena.- Disposición derradeira primeira e Disposición derradeira segunda (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

Primeira.- Artigo 6º. Subvención a creación directa de emprego estable.
No último parágrafo do apartado 1 de este artigo establecese que, cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, S.N. de CC. OO. de Galicia e CIG consideran que debería eliminarse este parágrafo, deixando estes incentivos soamente para os supostos de dedicación a tempo completo.

Segunda.-Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo, no seu apartado 2, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras obxecto de subvención ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia,  S.N. de CC. OO. de Galicia  e CIG consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.




















ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
O apartado 2 deste artigo, parágrafo segundo, establece a contía máxima de 6.000 euros por posto de traballo estable creado, agás que sexa ocupado por un mozo ou moza de 30 ou menos anos ou por unha muller, que poderá acadar a contía de 8.000 euros.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propoñen que a excepción contemplada neste apartado estableza igual importe que figuraba  na orde do exercicio 2009, é dicir, 9.000 euros.

ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 3 deste artigo establece que cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO IV


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 9º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.